17:25 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Este mércores finaliza o prazo do concurso para elixir o mellor monumento funerario de España, que lidera Lugo

O mausoleo neogótico situado á entrada do cemiterio lucense opta a gañar o certame, o que contribuiría a aumentar o atractivo turístico do municipio. A cidadanía pode votar ata o 30 de setembro en lugo.gal e www.revistaadios.es e os resultados coñeceranse na primeira quincena de outubro

Stadio Sport  |  28 de Septiembre de 2015 (15:24 h.)
Más acciones:

 

Este mércores, 30 de setembro, finaliza o prazo para participar nas votacións populares do concurso para elixir o mellor monumento arquitectónico funerario de España, que segue liderando Lugo. Este certame organizado pola revista Adiós Cultural, financiada e editada por Funespaña, ten como obxectivos a potenciación de actividades culturais en torno aos cemiterios, a posta en valor do patrimonio funerario e a súa divulgación. O mausoleo neogótico situado á entrada do cemiterio municipal de San Froilán, unha das construccións máis emblemáticas do recinto, opta a gañar este certame, o que contribuiría a aumentar o atractivo turístico do municipio.

Unha vez que o cemiterio lucense foi seleccionado como finalista da primeira fase do Concurso de Cemiterios de España, na modalidade de mellor monumento arquitectónico funerario, a principios de xullo abriuse a segunda fase, unha votación popular para que sexa a cidadanía a que elixa o gañador. As persoas interesadas poderán votar a través das web lugo.gal e www.revistaadios.es ata o 30 de setembro e os resultados coñeceranse na primeira quincena de outubro.

 

Un mausoleo de mediados do XIX

O mausoleo neogótico do cemiterio de San Froilán data da segunda metade do século XIX, sendo construído arredor do 1870 aproximadamente. Pasou a formar parte do patrimonio municipal no ano 2012, mediante unha cesión da familia de Armando Durán Miranda, persoa moi vinculada con este Concello, que ostentou a titularidade da concesión administrativa daquel ata o seu falecemento.

Este monumento presenta características propias da arquitectura historicista cunha marcada tendencia ao estilo neogótico e a súa construcción atribúese a Cobreros, arquitecto lucense que liderou a actividade constructiva da época marcando as liñas das novas tendencias arquitectónicas.

Como características relevantes desta construcción destacan o arco oxival da fachada principal decorado con rosetas (recurso artístico de orixe romana, posteriormente recuperado no Renacemento e no Barroco) e enmarcado con pilastras coronadas por capiteles que imitan a decoración propia do estilo corintio. Os vans laterais aparecen encadrados nun arco oxival subdividido por pilastras con capiteis de inspiración corintia que sosteñen un óculo adoviado con motivos de flor de lis.