00:02 h. jueves, 28 de marzo de 2024

“Lobos Sucios”, película sobre a explotación das minas de wolframio en Ourense, abrirá a XX edición do OUFF

Stadio Sport  |  05 de octubre de 2015 (02:00 h.)

A fita está dirixida polo coruñés Simón Casal e protagonizada por Marían Álvarez e Manuela Vellés. Describe feitos históricos ocorridos no oriente da nosa provincia, cando os nazis levaban o mineral para a súa maquinaria bélica

 

A longametraxe “Lobos sucios”, do novo director coruñés Simón Casal, será a película que abra a vixésima edición do Festival de Cine de Ourense (OUFF) . Que constitúa “unha boa historia”, segundo César Silva, responsable de programación, xunto co feito de ser un filme galego no que se rescata a explotación do wolframio nas minas dos concellos mais orientais da provincia de Ourense durante a Guerra Mundial, foron circunstancias decisivas para que os responsables do certame se inclinaran por ser fieis á tradición de abrir o festival cunha película galega ou que conta historias vencelladas á Galicia. Na edición anterior esa honra correspondeulle á laureada “A Esmorga”, do director rués Ignacio Vilar, a encargada de levantar o telón na sesión inaugural.

“Lobos sucios”, que terá en Ourense a sua estrea en España, está coproducida polas produtoras Agalla Films, Dream Team Concept e Left Field, de Galicia, Cataluña e Bélxica, respectivamente, que contan coa colaboración do Instituto da Cinematografía e as Artes Audiovisuais, así como da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). Está protagonizada por Marián Álvarez (Manuela) e Manuela Vellés (Candela).

O director, Simón Casal, ten manifestado que todo xordeu co documental 'Lobos Sucios' de Felipe Rodríguez –que é tamén co guionista na película-, a partires do que foron preparando o guión durante dous anos. As localizacións foron moi complicadas para reproducir de xeito fidedigno a situación que vivían os mineiros.

A película reflicte a historia de dúas irmás que residen nunha zona rural illada. Unha traballa no lavadoiro da mina e a outra, que se adica ao estraperlo nas montañas. A trama empeza cando un espía belga ten a misión de facer unha sabotaxe no cargamento que van enviar os nazis ás fábricas de armamento en Alemaña. 'Manuela e Candela no son conscientes de toda a complexidade do que está pasando alí. Pouco a pouco descobren a dificultade da situación e implícanse no que está en xogo.

A explotación do wolframio foi unha actividade singular debido a que a maquinaria bélica dos nazis, ademais do desexado combustible, tiña necesidade imperiosa dun metal pouco común, o wolframio. De feito, as principais minas que abastecían ao exército alemán e aos aliados, estaban en Galicia e no norte de Portugal. É un metal de suma importancia na industria moderna, e moi cobizado polos exércitos en campaña, pois dada a súa resistencia extrema, era fundamental tanto para reforzar os blindaxes dos carros, como para a punta dos proxectís. A estreita relación de Hitler con Franco fixo fácil o abastecemento deste material, asentando pobos mineiros en Galicia e un holding detrás: Sofindus (Sociedade Financeira e Industrial).

Esa actividade xerou moreas de historias relacionadas cas minas de wolframio e todas as idas e vidas de espías e guerra sucia nos dous bandos da gran guerra. Houbo moita xente que se fixo inmensamente rica, pois os ingleses, conscientes da dificultade de neutralizar a produción que se facía nun país neutral, acabaron comprando o wolframio a boca de mina ofrecendo sempre mellores presos que os alemán, ademais de ofrecer todo tipo de subornos, estratexia que acabou por rebentar o mercado. A pesares da importancia que tivo a explotación do wolframio nesa época, o cine apenas se tiña fixado nela ata o de agora.

Hemeroteca