09:28 h. Viernes, 24 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O monopraza vigués UM15 pon rumbo ao circuíto de Hockenheimring

Once membros da escudaría Uvigo Motorsport parten este domingo cara Alemaña. Tras os problemas de motor en Silverstone, agardan amosar o potencial do seu coche na proba xermana

Duvi | Vigo  |  23 de Julio de 2015 (23:21 h.)
Más acciones:

 

A viaxe a Inglaterra para acudir á que foi a súa primeira toma de contacto coa competición de Formula Student cualifícana como “unha experiencia marabillosa”, a pesar de que un problema co motor lles impediu estrear o coche no circuíto de Silverstone. Dende que regresaron a Vigo o día 13, os membros da escudaría UVigo Motorsport traballaron arreo para solucionar os problemas do monopraza de cara á vindeira cita: o circuíto de Hockenheimring, en Alemaña, do 28 de xullo ao 2 de agosto. Este domingo 26 de xullo comezará a viaxe, tanto de 11 membros do equipo, como do monopraza UM15, cara Alemaña.

Gonzalo Ferreiro, responsable de Márketing e Competición do equipo UVigo Motorsport, recoñece que xa só pensan en Hockenheimring. “Queremos demostrar alí o que pode facer o noso coche e darlle a oportunidade ás demais universidades de enfrontarse con nós”, destaca. Ilusión e traballo son as claves deste equipo de 14 estudantes de Enxeñaría Industrial dende que hai dous anos comezou a fraguarse esta aventura. E estas seguen a ser as dúas palabras que teñen máis presentes a piques de facer fronte a un novo reto. “Nada máis chegar de Silverstone puxémonos a redeseñar algunhas pezas que cremos que agora se comportarán mellor e agardamos ter o problema do motor solucionado para Alemaña e poder correr”.

 

O reto alemán

No circuíto alemán a meta é finalizar todas as probas e esquecer os problemas en Silverstone. Ferreiro explica que en Reino Unido “o noso monopraza levouse moitas loanzas e eloxios” e obtiveron resultados moi positivos nas probas estáticas, “polo que quedamos encantados, pero quedóusenos unha espiña cravada, e queremos demostrar que o coche pode render a un gran nivel”. Recoñece que detectaron moitas melloras posibles, algunha delas xa aplicadas para a cita en Alemaña, pero tamén outras a máis longo prazo, “para anos seguintes”. E é que esta é a primeira vez que un equipo da Universidade de Vigo participa na competición interuniversitaria automobilística máis importante de Europa pero a escudaría nace con vocación de continuidade. Os estudantes agardan que cada ano, os novos alumnos que cheguen á EEI se involucren no proxecto e axuden a que o equipo se vaia consolidando.

A poucos días de partir cara Alemaña, recoñecen que están “cheos de ilusión, sobre todo por facer as cousas ben e demostrar o nivel da Escola de Enxeñaría Industrial e do noso equipo”.

 

A experiencia de Silverstone

O monopraza UM15 foi deseñado e fabricado por estes 14 estudantes dos diferentes graos da EEI e eles mesmos son os encargados de pilotalo. Pero a competición de Formula Student é moito máis ca unha carreira, é unha competición de deseño e construción dun coche de carreiras de monoprazas que celebra probas en varios países arredor do mundo. O obxectivo é simular o funcionamento dunha empresa real, na que os estudantes exercen de enxeñeiros e teñen que valerse por eles mesmos para deseñar e construír o prototipo, que debe cumprir esixentes características de condución na aceleración, freado e estabilidade, mantendo un custe razoable. Os equipos deben demostrar tanto os seus coñecementos de enxeñaría como as súas capacidades de xestión, presentando un plan de márketing e unha planificación económica. Por este motivo, o feito de non poder correr en Silverstone non o consideran un fracaso. Explican que durante a semana que pasaron no circuíto inglés estiveron “rodeados por enxeñeiros de talla mundial no seu papel de xuíces, e por miles de estudantes de enxeñaría coma nós que buscaban facer o mellor coche posible”.

Os resultados nas probas estáticas, así como a boa acollida do deseño e acabado do monopraza, compensan o desgusto de non poder correr. Tamén os felicitaron por algunhas ideas innovadoras “como o uso dunha pantalla táctil no volante e tamén polo baixo peso do monopraza, algo bastante difícil de conseguir”. E todo isto completouse cun premio, o que obtivo Marcos Fernández Canda, Technical Leader e Responsable Transmisión e Propulsión, como líder máis valioso de todos cantos participaron na competición. Gonzalo Ferreiro lembra que dende o comezo recibiron comentarios positivos sobre o coche, sobre todo tendo en conta se que trataba “do noso primeiro ano”. Destaca, entre os eloxios recibidos, os dos competidores, de universidades como a de Bath ou Cardiff “veteranas na competición”.

No tocante ás probas que si puido pasar o monopraza vigués, explica que no primeiro paso polo scrutineering tiveron algúns detalles a modificar. “Volvemos ao box e puxémonos a solucionar os problemas e foi no segundo intento, cando despois de sufrir e ‘pelexando’ contra os xuíces, conseguimos pasalo”. Ferreiro recoñece que foi duro e que non é sinxelo que un equipo de primeiro ano pase o scrutineering. As probas dinámicas xa non foron quen de realizalas. “Tivemos un problema de arranque e durante a fin de semana traballamos duramente para poder solucionalo e poder sacar o UM15 a rodar, pero lamentablemente foi imposible arrancalo”, lembra Ferreiro, que agradece a axudas prestada por outras universidades, “pero non houbo sorte”. 

Con todo, tras esta primeira experiencia nunha carreira de Formula Student, o equipo volveu a Vigo “cunha sensación de orgullo pero, á vez, cunha conta pendente” que agardan saldar a vindeira semana.