22:50 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O milagre do galo de Barcelos

Eduardo Prieto Casares  |  11 de Octubre de 2014 (20:01 h.)
Más acciones:

 

A xente fala do Simposio da crise do euro, unha xuntanza de representantes dos países da periferia, coñecidos coa sigla cocha dos “PIGS”. O lugar escollido foi o albergue da Fábrica da Luz de Barxacova (Parada de Sil), á beira do río Mao e a unha carreiriña de can da necrópole de San Vitor. Portugal, o país do galo, mandou a un recoñecido economista da Universidade de Braga, un home afable e sinxelo que adoita viaxar lixeiro de alforxas; por parte de España, non se atoparon doutores en Economía dispostos a repousar nunha liteira mesturados cos universitarios de don Eduardo Breogán que naquela se achegaran como voluntarios á descuberta do xacemento arqueolóxico.

Disque esta crise amosou dunha hiperplasia de ladrillo especulativo con metástase noutras industrias auxiliares: os bancos pecharon a billa dos cartos, entón foise todo ao carallo. Certo. E disque, malia que as mentes máis preclaras dos mestres gurus da enxeñería económica anden na pescuda dunha pronta recuperación, ao final baixan as orellas, pondo en consideración, mal a seu pesar, que esta maldita recesión polo xeito de se fraguar, mesmo, pode vir de resultas de feitizos meigos.

Así que, nos parladoiros do Simposio da crise do euro, tamén ten cabida a cábala dos números, que nesta desfeita bailan como os tarabelos nas portas, doutrina antiga dos mestres xamáns; ademais doutros obradoiros exotéricos da cartomancia, das pitonisas e meigas que matinan en trocaren, ao seu entoxo, o porvir de grandes e pequenos tralas liturxias dos conxuros: / Lagarto, lagarto, / dime a verdade, / se non te parto! /

Na desbandada, os voitres da cousa andan voando en círculo sobre as presas indefensas para comerlle os poucos cartos que, mal como puideron, salvaron da queima, mais axiña lles serán ripados con enredos malabares de depósitos preferentes e de rendas subordinadas.

Imos ver polo ollo da cerradura un intre do debate na sala de usos múltiples da Fábrica da Luz: o doutor de Braga e mais a meiga de Mondoñedo están na palestra ollando en fite as posíbeis saídas de socorro desta celada:

–Dr. Lúcio Almeida: Antes de comer de galinha, há que comer de sardiña; é preciso começar outra vez de cero –comentou o profesor de Trás-os-Montes.

–A meiga de Mondoñedo: “Polo poder do meigallo que me confire o pauto co demo, que se esfume a crise bancaria do presente e que retorne o negocio ao pataco do pasado: a unha moeda pobre que non se quente!” –conxurou a meiga.

Tras longos debates, confrontadas as pescudas da ciencia coa alternativa do esoterismo, o voceiro da UE enviou o seguinte parte que resume o encontro devandito: “Acadados os obxectivos do franco Norte, a tropa ibérica, esgotada e famenta, vén en retirada ao status quo do presebe de antano: cachelos con iscos, no país de Breogán; as gachas, na Castela; sopas de tomate, no Alándalus ; as feijoadas, en Portugal, o país do galo.

“Un mal fado para os lusos, os celtas e mailos outros reinos ibéricos de máis acolá, agora fóra do euro. Si, pero non: pois hai que engadir que no último suspiro de quedarmos a velas vir, un milagre, que Deus é bo e o diaño non é malo, fixo que amosara o galo de Barcelos debuxado no horizonte, galo milagreiro que cantara despois de asado para salvar a un pobre peregrino que ía camiñando cara Santiago, o galo de esvelta crista de bubela, como digo, vén voando cara nós, batendo as ás de baixo cara arriba, disipando ao seu paso os grises nubeiros dun próximo retorno ao rego do pataco.

“Esperan días de foliada e de pándega para os ‘PIGS’: o pesadelo da crise, que os deixara tesos coas portas atrancadas na longa noite de pedra, como dicía o poeta, vaise desenmarañando coa luz dun novo amencer nos ollos: as meigas andan peneirando os negros agoiros para enfornar de novo pan candeal, xa fartos do centeo que se amasa con suor e se come con areas esmiuzadas tralos recortes de picar onde non hai. O desexado outono comeza a medrar nos prados, renacendo dunha longa seca: o galo de Barcelos, desatando co seu pico o nó gordiano da crise, empoleirado na tribuna da Fábrica coma un maraxá, deu a nova cun quiquiriquí de triunfo: “La tasa de variación interanual del PIB español se aproximará al 2 % en el último trimestre de este año, tasa que también podría ser la de crecimiento medio de la economía en 2015”, mensaxe que se repetiu nos xornais e telexornais, presumindo o galo de compadre, na imaxe de Luís María Linde, lucindo as plumas douradas de Gobernador do Banco de España.