17:25 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

A mostra Artesanfroilán terá lugar entre os días 2 e 12 de outubro coa participación de 21 artesáns

A presidenta da Deputación e o deputado de Turismo presentaron a XIX edición desta mostra que se converteu nun “magnífico escaparate para a promoción e posta en valor do sector artesanal”

Stadio Sport  |  22 de Septiembre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

A presidenta da Deputación, Elena Candia, e o deputado delegado de Turismo, Carlos Armesto, presentaron este luns a XIX edición da mostra de artesanía Artesanfroilán Destino Artesanía, que abrirá as súas portas ao público o próximo venres día 2 de outubro, ás 17:30 horas, e terá continuidade ata o día 12. Consideran esta mostra como “un magnífico escaparate para a promoción e posta en valor do sector artesanal”.

A mostra, cuxa entrada é de balde, poderá visitarse en horario de 11 a 14 horas e de 17 a 22 horas, na Praza Anxo Fernández Gómez, baixo unha estrutura temporal tipo stands, nos que exhibirán as súas coleccións 21 artesáns da provincia de Lugo cunha produción e creación propia .

 

Novidades da XIX edición de Artesanfroilán

O deputado responsable do Centro de Artesanía e Deseño, organizador da mostra, explicou que este edición do Artesanfroilán presenta unha serie de novidades. Por primeira vez os participantes non pagarán unha taxa polo uso dos stands.  Ata agora os artesáns debían abonar 350 euros por expoñer a súa mostra. A maiores, estase a integrar a participación de representantes artesáns na organización da mostra co obxecto de crear unha  “canle aberta, de participación e de comunicación permanente co sector artesanal, a través da que nos fan traslado das súas inquedanzas e suxestións, xerando un feedback necesario entre a entidade pública e o sector privado”, explicou Armesto.

O principal obxecto desta edición é promover unha liña de turismo activo ao redor dos obradoiros visitables, polo que á hora de seleccionar aos 21 participantes  (que se elixirán entre as solicitudes recibidas segundo as bases publicadas no BOP do 10 e 11 de setembro), valorarase positivamente a aqueles artesáns que teñan abertas as súas instalacións para visitas guiadas. Polo tanto, por primeira vez desbótanse os criterios económicos como fundamento para a selección dos participantes.

A mostra reservase a artesáns da provincia de Lugo e xunto aos stands dos participantes, haberá tamén outro reservado para a organización onde, ademais da cumprida información sobre o sector artesanal lucense, tamén se facilitará material promocional de Artesanía de Galicia e información sobre a aplicación para dispositivos móbiles, os chamados ‘Obradoiros Abertos’.  Esta aplicación permite acceder de xeito inmediato á información sobre artesanía en calquera punto.

 

Compromiso da Deputación co sector artesanal

O deputado asegurou que esta mostra é a evidencia do compromiso real da institución co sector ao que Armesto definiu de “suma importancia para a nosa provincia ao incidir positivamente nas áreas de emprego, medio rural, promoción da muller e medio ambiente”. Ademais, o responsable do Centrad considera a este sector como un “instrumento primordial na dinamización da cultura autóctona, promovendo a integración, a cohesión e autoestima da poboación e construíndo a atracción dun turismo de calidade”.

Na presentación celebrada esta mañá estiveron presentes representantes da Asociación proa de Viveiro, do colectivo da Mariña Obradoiros con Alma, da Asociación de Artesáns da Terra Chá, da Asociación de Artesáns Terra de Lemos, da Asociación Artellando, da Asociación Artelar e do colectivo da Cova da Moura da Montaña lucense.

Por último, a mostra Artesanfroilán Destino Artesanía, que supón un investimento de 23.900 euros, conta este ano coa colaboración da Xunta de Galicia a través de Artesanía de Galicia e da Asociación Galega de Artesáns.