00:10 h. jueves, 18 de abril de 2024

O destino dos corruptos

Eduardo Prieto Casares  |  24 de octubre de 2014 (03:00 h.)
Corrupcion

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Os avós da contorna de Caldelas falan dun túnel que vai dende o Sil, no canón, deica a vertical do mosteiro de Santa Cristina, din que fora escavado por debaixo do souto de Merilán polos criados dos freires como vía de escape, cando os mouros se aproximaban coas cimitarras de media lúa ás portas do mosteiro. O caso é que unha parella nómade de “amigovios,” como se di agora, seica a tragara a terra, a moza tirárase ao monte, tras ser rexeitada pola familia, de novos ricos, do prometido; o amigo, en troques, era un sindicalista da minería de Ponferrada que fuxira da vergoña dun “escrache,” pois seica xuntara unha morea de euros tisnados de negro co gallo de amainar as folgas do carbón.

Din os vellos nos parladoiros do cruceiro de Forcas que entraran con fachóns prendidos e con moito ollo nos recunchos do pasadizo subterráneo; con todo e iso, nunha forcada de camiños, un sopro frío de bufido dun monstro parece que os deixa desnortados. Cos fachóns apagados, vagaron de acó acolá como morcegos, mais o tempo parou entre as paredes da gruta; entón, cos pés fríos na cova, entroulles o baile de San Vitor e de alí a pouco, esgotados polo arreguizo no corpo, quedaron na mina que percorre por baixo do mosteiro.                                                                                     

Non entres! que non te vai salvar ningunha loura Ariadna que tire do fío nos corredoiros entrecruzados do labirinto, que a modo de intricado Dédalo proxectara, aproveitando as galerías construídas polos freires, o prestixioso arquitecto Casares de Miranda a imitación do que se conserva soterrado no pazo de Micenas.                                                 

Fora este titulado, doutor en arquitectura, o precursor da vivenda bioclimática para os penados, o gañador do concurso “Apuntes para o inferno do século XX”, o cal, aos ollos de Dante, pecaría con certeza de minimalista; porén, abofé que resultaría eficaz noutros tempos esvaecidos en dar tormento de cumpridas calorías a unha morea de xudeus, con perdón, acusados de viviren de manga, prestamistas usureiros, herexes como conversos xudaizantes, naquela penados pola Santa Inquisición por marráns. Casares de Miranda naceu na Casa de Viana polos anos corenta e pico. Casa grande de moita fachenda, e con memoria de atados que falan de aforamentos, cos seus décimos e primicias, das propiedades do mosteiro de Santa María de Montederramo, obrigas que rendían contas no cenobio de San Adrián: os labregos, como consolo da penosa quita, recibían en troques o “merchandising” das estampas, dos novenarios, misas de defuntos, rosarios e escapularios coa iconografía de San Martiño, patrón dos mendigos que se ven espidos na porta do inverno.

Os políticos, de todo hai, son hoxe os xudeus daquela: van ao seu, non dan unha puntada sen nó, engaiolando aos incautos con campás de preferentes ou escudándose uns nos outros co consabido non me consta. De tan variada forma e cor que son coma as mazás: un carreteiro de barriscadas vermellas, unha banastra de reinetas de gardar, unha cesta de coiro de sapo, unha morea de repinaldas, e mailas outras que tocan o pandeiro: cómpre entrecoller as podres para que non corrompan ás outras.

Son xente que engatan a un, malia de cuspiren moi alto, é a casta con caspa que non “Podemos” aguantar por máis tempo empoleirada, recibindo subornos do poder económico con corruptelas de cartos en negro: gabelas e prebendas aos amigos, tarxetas bancarias opacas que compran vontades, a parte alícuota diferida dos orzamentos, reparto de décimos, primicias de portas xiratorias, correos de carteiras a Suíza, cursos de formación que se cobran e non se dan, ERES que non eran, paraíso fiscal en Andorra, a neve branquea os cartos que nin diola: porcións da torta que se comen ás agachadas antes de compartila na sobremesa cos demais, moitos con fame e a velas vir: primeiro, ripáronlle os cartiños aforrados con penurias, “vostede firme aquí…”, coas preferentes; logo, quitáronlle a casa, porque non ollaban maneira de afrontar a hipoteca.

Non veñades con milongas festivas nin con enredos malabares que distraian ou velen a arañeira da rapina, non xa! Se o ceo é ollar a Deus, o inferno para os corruptos será tornalos dos presebes do Estado, fóra con eles que nos tratan de parvos. Os paisanos da ribeira do Sil son sabedores do beneficio da rexeneración coa poda dos castiñeiros. Tarefas da demouca e da limpa dos soutos: a esgalla de pólas retorcidas con nós, aliviar os castiñeiros das trabes podres, entrecortar as fillas, as máis ruíns, que abrollan das vellas caracochas e, antes da castañeira, verse un na obriga de cortar a maleza que medra ceibe co gume de lei dunha fouciña.

Que toquen a defuntos as campás de Santa Cristina, sons de compaña no auto de fe dos condenados por corrupción:

 “Tras ellos vinieron doce hombres y mujeres, con cuerdas alrededor de sus cuellos y velas en las manos, con con caperuza de cartón de tres pies de altura, en las cuales se habían escrito sus delitos, o representados de diversas maneras. Iban seguidos por otros 50, que también llevaban velas en sus manos, vestidos con un sambenito amarillo o una casaca verde sin mangas, con una gran cruz roja de San Andrés delante y otra detrás” (…) Auto de fe celebrado en Madrid en el ano 1680.

Unha fileira de xudeus, illados do choio coa cabeza gacha, van depositando os cartos roubados nas banastras dos pobres; axiña de imploraren o perdón, que sintan dende fóra o frío da vergonza: Ladrónsss…! Mamónsss…! Logo, entrarán no inferno do souto de Merilán: por fin, arredados do “poderoso caballero es don dinero”.

Hemeroteca