00:01 h. sábado, 20 de abril de 2024

Máis de 10.200 persoas participaron nos cursos e nas actividades que se realizon na Casa da Xuventude de Lugo no que vai de ano

Stadio Sport  |  28 de septiembre de 2015 (17:27 h.)

Carmen Basadre presentou os novos talleres e obradoiros gratuítos dirixidos aos mozos e mozas, que organiza o Concello a partir de outubro na Casa da Xuventude, nos pavillóns de Frigsa e Daniel Cordido e nos centros escolares

 

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este luns no Salón de Plenos os novos talleres gratuitos para mozas e mozas, que o Concello de Lugo organiza a partir de outubro. O Concello oferta 270 prazas para participar en 17 obradoiros, que se desenvolverán dende o vindeiro 1 de outubro ata o 26 de decembro na Casa da Xuventude, no pavillón de Frigsa e no polideportivo municipal Daniel Cordido Castro.

Grazas a estes talleres, os mozos e mozas terán a oportunidade de preparar os exames de inglés Pet 1 e 2, así como o First 1 e 2. Tamén poderán practicar pilates, ioga, zumba e familiarizarse coas ténicas de cociña. Retocar fotografías, mellorar a autoestima e coñecer a intelixencia emocial son outros dos aspectos nos que profundizarán estes talleres. Esta programación inclúe tamén actividades sen límite de prazas como o tenis de mesa, hoquei, hiphop, breakdance, acrosport, parkour e apoio escolar para os máis cativos.

“Coa organización destas actividades pretendemos ofrecer unha alternativa máis aos mozos e mozas de Lugo para que empreguen o seu tempo de lecer na práctica de actividades deportivas e na aprendizaxe de habilidades sociais, poñendo á sua disposición as instalacións municipais”, destacou a edil.

Carmen Basadre amosou a súa satisfación polo éxito que ano tras ano acadan estes talleres xuvenís. De feito, no que vai de ano, tomaron parte nos cursos e nas actividades que se realizaron na Casa da Xuventude, máis de 10.200 persoas, o 55% mozos e o 45% mozas. O mes que rexistrou máis participación foi febreiro, e o que menos, agosto. Os talleres deste 2015 que máis interese espertaron foron os de costura e coiro para preparar os traxes do Arde Lvcvs, con máis de 300 participantes; así como o de manipulador de alimentos, con 109, segudio de zumba, con 57; pilates, 54 e a preparación do first, 45.

Todos os interesados en participar nalgún destes talleres poden inscribirse dende hoxe na Casa da Xuventude. O prazo de inscrición, que é diferente para cada actividade, pode consultarse na web www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010. As prazas cubriranse por sorteo.

 

Obradoiros de Prevención de Drogodependencias

Carmen Basadre tamén deu a coñecer o programa de obradoiros de prevención de dropodependencias. “Trátase dun programa moi importante para coñecer e poder aclarar as crenzas e actitudes do alumnado en educación primaria e secundaria sobre as drogas e o seu consumo”, subliñou a Concelleira, quen anunciou talleres para nais e pais, que teñen como obxectivo a sensibilización sobre o papel dos educadores de cara á prevención das drogas.

Esta programación inclúe unidades didácticas para profesorado e alumnado, un certame artístico e creativo, talleres de prevención ou obradoiros informativos sobre os perigos do cannabis, entre outros.

 

PREVILugo

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre tamén anunciou a programación de PREVILugo, unha iniciativa dirixida ao alumnado de ESO e BAC, que ten como obxectivo a prevención, información e formación a través de programas de intervención socioeducativa. Os talleres que se ofrecen aos centros educativos para este curso son: habilidades sociais, educación afectivo-sexual, motivación e técnicas de estudo, resolución de conflictos; así como charlas formativas sobre a boa alimentación, as redes sociais, o conflicto ou o acoso.

“O pasado ano participaron neste programa 2.900 alumnos de 10 institutos da cidade, nos que se impartiron un total de 170 obradoiros”, subliñou Carmen Basadre.

Máis información en www.lugo.gal ou no teléfono de atención cidadá 010.

 

Asesorías xuvenís

A edil aproveitou a ocasión para lembrar o horario da asesoría xuveníl xurídica e psicolóxica, que o Concello porá de novo en marcha tras o San Froilán, na terceira pranta do Centro de Convivencia Uxío Novoneyra. A asesoría psicolóxica funcionará os martes e os venres, de 18:00 a 20:00 e a xurídica, os luns e os mércores, de 19:30 a 21:00 horas. 

Hemeroteca