17:40 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O Concello de Ourense creará un rexistro de animais potencialmente perigosos

A Xunta de Goberno Local aprobou un proxecto de ordenanza municipal para animais susceptibles de ocasionar a morte ou lesións a persoas

Stadio Sport  |  10 de Septiembre de 2015 (15:06 h.)
Más acciones:

 

O Concello de Ourense pretende contar cun ficheiro oficial no que rexistrará os animais potencialmente perigosos, aqueles que, segundo a lei, son susceptibles de ocasionar a morte ou lesións a persoas e outros animais, ou producir danos materiais de entidade. Así, a Xunta de Goberno Local (XGL) aprobou este xoves o proxecto de Ordenanza Municipal de Animais potencialmente perigosos, que será trasladado á Comisión de Pleno para a súa tramitación.

A lexislación vixente nesta materia é unha lei autonómica de 1993, que obriga os concellos  a censar todos os cans, e un decreto de 2002 que regula os animais potencialmente perigosos. É obrigatorio contar con esta ordenaza en virtude desta lei, a pesares de que non se fixo ata o de agora. Coa aprobación da ordenanza, será a propia Concellería de Sanidade a encargada de rexistrar este tipo de animais, especialmente os cans que tivesen algún episodio de agresión a persoas ou ataques a outros animais, cans adestrados para a defensa e cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento ou malos tratos.

A lista de razas potencialmente perigosa é a seguinte: american staffor, hire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, de Burdeos ou do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquín, rottweiler, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu.

Os propietarios deste tipo de cans (actualmente a área de Sanidade ten rexistrados 320) terán que obter unha licenza municipal mediante unha instancia no Rexistro. A ordenanza prevé igualmente que os propietarios deste tipo de cans leven consigo a licenza e, en lugares e espazos públicos, manteñan o can cun bozal axeitado. Non poderán ser conducidos por menores de 16 anos e, en todo caso, sempre controlados cunha cadena ou correa non extensible de menos de 2 metros., No caso contrario, o Concello estará obrigado a retirada e depósito do animal, así como a aplicar un réxime sancionador que pode ir dos 100 aos 500 euros das sancións leves (impostas polo Concello), ou dos 300 aos 3.000 euros no caso das graves (impostas pola Consellería de Medio Ambiente).

 

Actualización do catastro

A Xunta de Goberno Local do Concello de Ourense aprobou na súa sesión desta mañá a adxudicación, mediante procedemento aberto, do servizo de asistencia e apoio administrativo e técnico para os traballos de actualización e mantemento catastral do termo municipal de Ourense á empresa Servicios de Colaboración Integral S.L., por ser a oferta economicamente máis vantaxosa conforme aos criterios do prego de contratación, e tamén a mellor valorada no informe técnico.  O gasto concreto para o ano 2015 será aprobado pola XGL unha vez firmado o contrato.

No eido sanitario, a Xunta de Goberno deu luz verde a un convenio de colaboración entra a Concellería de Sanidade e a Universidade de Vigo, por importe de 1.000 euros, para a organización da primeira xornada internacional sobre lactación materna, que levará o título “Lactación, corpos, sexualidades, olladas históricas”.

No terreo cultural, a XGL aprobou a contratación da produción, xestión e explotación do Festival Reperkusión 2015 coa empresa El Festíbulo por importe de 14.520 euros.

 

Obras de mantemento en CEIPS da cidade

Fóra da orde do día, a Xunta de Goberno deu conta do informe de actuacións de mantemento nos CEIP da cidade. Durante o período comprendido entre o 01 de xuño e hoxe, 09 de setembro, o Concello de Ourense acometeu 76 obras de arranxo e mantemento nos Centros de Educación Infantil e Primaria (CEIP) da cidade. Estas actuacións se basearon conforme as peticións formuladas polos directores dos centros educativos, así como nas medidas de prevención nas instalacións (substitución de elementos deteriorados). Actualmente, a Concellería de Educación está traballando en múltiples peticións en colaboración coa xefatura territorial da Consellería de Educación, aportando persoal, material e coñecementos detallados das necesidades do CEIPs.

Durante o mes de xuño, tanto as brigadas pertencentes ao Servizo Municipal de Educación, como pequenas contratacións externas, atenderon ata 76 incidencias detectadas en 15 CEIPs (A Ponte, Albino Núñez, Amadeo Barroso, Covadonga, José G. García, Inmaculada, Irmáns Villar, Manuel Luis Acuña, Manuel Sueiro, Mariñamansa, Mestre Vide, O Couto, Prácticas, Seixalbo e Vistahermosa), así como na Biblioteca da Carballeira, a Galiña Azul de Barrocás e a EPA. Estas incidencias constaban de arranxo de portas e fiestras; desatascar urinarios, tuberías e sumidoiros; substitución de elementos deteriorados eléctricos e de grifería; revisión e arranxo de instalacións eléctricas, instalación de tarima, pintado de paredes e elementos, etc..

Durante o mes de xullo, a brigada municipal aproveitou para axustar todo aquelo que non deu tempo suficiente ao longo do curso escolar. Así, o electricista revisou os CEIPs en busca de avarías e barras fluorescentes fundidas. Os carpinteiros e pintores revisaron e repararon as persianas, pechaduras, encerados, etc., en todos os CEIPs coa axuda dos conserxes (coñecedores das carencias dos centros) para optimizar o tempo. Tamén se pintaron espazos comprometidos e se instalou tarima flotante onde foi preciso. Por último, o fontaneiro revisou e reparou cisternas e billas defectuosas.

No que respecta ao mes de agosto, a maior parte do persoal que compón a brigada (cinco persoas) estivo de vacacións, aproveitando o peche dos centros escolares. Porén, sempre houbo unha ou dúas persoas de garda para atender calquera imprevisto.

Por último, no que vai de mes de setembro, a brigada municipal colaborou na preparación dos centros (cambios de mobiliario, problemas eléctricos, adaptación de novos espazos), tamén con pequenas contratacións externas.