00:07 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O San Froilán 2015 chega a Madrid

Stadio Sport  |  25 de septiembre de 2015 (19:11 h.)

Carmen Basadre e José Ramón Ónega presentaron este venres na Casa de Galicia en Madrid o programa oficial destes festexos declarados de Interese Turístico Galego e Nacional. “O San Froilán é o mellor escaparate da historia, do patrimonio, da gastronomía e da cultura de Lugo” destacou a edil

 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este venres na Casa de Galicia en Madrid o programa oficial das festas do San Froilán 2015. Trátase dunha programación que engloba máis de 200 actividades dirixidas a todos os públicos e gustos, combinando a tradición feiral que sempre caracterizou a estes festexos coa innovación. Ao acto tamén acudiu o director da Casa de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega.

“O ano pasado achegáronse a Lugo 550.000 persoas durante os días que duraron estes festexos, declarados Festa de Interese Turístico Galego e Nacional, unha oportunidade que non podemos deixar escapar para pór en valor a riqueza da cidade”, destacou Carmen Basadre. Neste senso a edil fixo fincapé no San Froilán como “o mellor escaparate da historia, do patrimonio, da gastronomía e da cultura de Lugo e é a mellor oportunidade para poñer a nosa cidade no punto de mira dos turistas nacionais e internacionais”.

Pola súa banda Ónega destacou a importancia dos festexos indicando que “aínda que soe a tópico, o polbo e o ambiente festivo son os sinais de identidade que Lugo se converta no centro de atracción ao que acoden desde todos os puntos da provincia, de Galicia e máis alá… ou no noso caso, dende Madrid”.

O director da Casa de Galicia en Madrid aludiu tamén a súa orixe lucense de Mosteiro no Concello de Pol e evocou a súa nenez e parte da súa xuventude na cidade luguesa, “unha etapa da miña vida chea de bos recordos e entrañables anécdotas”.

Hemeroteca