00:02 h. jueves, 18 de abril de 2024

O Concello de Ourense reforzará o apoio ao comercio local para a campaña de Nadal

Stadio Sport  |  16 de septiembre de 2015 (17:19 h.)
Mesa comercio 1

O Concello destinará 84.000 euros á iluminación artística, que as asociacións do sector poderán reforzar nos seus propios barrios

O Concello de Ourense reforzará o apoio ao comercio local para a próxima campaña de Nadal, colaborando estreitamente coas diferentes asociacións do sector. O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, participou esta mañá na xuntanza da Mesa de Comercio Local, na que trasladou ás asociacións da cidade a vontade do goberno municipal de prestar o seu apoio ao comercio local nestas festas estratéxicas para a súa actividade, con diferentes medidas de apoio, coordinadas coas asociacións:

- Reforzo da iluminación de Nadal, incrementando sensiblemente o número de arcos e zonas iluminadas nos accesos, glorietas, zonas emblemáticas e os diferentes barrios da cidade

- Desenvolvemento dunha campaña de promoción do comercio local, que incentive o consumo nos establecementos comerciais da cidade.

- Elaborará dun programa de actividades culturais, de lecer e dinamización dos barrios que contribúan a estimular o ambiente festivo

- Implicación directa do Concello en actividades como o concurso de escaparates.

 

O alcalde convidou expresamente ás asociacións do sector a presentar as súas propostas e coordinar accións, integrándoas dentro da programación de Nadal do Concello para acadar os mellores resultados

Jesús Vázquez informou ás asociacións que o Concello aprobou esta semana  a contratación, por procedemento aberto, do servizo de instalación, posta en funcionamento, mantemento, e posterior retirada do alumeado de Nadal 2015-2016, cun investimento de 84.700 euros, que permitirá dotar á cidade dos tradicionais arcos e demais elementos decorativos de iluminación artística que contribúan a reforzar o ambiente festivo nas rúas e prazas da cidade, e estimular a actividade do comercio local nestas datas tan significativas.

O servizo inclúe a instalación da iluminación, a súa posta en funcionamento, o mantemento e tamén a posterior retirada do alumeado, que se ubicará nas entradas á cidade, nas glorietas, no centro da cidade, o Casco Vello, e os diferentes barrios da cidade.

O prego deixa aberta a posibilidade de incrementar o número de arcos e elementos decorativos se as asociacións comerciais se implican. Tamén se implicará a administracións e outras entidades para que doten de iluminación artística aos edificios máis emblemáticos.

Por outra banda, o Concello prepara un programa de actividades culturais e de lecer atractivas para estas festas, ao que se sumarán diferentes concellerías: Cultura e Festas, Comercio ou Participación Cidadá, que achegará actividades de dinamización dos barrios durante estas datas. O Concello integrará neste programa as iniciativas que promovan as propias asociacións comerciais.

Se convocará también este ano un concurso para premiar aos mellores escaparates de Nadal do comercio ourensán, neste caso en colaboración coa Cámara de Comercio de Ourense.

Na xuntanza participaron o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, a concelleira de Comercio, Ana Morenza, e técnicos desta área municipal, e representantes de asociacións comerciais como a Cámara de Comercio, asociación de mulleres empresarias, Praza de Abastos número 1, Río Mao, Couto e Norte. O alcalde emprazou ás asociacións a unha nova xuntanza da Mesa de Comercio Local, que se celebrará no vindeiro mes de novembro, para avanzar no desenvolvemento de todas as iniciativas.

 

Hemeroteca