16:47 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Manuel Baltar clausura os actos do 50º aniversario do Polígono de San Cibrao das Viñas

"A gran virtude dos pioneiros que construíron o Polígono foi que creron e apostaron por Ourense, con paixón e grandes doses de ilusión e emprendemento", expresou o presidente do goberno provincial

Stadio Sport  |  29 de Septiembre de 2015 (15:02 h.)
Más acciones:

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de clausurar os actos conmemorativos do 50º aniversario do Polígono de San Cibrao das Viñas. Tanto no evento celebrado na denominada "Arboreda do tempo" –na que se plantaron 50 árbores en homenaxe aos anos que trascorreron desde a creación do polígono- como na gala que tivo lugar no Auditorio Municipal de Ourense, Baltar tivo palabras de agradecemento para a Asociación de Empresarios, representada na persoa do seu presidente, Elías Mera, e para persoeiros como Ricardo Martín Esperanza, David Ferrer, Eduardo Barreiros, Eulogio Gómez Franqueira, Olano Gurriarán, Ángel Mario Carreño, Ángel Ruiz Fildago, López Ramón, Manuel Gómez-Franqueira, Fernández Julbe e Manuel Rodríguez de la Fuente, "porque todos eles e moitos máis pertencen á historia con maiúsculas de Ourense".

"Para triunfar hai que atreverse, e os que puxeron en marcha este polígono e todas as empresas que integran este motor económico de Galicia tamén se atreven. Un día tiveron unha idea, apostaron, arriscaron e triunfaron. Fixeron unha aposta polo seu patrimonio pero tamén unha aposta polo noso territorio: creron en Ourense", expresou Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial lembrou que foi a Deputación de Ourense quen promoveu, daquela, a creación da Caixa de Aforros Provincial de Ourense e que conxuntamente con esta entidade "foi tamén un dos primeiros actores que puxo en valor esta zona industrial da nosa provincia, para situala como un referente galego e español".

Amor, paixón e corazón foron, en opinión de Manuel Baltar, os elementos que conformaron o cerne do Polígono industrial de San Cibrao das Viñas. "O tan demandado enlace coa A-52 é importante, por suposto que si, pero máis o son os seus empresarios e ese asociacionismo que puxo en valor o polígono e que fai que hoxe, acertadamente, celebremos os seus cincuenta anos", afirmou o presidente provincial, quen engadiu que aínda queda moito por vir "a este territorio que deu sobradas mostras do seu bo facer como pobo traballador, creativo e emigrante que é; un territorio de talento que non o sería tanto se non tivese un espazo como o Polígono de San Cibrao para dar renda solta a esa imaxinación que fai deste Ourense un ilusionante proxecto colectivo. O goberno provincial está e seguirá estando ao seu carón para potencialo, para promovelo e para loitar por Ourense".

Os actos contaron coa presenza, ademais de Manuel Baltar, do conselleiro de Industria, Francisco Conde; dos alcaldes de San Cibrao da Viñas e de Ourense, Manuel Fernández e Jesús Vázquez; do presidente da Asociación de Empresarios do polígono, Elías Mera, e en representación dos empresarios, directivos das tres primeiras firmas que se instalaron no polígono: Barreiros Ourense (CIE Galfor), Muebles Calvo e Orember (Finsa).

No acto que tivo lugar na "Arboreda do Tempo", ao carón do edificio multiusos do polígono e no que colaborou a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense interpretando como peche o Himno Oficial de Ourense, as autoridades descubriron unha placa de homenaxe cos nomes de todas as empresas que nestes cincuenta anos integraron e integran esta área empresarial, e púxose en valor a importancia dos datos económicos que xera o polígono, que conta con 8.000 traballadores e 360 empresas instaladas na actualidade e cuxa facturación supón o 20 % do PIB provincial, cunha porcentaxe de actividade industrial que é o 10 % do total da provincia, todo elo nunha superficie de 4,8 millóns de metros cadrados.