00:07 h. martes, 19 de marzo de 2024

Os socialistas de Vilalba denuncian que o alcalde cobre agora dunha tacada os 10.000 euros que tivo que recortar do seu salario desorbitado

Stadio Sport  |  30 de diciembre de 2015 (19:28 h.)

A portavoz do PSOE, Elba Veleiro, critica “a falta de empatía do señor Criado ao percibir un dos salarios máis elevados de toda Galicia, sabendo das dificultades que están a sufrir os vilalbeses e vilalbesas”. “Mentras as familias ven mermados os seus ingresos, Criado vén de recibir un bo regalo de Nadal”, afirma Veleiro

 

O Grupo Municipal Socialista denuncia que o alcalde popular de Vilalba, Gerardo Criado, cobra agora dunha tacada os 10.698 euros que tivo que recortar do seu salario “desorbitado” para poder cumprir cos obxectivos de estabilidade económica e débeda pública durante os exercicios 2014-2015.

“O alcalde aprovéitase do silencio administrativo producido ante a consulta sobre este pagamento, e sen ningún pudor acepta os cartos”, afirmou a portavoz dos socialistas, Elba Veleiro. Nesta liña, o Grupo Municipal subliñou unha vez máis “a falta de empatía do señor Criado ao percibir un dos salarios máis elevados de toda Galicia, sabendo das dificultades que están a sufrir os vilalbeses e vilalbesas”.

En base á lei que garante a sostibilidade orzamentaria, as contías percibidas por Gerardo Criado minguaron nestes dous últimos anos, acumulando máis de 10.000 euros que se lle acaban de reembolsar tras un acordo aprobado pola Xunta de Goberno Local e amplamente criticado polos socialistas de Vilalba.

Os socialistas critican a hipócrita correlación entre o que di e o que fai o alcalde de Vilalba, posto que pon en evidencia a súa orde de prioridades “ao ser plenamente consciente de que as arcas municipais cargan cun salario sobredimensionado que repercute directamente nos petos das persoas para as que di gobernar”. Polo tanto, Veleiro afirma que “mentres as familias ven diminuídos os seus ingresos, Criado vén de recibir un bo regalo de Nadal”.

Hemeroteca