17:42 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A oitava edición da FITO deixará en Ourense dez días de intensa actividade teatral

Haberá máis de 30 espectáculos e tres estreas absolutas. As obras poderán verse no Auditorio Municipal, Teatro principal, antiga Capela da Universidade e polas rúas da cidade

Stadio Sport  |  30 de Septiembre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

Do 2 ao 12 de outubro. Son as datas da oitava edición do Festival Internacional de Teatro de Ourense (FITO), que vén de presentarse este martes na sala Ángel Valente: máis de 30 actuacións, entre as que se atopan obras premiadas en diferentes certames internacionais e tres estreas absolutas, obradoiros prácticos, charlas para profesionais, obras de rúa e “algunha sorpresa sen desvelar”, en palabras de Ánxeles Cuña, directora do Festival.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, exerceu de anfitrión da presentación, e quixo agradecer a todas as institucións que o acompañaron na mesa -Deputación de Ourense, Agadic e Universidade de Vigo- “o feito de sumar para facer realidade proxectos que converten Ourense en obxecto das miradas de todo o mundo, neste caso do mundo do teatro”. Do mesmo xeito, recoñeceu o labor da compañía Sarabela -organizadora do certame-, “por ser bos e xenerosos embaixadores de Ourense este vasto mundo do teatro” e animou os ourensáns a acudir “aos espazos culturais da cidade para vivir intensamente toda a programación do FITO”.

No tocante á programación do FITO, Ánxeles Cuña destacou a diversidade e calidade das propostas, “unha mestura de compañías emerxentes e compañías cunha ampla traxectoria” que de seguro nos sorprenderá. Así, quixo poñer o acento na italiana Frida Kahlo, que pechará o Fito con La Merda, a portuguesa Teatro Art'imagem, que con As veias abertas da humanidade repasará a obra de Eduado Galeano, a boliviana Teatro de los Andes, que será a primeira do seu país en estar en Ourense, ou a suíza L'Alakran, que malia carecer dun percorrido tan contrastado coma as anteriores, emprega unha linguaxe ruturista no mundo da escena que xa convenceu o público do Fringe de Edimburgo.

 

Estreas galegas

En canto ás propostas nacidas en Galicia, Cuña destaca as tres estreas de Matarile Teatro (El cuello de la Jirafa), os lugueses Lucecús (A órbita do lucecú) e a obra para animación de rúa dos ourensáns Trécola Teatro. Todo isto sen desbotar nomes coma os de Chus Pato e Iolanda Zúñiga, a masterclass que impartirá Marco Canale ou os encontros “Mulleres Creando”, que tentarán facer visible o grande labor en feminino no mundo do teatro.

As obras poderán verse no Auditorio Municipal, Teatro Principal, Antiga Capela da Universidade e polas rúas da cidade, e as entradas van desde os 3 ata os 8 euros con descontos para estudantes, xubilados e desempregados.