00:01 h. jueves, 25 de abril de 2024

O PP de Meira resalta que a nova posibilidade de edificar ao redor do casco urbano incentivará a fixación poboacional e a economía local

Stadio Sport  |  28 de diciembre de 2015 (19:39 h.)

Trátase dunha xestión promovida polo anterior Goberno popular da localidade e a través da que se dá resposta ás peticións dos veciños

 

O voceiro do Partido Popular de Meira, Ramiro Pérez, puxo en valor a decisión adoptada pola Xunta de Galicia que supoñerá un importante revulsivo poboacional e económico para a localidade. Tal e como anuncia o popular, o Goberno galego vén de aprobar definitivamente a modificación puntual do PXOU de Meira para a delimitación dos núcleos rurais de Riocabo, A Pena, A Valiña e Paredes.

Este acordo da Xunta de Galicia modifica a cualificación urbanística dos referidos núcleos rurais, asentados ao redor do casco urbano da localidade, e permitirá a edificación de novas construcións, xa que ata agora as actuacións estaban restrinxidas só a obras en vivendas existentes. Polo tanto, tal e como matiza Ramiro Pérez, “estase a facilitar a adquisición de terreos para edificar”.

Esta proposta de modificación puntual do PXOU foi promovida polo Goberno popular de Ramiro Pérez durante o último mandato, en resposta ás peticións dos veciños que requirían a posibilidade de dispoñer de solo urbanizable. “Atopámonos con casos de veciños que ata agora vivían de aluguer interesados en construír unha vivenda ou de pais que querían deixar unha residencia aos seus fillos. Agradecemos a resposta da Xunta de Galicia, xa que estamos ante un acordo que beneficia a Meira”, di o popular.

En concreto, Ramiro Pérez resalta que esta decisión favorecerá o asentamento da poboación no municipio e, polo tanto, o crecemento do número de habitantes. Ademais, o beneficio deste acordo permitirá tamén o incremento do sector da construción e dos seus derivados e, deste xeito, incentivarase a economía local. 

Hemeroteca