00:00 h. miércoles, 24 de abril de 2024

O PSOE denuncia a insalubridade que provoca un camión de lixo estacionado nunha rúa do casco urbano de Vilalba

Stadio Sport  |  01 de octubre de 2015 (18:27 h.)

Os socialistas poñen de relevo a contaminación produto das deficiencias na recollida do lixo, tanto no casco urbano coma no rural. Destacan tamén a falta de limpeza dos sumidoiros, advertindo do fundamental do seu correcto estado coa chegada do inverno e das chuvias

 

O Grupo Municipal Socialista vén de denunciar as condicións de insalubridade e contaminación que producen os verquidos dun camión de lixo estacionado na rúa Castelao. Sinalan que malia ser unha zona frecuentemente transitada, a vertedura de substancias e os fortes olores que desprenden afectan directamente ás veciñas e veciños.

“As promesas e os proxectos do Partido Popular de Vilalba se escriben sempre sobre papel mollado, posto que na anterior lexislatura puxeron en marcha un Plan de limpeza e adecuación do casco urbano, co asombroso resultado de que cada día se atopa en peores condicións”, reprobou a portavoz do grupo municipal, Elba Veleiro. Solicitan por este motivo ataxar a problemática dos verquidos do camión do lixo facilitando unha nave adecuada para o seu estacionamento, cumprindo unhas condicións mínimas de hixiene e respecto ao medio ambiente.

Por outra banda, os socialistas traen a colación a suciedade que se observa con asiduidade nas rúas do centro de Vilalba, así como nas parroquias, denunciando que nin as frecuencias nin os puntos de recollida dos refugallos dos contedores son suficientes a día de hoxe. “É máis que palpable que este servizo está sendo moi deficiente, repercutindo directamente na veciñanza que ten que soportar a acumulación de sucidade durante varios días”, afirman desde o Grupo Municipal.

Finalmente, tamén acusan ao Concello de neglixencia no que atinxe á limpeza dos sumidoiros, dado que o estado no que se atopan impediría a súa función de cara ás chuvias que terán lugar neste inverno. “Non se pode consentir a pasividade do equipo de goberno en cuestións tan fundamentais coma esta, polo que esperamos que atendan as nosas peticións e resolvan de inmediato esta problemática que afecta a todo o municipio”, concluíu Veleiro.

Hemeroteca