00:00 h. miércoles, 24 de abril de 2024

O VIII Rallye Comarca da Ulloa disputarase este venres e sábado, coa participación de 100 pilotos

Stadio Sport  |  28 de septiembre de 2015 (17:40 h.)

José Manuel Yanes dixo que o desenvolvemento deste Rallye “contribúe á dinamización da vida e da economía local e a promocionar as localidades polas que discorre”

 

O VIII Rallye Comarca da Ulloa disputarase este venres e sábado. O total de 100 participantes inscritos recorrerán durante este dous días os máis de 100 quilómetros cronometrados a través dos concellos de Monterroso, Palas de Rei e Melide. O deputado de Deportes, José Manuel Yanes, participou este luns na presentación desta competición celebrada na praza de San Marcos, na que tamén estiveron presentes o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo; o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada; o presidente da Escudería da Ulloa, Luís Vilariño, e o presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral.

O responsable da área de Deportes da Deputación de Lugo dixo que “máis aló da súa importancia como destacada competición, este tipo de actividades deportivas conseguen atraer a numeroso público, que se suma á decena de pilotos e membros da organización, que fan do desenvolvemento deste rallye unha actividade que contribúe a dinamizar a vida e a economía local e a promocionar as localidades polas que discorre”.

O subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, destacou que a seguridade dos rallyes “é prioritaria”. De feito, os tres rallyes que se celebran na provincia (o presentado hoxe, o Rallye San Froilán e a Subida a Chantada), sempre están precedidos da celebración dunha xunta extraordinaria de seguridade na que se planifican polo miúdo todos os detalles relativos á seguridade tanto dos espectadores como dos propios pilotos.

Pola súa banda, o alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, puxo a este rallye como exemplo de colaboración entre institucións, xa que están presentes tres concellos pertencentes ás provincias de Lugo e A Coruña.

 

Programación do rallye

Luis Vilariño, presidente da Escudería da Ulloa, organizadora do rallye, agradeceu a colaboración da Deputación, así como dos concellos polos que discorre esta proba, sen cuxa axuda non sería posible organizar a proba. Vilariño calculou que preto de 20.000 persoas acudirán a presenciar esta competición, que é puntuable para o Campionato de Galicia de Rallyes de Alfasto. O venres pola tarde serán as verificacións técnicas, despois das cales, ás 21:00 horas, desenvolverase unha exhibición nocturna no Polígono Industrial de Monterroso.

Ao día seguinte, sábado 3 de setembro, será o groso da competición. Esta desenvolverase entre as 9:00 e ás 21:00 horas, cun percorrido dividido en catro tramos (1 por Monterroso, 2 por Palas de Rei e 1 por Melide) con dobre pasada, polo que serán máis de 100 quilómetros cronometrados. As reparacións e paradas técnicas dos pilotos serán na feira de Melide.

O presidente da Escudería tamén quixo destacar que este ano reforzarase, máis se cabe, a seguridade no rallye, duplicando o orzamento destinado a seguridade, así como coa presenza dun dispositivo formado por máis de 200 persoas, que se unirán á da Garda Civil e a outras Forzas e Corpos de Seguridade do Estado para controlar a seguridade desta competición, consolidada dentro do campionato galego.

O Rallye Comarca da Ulloa contará coa participación de destacados pilotos, como Iván Ares –último campión galego e o único capaz de disputarlle o Campionato de España a Miguel Fuster-; Alberto Meira e Alejandro Pais, dous pilotos que se xogan o campionato galego, ou Adrián Día, que compite por vez primeira cun Porsche.

Pola súa banda, Iván Corral, presidente da Federación Galega de Automobilismo, destacou unha proba que é mostra do amplo seguemento deste deporte en Galicia e, en especial, na provincia de Lugo, posto que tomarán parte máis de 100 pilotos. Tamén destacou a asistencia a esta proba de xentes procedentes non só de diferentes Comunidades Autónomas, senón tamén de Portugal, o que suporá un gran revulsivo económico para a comarca.

Hemeroteca