00:03 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O nacionalismo na encrucillada

Xesús Manuel Suárez García  |  02 de enero de 2016 (13:46 h.)
Fundacion_partido_galeguista

Despois do 20-D unha parte do nacionalismo de esquerda está englobada nos coutos que lle marca Podemos e a outra parte quedou sen representación en Madrid. A aposta por unha candidatura galega plural tivo resultados decepcionantes

–Os empresarios, os comerciantes e os profesionais teñen renunciado a defender unha forza política galega propia; desa parte da nosa sociedade non hai moito que esperar.

Así falaba comigo un vello loitador da UPG ao rematar un mítin na recente campaña, dende os seus ollos cansos de agardar por unha estrela de liberación que non dá chegado.

–Tés razón, pero non val de moito queixarse: a ti e a min o que nos toca non é confortarnos sinalando o errados que eles van, senón descubrir qué podemos facer ti i eu por mudar a situación.

Botouse pra atrás, miroume en fite e dixo “Tés razón”, pero deseguido volveu á súa listaxe de decepcións reclamando que só dende a esquerda se pode construir este país. E a esquerda acaba de deixalo ao pé do camiño.

Doeume contemplar a esperencia vital do meu amigo, porque son testemuña da súa entrega xenerosa na construción dunha Galicia mellor, pero máis me doe este país, un país que non encontra o seu lugar, porque xa non se trata de que trunfe a esquerda ou a dereita, senón da ausencia dun proxeuto compartido de país, un país do que todos, nacionalistas ou non, nos sintamos seguros e orgulosos, que non bote á emigración ao mellor dos seus mozos, que crea en sí mesmo.

Despois do 20-D unha parte do nacionalismo de esquerda está englobada nos coutos que lle marca Podemos e a outra parte quedou sen representación en Madrid. A aposta por unha candidatura galega plural tivo resultados decepcionantes, e no meu criterio as razóns son, entre outras, dúas:

1. O BNG perdeu moito tempo traballando por unha alternativa nacionalista de esquerdas; esa demora impediu dar a coñecer a nova marca “Nós, Candidatura Galega”.

2. Só despois desa frustrada confluencia a nova marca tentou presentarse como unha forza nacional plural, pero o certo é que as inercias impediron facer visible á compoñente que non era BNG, e o programa, a imaxe e os primeiros candidatos apareceron como unha reedición do BNG.

¿E agora qué? Os partidos e os proxeutos poden mudar ou mesmo desaparecer, pero o que non pode desaparecer é o país e o obxetivo de construir unha representación política consonte ca súa identidade nacional; na próusima reforma constitucional Galicia non debe quedar un banzo atrás, porque eso non será só unha desfeita pra o nacionalismo e prá esquerda: será un retroceso irremediable pra toda a sociedade, prá esquerda e prá dereita.

O recente fracaso nacionalista dá pé a unha catarse que abra unha xanela de oportunidade; ¿e cál é esta? A oportunidade de arrumbar vellos dogmas, vellas lingoaxes, proclamas que se teñen esnafrado contra a indiferenza de boa parte da sociedade galega. O nacionalismo de esquerda tén que descubrir que é inútil o dogma de que a redención vén só da esquerda e que os sectores conservadores galegos están xenéticamente vendidos ao alleo. A realidade crúa vén de poñer diante un reto que hai que abordar con valentía: non hai que xerar unha nova fórmula de esquerda liberadora; hai que xerar un proxeuto global de país. Un destacado responsable do BNG díxome a noite do 20-D:

–Hai que facer un partido nacional único– i engadiu –de esquerda–. Resposteille:

–Se é só de esquerda, xa non é único, porque unha alternativa nacionalista única tén que ser necesariamente plural.

Galicia percisa un partido nacional aberto a toda a sociedade, non discriminador, superador dos coutos da vella ideoloxía e os vellos dogmas, que dea unha resposta realista non só á “crase traballadora”, senón tamén ao resto da sociedade, unha forza nacional que non estigmatice a ninguén. Os labregos, os empresarios –tamén os grandes empresarios–, os obreiros, os profesionais liberais, os mariñeiros e os armadores teñen que encontrar no nacionalismo galego un referente confiable. É tempo de que, por riba de rixideces ideolóxicas, construamos unha alternativa política galega ampla na que confluamos todos, de esquerda e de dereita, unidos por obxetivos fondamente compartidos e superadores de crase, no que todos nos sintamos incruídos e cómodos, escoitados, defendidos; é tempo de deixar o discurso reactivo e de queixa continua, abandoar a esquerda de trincheira e lanzarse definitivamente a facer país.

¿E quén debe poñer a primeira pedra neste labor? Teño o maior respeto e aprecio polo BNG, pero o BNG xa non se pode reinventar máis. A primeira iniciativa nesta conformación dunha forza nacional ampla non corresponde ao BNG nin a Anova; non se pode prescindir neste proxeuto de tantos valentes militantes do BNG, de ningún xeito, pero esta empresa non pode poñer a súa primeira pedra aí, porque cómpre un novo programa, un novo discurso, unha nova lingoaxe, unha nova estética, que marque un antes e un despois, e a propia esperencia de Nós, Candidatura Galega, amosa que non é posible xerar unha iniciativa así dende o BNG sen que se evite a imaxe de que se trata dunha mera reformulación do BNG.

O modelo témolo aí: hai 84 anos constitueuse un partido nacional amplo, intercrasista, con militantes tan de esquerda como Suárez Picallo e tan de dereita como Martínez Risco; non era a esquerda e a dereita o que o definía, senón o compromiso co país, con tódalas persoas, con tódolos sectores da nación. Daquela xuntaron a diversidade e fixeron país; logo, nos anos 60 e 70, o dogmatismo ideolóxico e o piñeirismo subdividiron o nacionalismo en múltiples ordes relixiosas que se excomulgaron mutuamente. Agora toca volver ás raigañas: hai que xuntar onde esgazamos; hai que abrir onde pechamos. O fracaso do 20-D é unha xanela de oportunidade; entremos por ela.

Xesús Manuel Suárez García

Presidente do Partido Galeguista

Hemeroteca