00:00 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Emprego, temas sociais e cooperación, centran o I Cumio provincial de alcaldes co presidente da Deputación de Ourense

Stadio Sport  |  05 de septiembre de 2015 (20:50 h.)

Manuel Baltar destaca a importancia da autonomía local e da colaboración entre concellos e goberno provincial "para ter entre todos unha visión global de provincial". O presidente avanzou que os orzamentos do ente provincial para 2016 se incrementarán e incluirán un Plan de Axuda á Empregabilidade nos concellos e un Plan de Mocidade Activa

 

Expourense acolleu onte o I Cumio provincial de alcaldes e alcaldesas co presidente da Deputación de Ourense, un encontro que foi cualificado como moi positivo polos rexedores locais polo que supón dunha excelente oportunidade para poñer en común estratexias, proxectos e iniciativas a prol da provincia dun xeito participativo e aberto, "para desenvolver unha política máis conectada coa realidade local de Ourense", afirmou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar.

Na súa intervención de apertura do cumio, Manuel Baltar destacou a importancia da autonomía local e da colaboración entre concellos e goberno provincial "para que entre todos teñamos unha visión global de provincia". O presidente avanzou que os orzamentos do ente provincial para 2016 se incrementarán e incluirán un Plan de Axuda á Empregabilidade nos concellos e un Plan de Mocidade Activa, destinándose para o primeiro deles 900.000 euros e para o segundo un total de 600.000 euros. Ademais diso, explicou que se porá en marcha un Plan de apoio á natalidade, dotado con un millón de euros, e que o Plan Provincial de Obras incrementará a contía correspondéndolle a cada concello 52.500 euros máis 3.000 euros do proxecto.

Manuel Baltar agradeceu aos alcaldes e alcaldesas as súas achegas e participación no cumio "porque estamos na liña de transformación da provincia, unha labor continua que temos que facer entre todos, na procura de proxectos comúns que xeren emprego, benestar e competitividade, o que supón crer en Ourense, que é o que nos move".

Por parte dos alcaldes interviron no cumio os rexedores de Allariz, Ribadavia, Vilar de Santos, Baños de Molgas, Os Blancos e Cenlle, quen reclamaron das administracións un maior equilibro territorial, solidariedade financeira e intensificar o traballo en rede para potenciar as singularidades comarcais como son os ámbitos forestal, da viticultura, e da lousa, entre outros.

Manuel Baltar apuntou as liñas estratéxicas do Plan Ourense 15-19 e dixo que este cumio ten como obxectivo "informar á deputación, escoitar e ser unha nova canle de comunicación permanente", destacando o dobre papel da Deputación de Ourense: asistir e cooperar cos concellos e defender unha visión integral de provincia. Logo de comentar os antecedentes do Plan Ourense 15-19, que foi o Plan Ourense 92, Manuel Baltar dixo que neste décimo mandato local (2015-2019) "temos unha aposta clara pola política e polos políticos, os protagonistas da administración local". Neste senso destacou a importancia que ten a formación e avanzou que o vindeiro mes de outubro a deputación impartirá dos seminarios dirixidos aos alcaldes, un sobre "Como gobernar un concello", impartido por Jiménez Asensio, e outro sobre "Liderado político", a cargo da Fundación Democracia e Goberno local.

Sobre o Plan Ourense 15-19, Baltar subliñou que os obxectivos específicos son o Plan termal, a Axencia da Enerxía e do Medio Ambiente, o plan de Competitividade e a "Provincia intelxente", sendo as liñas estratéxicas o deporte, o turismo, o Ourense tecnolóxico, a participación cidadá, o Ourense Verde e o Ourense habitable. Das 77 accións contempladas no Plan Ourense 15-19, 26 delas están orientadas directamente aos concellos e a súa xestión.

Neste ámbito da xestión, Manuel Baltar anunciou a creación por parte da Deputación de Ourense do Premio "Colaboremos 93", que premiará a mellor boa práctica na xestión municipal, iniciativa na que o goberno provincial asumirá o 80 % do custe da súa implantación.

O presidente da deputación expresou "a máxima dispoñibilidade" para abrir unha canle de comunicación permanente cos concellos, "procurando a prestación de servizos públicos coa máxima calidade, pois todos os veciños e veciñas da provincia teñen os mesmos dereitos residan onde residan", e engadiu que os campos para esa cooperación "son ilimitados e poden abranguer cuestións no ámbito das infraestruturas, no eido medioambiental, e mesmo actuacións culturais, enerxéticas ou deportivas, sen descoidar a innovación como asistir e cooperar en materia de transparencia institucional".

Esta nova canle de comunicación entre deputación e concellos permitirá formular suxestións á política provincial, informar dos plans da Deputación e facer unha valoración dos mesmos. "Todo elo para desenvolver unha política máis interactiva e achegada ao cidadán. É un novo xeito de relacionarnos entre administracións cun obxectivo común irrenunciable: Ourense", afirmou Manuel Baltar.

Hemeroteca