00:02 h. jueves, 18 de abril de 2024

Este domingo 23 de marzo celébrase o VIII Enduro Cidade de Tui

Stadio Sport  |  22 de marzo de 2014 (03:00 h.)
enduro tui

Onte tiña lugar a presentación en Tui do VIII Enduro Cidade de Tui, que este ano inclúe a participantes do país veciño converténdose así no primeiro Enduro da Eurocidade Tui-Valença

 

A cita será ás 11:30h no Paseo da Corredoira onde se concentrarán as case 300 motos que compiten na proba deportiva, 68 delas de Portugal. Cada minuto saíran 3 participantes que se dirixirán á parroquia de Malvas .

A proba está formada por 3 cronometraxes, a primeira en Chan da Misuela, en Malvas, onde a comisión de festas instalará un bar para os espectadores. A seguinte será na parroquia de Randufe a carón do campo de fútbol onde se atopa o parque de asistencia, e unha terceira de supercross. O percorrido final será de 45km e discorrerá  por camiños e sendeiros das parroquias de Malvas, Randufe e Pexegueiro ao longo do cal haberá zonas habilitadas para os asistentes.

O concelleiro de Deportes tudense, Nicolás Lorenzo agradeceu o labor do Motoclub Randufe polos seus esforzos de levar cada ano adiante a proba de Enduro  Cidade de Tui, que ven desenvolvéndose desde hai 8 anos. Así mesmo salientou o beneficio que este actividade  traerá para a cidade xa que moitos dos participantes e familiares pernoctarán en Tui por vir de puntos lonxanos de Portugal e de fóra de Galicia.

 

 

Andrés Urseira, presidente do Motoclub Randufe fixo fincapé na novidade da proba, que este ano non é federativa. Isto propiciou unha maior participación, xa que en anos anteriores adoitaban rexistrar uns 100 pilotos e este ano a cifra aumentou ata case os 300, 68 deles portugueses. Nesta edición é novidade tamén a participación de Portugal, polo que o este Enduro se converte así no primeiro enduro internacional, o máis importante de Galicia na súa categoría e o máis numeroso. Estréase, deste xeito, o I Trofeo Luso Galaico que premiará aos 5 primeiros pilotos.

A chegada a meta, no Paseo da Corredoira, está prevista para as 17:30h, onde se procederá posteriormente á entrega de premios no Palco de Música.

 

 

Hemeroteca