00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Manuel Baltar participa na asemblea de "Partenalia", que reúne a gobernos locais intermedios de Europa

Stadio Sport  |  02 de octubre de 2015 (02:19 h.)

O cumio, que se celebra en Castellón, certificará a entrada da Deputación de Ourense nesta organización política, que ten como obxectivo a innovación, o traballo en rede e representar os intereses dos gobernos locais en Europa

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participa na asemblea de "Partenalia", a organización política de gobernos locais intermedios de Europa, que celebra no Pazo Provincial da Deputación de Castellón a súa primeira xornada, coa presenza de representantes de gobernos provinciais e administracións locais intermedias de España, Francia Bélxica, Italia, Reino Unido e Croacia.

O cumio certificará a entrada da Deputación de Ourense neste movemento xeopolítico -cuxa adhesión foi aprobada polo pleno do goberno provincial o pasado 25 de setembro-; ten como obxectivo a innovación, o traballo en rede e representar os intereses dos gobernos locais en Europa, e mañá venres terá lugar a reunión do Consello Político, en cuxo marco asinarase o acordo de colaboración entre Partenalia e a FEMP e analizaranse os proxectos europeos que desenvolverá a organización.

Manuel Baltar destacou ao remate da primeira xornada que a entrada en Partenalia "supón un posicionamento claro de Ourense e do seu goberno provincial no contexto das administracións públicas e dos territorios que contan cunha visión de futuro, e supón tamén compartir experiencias con gobernos locais intermedios doutas nacións e ter unha posición de liderado dentro das deputacións de España, que se reforza asemade coa participación da Deputación de Ourense na FEMP en na Fundación Democracia e Goberno Local".

Baltar destacou a importancia do "traballo en rede" e de "establecer alianzas estratéxicas internacionais a prol da innovación e do desenvolvemento do noso territorio con iniciativas punteiras". Neste senso, lembrou que o pasado ano só dúas deputacións de España, Ourense e Badaxoz, "fomos convidadas para falar en Bruxelas, no Comité das Rexións, do proceso de transformación das deputacións. É un paso máis na liña de coñecer experiencias de gobernos locais intermedios similares ás deputacións doutras nacións de Europa e de establecer canles de cooperación para desenvolver conxuntamente proxectos na procura dunha mellora do territorio que xestionamos e das veciñas e veciños de Ourense".

Manuel Baltar defende a necesidade de crear a "Asemblea europea das provincias", un organismo no que estarían representados os municipios dos estados membros da UE a través dos seus correspondentes gobernos locais intermedios, e que permitiría "dar voz á provincia e aos pequenos e medianos concellos", Asemade, o presidente do goberno provincial avoga por traballar conxuntamente a prol de proxectos que melloren os ámbitos tecnolóxico, de servizos sociais e de infraestruturas, e para elo propón unha xestión coodinada de servizos –un modelo desenvolvendo con éxito na Deputación de Ourense en ámbitos como o do medio ambiente e os servizos sociais-, "porque o traballo en rede permitiranos levar a cabo unha estratexia entre os gobernos intermedios de Europa para achegar financiamento dos fondos 2020 e para executar proxectos innovadores e que realcen as singularidades competitivas do noso entorno".

Manuel Baltar falou tamén do modelo que desenvolveu na Deputación de Ourense, que en menos de tres anos situou á institución provincial ourensá na vangarda de moitos indicadores de xestión administrativa, ética e económica. "Temos que dar prioridade á eficacia na xestión económica, á política de "goberno verde", á participación cidadá, ao termalismo, á eficiencia enerxética e aos avances tecnolóxicos baseados no concepto de "Provincia intelixente", centrándonos en aqueles aspectos que poden achegar competitividade e modernidade á nosa provincia", explicou.

Partenalia, plataforma que representa os intereses dos gobernos locais intermedios de Europa, promove dende a súa creación, hai 16 anos, iniciativas innovadoras e o intercambio de mellores prácticas a escala transnacional, sendo un órgano de referencia para desenvolver políticas innovadoras no ámbito local.

Hemeroteca