07:22 h. viernes, 19 de abril de 2024

A andaina da castaña en Parada de Sil

Eduardo Prieto Casares  |  01 de noviembre de 2014 (02:00 h.)
A andaina da castaña

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Autumnus, plenitude do ano; novembro, o noveno mes no calendario romano: o 9 é un número perfecto, o do home, que nove meses cómpren para nacer, nove para o día dos santos…, malia ás dúas posturas: coa cabeza cara baixo, invertido, é o número 6, de mal agoiro na cabalística, o número da parca, unha señora de palabra que cumpre con todos: as ventadas, días antes do Samhain, anuncian a súa presenza coa gadaña, só os castiñeiros, moitos feitos unhas caracochas como pantasmas enfariñados trala néboa, aguantan ano tras ano pegados á terra: disque cando se espertaron os dinosauros, xa che estaban nos soutos… Magosto, magus ustus, festa máxica ao carón dunha fogueira: culto á fecundidade. Celebración celta de honra á nai terra no equinoccio outonal: festa do Samhain, fin do verán; noite de Halloweende ánimas e de fadas.                         

O día de San Martiño, este ano o día oito, sábado, irei de andaina pola contorna do canón do Sil: itinerarios marcados nos camiños reais, nos de ferradura e por estreitas canellas, noutros tempos transitados por carros cantareiros, por burros e machos cara ós muíños e mais por homes varudos cargados con feixes ou con cestos dende os eidos; tal como cambia a vida, así mudan os personaxes nestes lares: unha fileira de homes, mulleres e mais nenos, xente moza, amigos da natureza, acudirán a visitarnos: estampas pasadías do fin de semana nestas aldeas onde non roxe case que ninguén.                    

En Chandrexa do Sil, un vello anda queixoso di que non quece, pois o sol, peneirado polas nubes do outono, luce morno mentres repousa o peso dos anos encima da Pena do Lobo, roéndolle o cu, fraco de chicha, pasa o tempo fitando os ollos na quietude do eterno fluír do río, que se vai indo e se queda; á noitiña, as castañas louras estoupan como petardos na prancha da cociña económica: “xa cho teño dito que cómpre amosegalas cun coitelo” –rifoulle a muller.   

Enriba, no cumio do monte, a rapazada fixo un corro ao redor da capela de Trigoás: primeiro, un lume pobre de frouma e de garabullos; logo, leña seca apañada nas tapadas para alimentar a fogueira, día de andaina polo monte de troula cos amigos: mans tisnadas acarician a cara da mociña pola que ten o mozo o sentido no aire. “Acabáronse as vendimas / veñen as esfolladas / para comer coas mozas/ catro castañas asadas”, di unha copla popular.                                                                                

Á tardiña, de andaina á parroquia de San Martiño de Sacardebois a celebrar a mellor festa rachada do magosto: castañas asadas, viño novo, pan e chourizo, todo gratis; bailes de achego e de corro coa orquestra “Atrévete”, a mellor terapia para desconectar das novas da corrupción que nos feren os ouvidos: /Lume con recendo, / fogueira de cozos / de caracochas ardendo, / festa dos druídas / é o inicio do inverno: / estoupan os foguetes / nos eidos ermos./   

O dezaseis, domingo, reza na axenda do concello a andaina micolóxica na Fábrica da Luz: a media mañá, saída ao monte coa navalla e mais unha cesta á procura dos boletos e mais doutros cogomelos nos soutos e nas carballeiras nas dúas banda do Mao; unha puñada de turistas van ao seu ar, senten dentro deles o tirón engaiolante do triángulo máxico: partindo da Fábrica pola pasarela que serpea á beira do Mao, baixa un cara Barxacova, logo hai que subir a petada da canella de San Lourenzo deica empoleirarse no alto da necrópole de San Vitor onde antes repousaba unha capela  e volta á Fabrica da Luz para a posta en común dos fungos comestibles apañados, e trala sosegada escolma, os chouparros seleccionados, con moito tento e a feito, pasarán ás mans da cociñeira, mentres na mesa do comedor esperan ansiosos os comensais cunhas cuncas de viño merenzao de cepas vellas, un caldo recuperado pola adega Ronsel do Sil.             

O sábado, o 22, a terceira andaina da pisa das castañas en Purdeus, no chan da eirexa (Chandrexa do Sil): volven os sons propios da época da pisa das castañas quentes do canizo contra nun tarugo de madeira, a intervalos, entra polo ouvido o meneo da criba de media lúa, un ruxerruxe que vai aventando o po, as cáscaras e mailas belotas.                

Castañas pilongas, un recurso culinario nos restaurantes do concello. No Curtiñeiro: Lombo recheo de castañas e torta de castañas. A Casa Pepe, en troques, propón nesta andaina: Xabarín con castañas e mais pudin de castañas. A Fábrica da Luz, ofrece o cocido das avoas: de primeiro, un caldo tradicional de castañas; de segundo, costela de porco celta con repolo, chourizo e castañas; de sobremesa, un browniede chocolate con castañas: unha delicia para os nenos.  

Á noitiña, cando retornes ao teu lar, non sexa o demo que te esquezas de parar na panadería da Rosa, que elabora as mellores bicas da contorna: as bicas de castaña de Parada de Sil.

Hemeroteca