00:07 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Ourense elabora o primeiro protocolo de integración dunha cidade de Galicia para proporcionar unha atención integral aos refuxiados

Stadio Sport  |  19 de septiembre de 2015 (19:31 h.)

Un equipo de 4 profesionais coordinará a atención, asesoramento e  servizos a disposición deste colectivo. Activaranse recursos en materia de vivenda, asistencia médica e psicolóxica, organizaranse sesión informativas, clases de idiomas, seguemento da escolarización dos nenos e apoio na inserción laboral

 

O Concello de Ourense porá á disposición dos refuxiados que cheguen á cidade un amplo programa de recursos e servizos destinados a acompañalos e facilitar a súa integración social. A Concellería de Asuntos Sociais, que dirixe Sofía Godoy, elaborou un protocolo municipal de atención e acollida a refuxiados, que definirá e concretará os servizos e atencións que proporcionará o Concello, e que xa foi remitido á Fegamp. O de Ourense é o primeiro protocolo destas características que elabora unha cidade de Galicia.

O servizo estará centralizado no programa de atención a inmigrantes, que xa presta na actualidade a Concellería de Asuntos Sociais.  Un equipo formado por 4 profesionais: un traballador social, un educador, un xurídico e un psicopedagogo  será o encargado do seu desenvolvento. O seu labor consistriá en garantir a atención, información, asesoramento e seguemento aos refugiados desde a fase de acollida ata a súa integración social.

Os servizos se complementarán cos que desde a Concellería de Asuntos Sociais se dirixen  a persoas inmigrantes residentes na nosa cidade, ainda que adaptados ás peculiaridades e problemáticas específicas que teñen os refuxiados.

 

Un dereito humano fundamental

O protocolo lembra que o dereito a buscar e recibir asilo é un dereito humano fundamental, que se deriva do principio internacionalmente recoñedido do respecto á dignidade das persoas e das obrigas legais asumidas polo Estado en virtude da sinatura da Convención de 1951 sobre Estatuto dos refuxiados, o seu protocolo de 1967 e outros instrumentos internacionais.  A convención define ao refuxiado como aquela persoa que debido a fundados temores de ser perseguida por motivos de raza, relixión, nacionalidade, pertenza a determinado grupo social ou opinións políticas non pode ou non quere regresar ao seu país de orixe ou, se é apátrida, ao país da súa residencia habitual.

 

Intervención continuada durante tres fases

O protocolo elaborado pola Concellería de Asuntos Sociais prevé a intervención social cos refuxiados nas tres fases sucesivas desde a súa chegada á cidade: acollida, asentamento e inserción.

Na fase de Acollida o traballo centrarase en suavizar na medida do posible o impacto que a realidade do país e as circunstancias da chegada teñen no refuxiado, así como en cubrir as necesidades básicas da persoa que requiran una actuación inmediata.

Como recursos desde o Concello, en colaboración con outras administracións e entidades coordinaranse accións para proporcionar aloxamento, asistencia médica, psicolóxica e psiquiátrica a estas persoas.

Organizaranse sesión informativas, contarase cun intérprete e mediador cultural, e prestaranse servizos de acompañamento e voluntariado. Tamén se impartirán clases de idioma, servizo de apoio á escolarización dos nenos e facilitará o acceso ás prestacións de emerxencia.

Na fase de asentamento, continuará ese labor de apoio con traballo social, entrevistas de seguemento, realización de informes sociais, e se prestará apoio para atopar una vivenda económica ou atopar emprego, entre outras.

O apoio aos refuxiados continuará na terceira fase, a denominada autónoma, na que o traballo centrarase en axudar ao refuxiado a normalizar a súa situación, seguemento e apoio no trámite de reunificación familiar e formaranse grupos de refuxiados no que se traballarán diferentes aspectos para superar as dificultades que se van atopando no proceso de integración, e que servirán como redes de apoio para outros refuxiados recén chegados.

Hemeroteca