10:28 h. jueves, 28 de marzo de 2024

A Aula da Natureza de Oira programa actividades para rapaces de 6 a 13 anos ata que comece o curso escolar

Stadio Sport  |  30 de agosto de 2015 (18:11 h.)

Mediante xogos, preténdese inculcar valores de respecto ao medio ambiente, ás tradicións e aos propios compañeiros. Trátase de conciliar a vida laboral e familiar de moitas familias mentres os pequenos rematan as vacacións de verán

 

O Concellería de Educación abre o prazo de inscrición para que rapaces con idades comprendidas entre os 6 e os 13 anos poidan ampliar as súas vacacións na Aula da Natureza do río Miño antes de que comece o curso escolar 2015/16. As actividades terán lugar en Oira en horario de 10:00 a 13:00 horas e de 16:30 a 19:30 horas, e perseguen o dobre obxectivo de achegar os nenos da cidade a un entorno saudable con actividades baseadas na natureza e no medio ambiente, “pero tamén o de conciliar realmente a vida laboral e familiar dos ourensáns”, en palabras da titular de Educación, Belén Iglesias.

As actividades queren inculcarlle aos nenos, mediante xogos diversos, “valores coma a solidariedade, o coidado do medio ambiente e a súa directa implicación na nosa vida e saúde, así como o coñecemento e respecto á flora e a fauna da nosa provincia”, sinala a concelleira Belén Iglesias. Deste xeito, haberá obradoiros de contedor azul para aprender a darlle segunda vida a materiais reutilizables e concienciar da necesidade da reciclaxe, xogos populares para fomentar actitudes de compañeirismo, ou recollida de patacas e grelos para gozar da contorna e comprender os traballos máis tradicionais.

Estando na marxe do río Miño, as actividades relacionadas coa auga terán unha importancia vital: “os pequenos teñen que aprender a valorar a importancia do seu uso racional en accións do día a día”, sinala Iglesias Cortés. Para conciencialos, nas actividades haberá charlas a cargo de expertos en diferentes materias: Amigos da Terra, a Fundación Xoaquín Lourenzo ou a Asociación Bicheros de defensa dos animais.

O período destas actividades será do 1 ao 9 de setembro, datas nas que moitos pais xa volveron ao traballo pero os nenos aínda non comezaron o curso. Para anotarse, é preciso contactar coa Aula da Natureza a través do teléfono 988.510.781 ou do enderezo electrónico aulanatureza@ourense.es. O prezo da inscrición é de 10 euros por persoa.

Hemeroteca