00:01 h. sábado, 20 de abril de 2024

O Uvigo Motorsport tira de canteira para o 2016

JL Gesteira | Vigo  |  19 de diciembre de 2015 (12:17 h.)
gal3

22 estudantes de enxeñaría volverán deseñar e construír un coche de carreiras. Segunda tempada do equipo da Universidade na competición Formula Student

 

Tempada nova, pezas novas. O equipo vigués de Formula Student, proba automobilística interuniversitaria onde se deseña e constrúe un coche de carreiras para a competición, fixo unha posta a punto antes de comezar o seu segundo ano en pista. Para que todas as engrenaxes funcionen correctamente, a escudaría Uvigo Motorsport aumentou o seu cadro de persoal con 12 estudantes novos, escollidos tras unha dura proba de selección entre moitos aspirantes que proviñan das diferentes escolas, que substituirán aos 4 membros que deixaron o equipo. “Valoráronse aspectos tan importantes como os coñecementos de mecánica e os idiomas, algo fundamental cando imos fóra” sinala Gonzalo Ferreiro, responsable de comunicación, que está convencido de que estas novas axudarán a dar un salto cualitativo con respecto a tempada pasada.

 

gal1

 

Gonzalo Ferreiro considera que o pasado curso tiveron moito desgaste, “levamos bo sabor de boca, mais sabemos que o puidemos facer mellor, por iso, o noso obxectivo para esta edición é estar entre os mellores de España”. Para conseguir iso, o equipo confía no novo deseño do chasis de fibra de carbono e na mellora da aerodinámica do vehículo. Tras a súa experiencia en tres competicións o ano pasado, Ferreiro non sabe aínda se volverán participar nos mesmos circuítos, mais intentarán non faltar a Alemaña e a Montmeló, xa que “para o equipo é moi importante ir a terras teutoas, por ser este lugar o epicentro da Formula Student e onde compiten todos os mellores, e obviamente Barcelona, onde nos reuniremos cos demais equipos españois”. Todo dependerá dos cartos que consigan recadar, xa que o financiamento segue a ser o seu talón de Aquiles. Un requisito clave para este proxecto é a non intervención económica das universidades, polo que o alumnado deberá conseguir os cartos por outras vías, presentando o seu proxecto a diferentes empresas e que estas confíen nel. Este ano continúan coa colaboración das firmas Zerotec, GKN, Resinas Castro e Skillful, ademais de ter un acicate extra coa impresión 3D de pezas, que se poden encargar a través da súa páxina web. Mais isto non é suficiente para cubrir gastos, polo que chaman as diferentes empresas a que confíen no seu proxecto e colaboren con eles, non só de xeito monetario, como explica Gonzalo, “as veces é mellor que che fagan unha peza en troques de recibir cartos que acabarás gastando en facer esa peza”.

 

Un soño que lles rouba horas de sono

Para este equipo, coordinado pola profesora Ana Mejías, a motivación é o piar principal que leva a estes mozos e mozas a perder horas de sono. En palabras de Ferreiro, “non se pode describir o que un aprende no taller e nos circuítos; o que un vive nunha competición é algo máxico, o ambiente é impresionante e o estar rodeados de tantos profesionais e de empresas tan importantes é para nós como vivir un soño”. Un soño case descoñecido para o resto do alumnado, do que se lamenta Ferreiro, que por outra banda salienta a repercusión que ten máis aló da nosa institución, “un non sabe a cantidade de empresas importantes e o nivel tecnolóxico que hai detrás desta competición e debe ser un orgullo para a nosa Universidade ter representación en algo tan grande”. Para que isto non esmoreza, o representante do equipo non deixa de animar ás xeracións máis novas interesadas na Formula Student a que se preparen e que estuden idiomas, para poder continuar co proxecto cando eles xa rematen a carreira. 

 

A Formula Student

Estas probas de automobilismo naceron coa misión de estimular e dar pulo a xente nova para que medre no seu camiño como enxeñeiros e enxeñeiras. Trátase, por tanto, de retar aos estudantes para que conciban, deseñen, constrúan, costeen, presenten e compitan nun equipo cun monopraza nunha serie de competicións de estática e dinámica. Tal como explica o representante do equipo,“este formato do evento proporciona unha oportunidade ideal para o alumnado de demostrar e mellorar as súas habilidades para levar un produto complexo e integrado no ambiente dunha competición de deporte do motor”.
Os requisitos que debe ter o monopraza están incluídos no regulamento da propia proba. Para iso, o equipo ten a encarga de producir un prototipo para un coche de carreiras e presentarllo a unha empresa ficticia de fabricación. O vehículo debe ser de baixo custo, sinxelo de manter e fiable cun alto rendemento na súa aceleración, freada e calidades de condución.

Hemeroteca