00:02 h. jueves, 28 de marzo de 2024

As San Lucas celebraranse do 16 ao 20 de outubro cun programa atractivo que mestura tradición e modernidade

Stadio Sport  |  03 de octubre de 2015 (18:59 h.)

Candia resaltou a importancia destas festas que se celebran ininterrompidamente dende 1156 e amosou o seu orgullo por unha celebración “referente na comunidade e que debe ter presenza en todas as administracións”. Souto asegurou que colaborar coas San Lucas é apostar pola dinamización cultural, económica e social de Mondoñedo e da provincia

 

A presidenta da Deputación, Elena Candia, xunto ao presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Souto, presentaron este sábado no Pazo Provincial de San Marcos as Feiras e Festas das San Lucas 2015, as máis antigas de Galicia, e que se celebrarán en Mondoñedo entre os días 16 e 20 de outubro.

A presidenta da institución, colaboradora das festas, resaltou a importancia destas feiras que se celebran ininterrompidamente dende 1156 e que, polo tanto, deben ter presenza en todas as institucións galegas. “É importante presentalas na capital da provincia, ao igual que faremos noutras localidades, porque nos sentimos orgullos dun evento referente na comunidade”, explicou a tamén alcaldesa de Mondoñedo, que destacou “o atractivo da programación para estes días que teñen a esencia do cabalo, xunto con outros elementos que atraen á localidade a numerosos visitantes”.

Souto agradeceu o recibimento da Deputación e, en especial, de Elena Candia, ao que tempo que resaltou que “colaborar coas San Lucas é apostar pola dinamización cultural, económica e social de Mondoñedo e da provincia”. O presidente fixo unha breve introdución da importancia das Feiras e Festas das San Lucas, que naceron no ano 1156, tras que o Rei Alfonso VII lle “outorgara a Mondoñedo o título de cidade e lle dispensara a graza de poder facer unha feira anual de oito días. E dende aquela a tradición segue pervivindo no século XXI”.

Souto engadiu que “As San Lucas celébranse porque tódolos visitantes e feirantes, que xunto cos mindonienses, seguen sendo fieis ás súas tradicións, e así o transmiten de xeración en xeración. Por iso, o que pretendemos dende a comisión de Feiras e Festas que presido, é que Mondoñedo o 18 de outubro volva a ser a capital que foi no Antigo Reino de Galicia, e queremos que as galegas e galegos se sintan orgullosos de ter unha das feiras mais antigas de Europa,  que as desfruten e as sintan súas”.

 

O programa de festas deste ano, do 16 ao 20 de outubro

O programa das festas deste ano comezará o día 16 e finalizará o 20 de outubro. O venres 16 é o día do pregón, que virá da man de Jenaro Castro Muíña, licenciado en xornalismo, director dos informativos non diarios de Televisión Española e director e presentador do programa Informe Semanal. O mesmo dia 16 de outubro, realizarase una representación teatral na Praza da Catedral, con guión e dirección de Manuel Lourenzo, baixo o titular ‘As donas do ar’, despois da cal se ofrecerá a ofrenda ante a tumba do Mariscal Pardo de Cela na Catedral de Mondoñedo.  A música o venres 16 de outubro virá da man das orquestras Sintonía de Vigo e Orquestra da Televisión, na Alameda.

O sábado dia 17, coñecido como día das vésperas, comezará con actividades ecuestres, xa que o cabalo e o protagonista das San Lucas. Celebrarase a final da Copa Galicia do concurso morfolóxico de Pura Raza Cabalo Galego, Gran premio Deputación de Lugo, no Campo da Feira. Xa pola tarde, ás 16:00 horas, terá lugar unha nova edición do Encontro de Música e Baile tradicionais co desfile das bandas polas rúas de Mondoñedo chegando á Praza da Catedral onde actuarán todos os grupos.

O mesmo día 17, sobre as 18:30 horas, será a chegada tradicional dos cabalos polas rúas ata o Campo da Feira.  Souto explica que “seguindo a tradición, os gandeiros xuntan os cabalos que estiveron todo ó ano en liberdade pacendo nos montes da comarca,  e nunha gran manada tráenos para a feira, como dicía Cunqueiro “A egua nai montada por un xinete, detrás os poldros fillos do vento coas greas o ar”, que patean as pedras das rúas, algunha seguro que é a mesma que pisaron os primeiros cabalos que pasaron en 1.156. Esta imaxe é un espectáculo etnográfico de relevancia e cada ano atrae a máis turistas e amosa unha das mellores estampas das San Lucas”.

As 19:30 horas, na casa da xuventude O Clube Teatral Elsinor presenta a obra ‘A xente pálida pel flores de Álvaro Cunqueiro’, baixo a dirección de Manuel Lourenzo. O día 17, pechará ás 21:15 horas co monólogo de Xabier Veiga no Auditorio Pascual Veiga e ás 22:30 horas coa actuación na Alameda das orquestras Miramar e Claxxon.

 

O domingo día 18, o día grande das San Lucas

O domingo día 18, o día grande das San Lucas, “os cabalos son os auténticos protagonistas coa gran feira tradicional de gando cabalar. Hai un programa intenso de actividades no eido cabalar, concursos, exhibición de doma”, explica o presidente da asociación organizadora, quen engade que “o día grande é o día por excelencia, dos tratos, dos regateos, de sanluquear,  dos cabalos, da maquinaria, das gaitas, do polbo, de subir ás atraccións, e faise todo cunha especial ledicia, porque as San Lucas son feira e son festa, son lugar de encontro. As San Lucas seguen mantendo a súa esencia, nelas mesturase tradición e modernidade, musicas tradicionais e actuais, teatro, monólogos, e seguen sendo útiles a todos, a feirantes e visitantes e cumprindo as expectativas e necesidades de ambos, como na súa orixe en 1.156”.

O día grande das festas será a actuación no auditorio do grupo de Rock Los Secretos, con venda anticipada das entradas, que se poden adquirir a través do seguinte enlace

http://entradas.abanca.com. As 21:00 horas haberá outro concerto da man de SES na Praza da Catedral, con entrada de balde. As orquestras do día grande son Fania e Jerusalén.

O luns día 19, día do medio, haberá pola mañá pasarrúas de grupos de gaitas e títeres e, polo tarde, o concurso de andadura, nas modalidades de serrada e chapeada no recinto da Granxa. Nesta xornada tamén haberá  teatro as 19:00h, ‘As Luces do Caselo’ de Katarsis teatro, no auditorio . Á noite, na Alameda, “temos algo moi especial, o festival ‘Voces da Paula’, unha gala musical feita por mindonienses na que intervirán cantantes amateurs e profesionais”, di Souto. As orquestras que actuarán na alameda son Palladium e Nova Generación.

O último día das festas é o martes dia 20 , dia das Maulas, día no que actuará unha das mellores orquestras de Galicia, a Paris de Noia. Por último, Miguel Souto tamén quixo agradecer ao artista mindoniense Xose Vizoso, o deseño do cartel das Feiras das San Lucas “cuxa linguaxe artística hoxe en día distingue estas feiras”.

Hemeroteca