17:30 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Lugo, unha das cinco cidades de España que acolle o autobús informativo da Semana do Cerebro

A Alcaldesa Lara Méndez visitou a campaña da Sociedad Española de Neurología (SEN) e a Fundación Cerebro, que ten por obxectivo promover a prevención activa e axudar a detectar os síntomas das enfermidades neurolóxicas

Stadio Sport  |  02 de Octubre de 2015 (16:20 h.)
Más acciones:

 

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou este venres o autobús que con motivo da Semana do Cerebro se instalou na praza luguesa de Augas Férreas. Esta iniciativa, posta en marcha pola Sociedad Española de Neurología (SEN) e a Fundación Cerebro, baixo o lema Tu cerebro es vida, cuídalo; ten por obxectivo promover a prevención activa do cerebro e axudar a detectar os síntomas das enfermidades neurolóxicas.

No acto, no que tamén estivo presente o xerente do Sergas, Antonio Fernández, e varios neurólogos, a rexedora agradeceulle ás entidades organizadores que pensasen en Lugo para facer unha parada co seu centro de diagnóstico ambulante. “Somos a única cidade galega que acolle este proxecto nesta edición da Semana do Cerebro e unha das cinco de toda España”, destacou Méndez, quen puxo en valor o traballo, ben sexa de colectivos profesionais, sociais ou institucións, para promover iniciativas en beneficio de todos os veciños e veciñas.

“No Concello apostamos e seguiremos apostando por unha sanidade universal, gratuíta e de calidade, e polo Benestar Social”; subliñou a Alcaldesa, ao tempo que lembrou que Lugo é a primeira cidade de Galicia e a cuarta en España que máis inviste en Políticas Sociais. Neste senso, Lara Méndez avanzou que “no eido sanitario, aínda nos quedan moitas reivindicacións polas que seguiremos loitando. É de xustiza que teñamos os mesmos servizos sanitarios que calquera outra provincia galega”.

Durante todo o día e ata as 18:00 horas de xeito ininterrompido, este centro atenderá a todos os lucenses que queiran coñecer da man de neurólogos expertos cal é a súa axilidade e destreza mental.

Este autobús informativo chega a Lugo tras recorrer Huesca, Valencia, Córdoba e Segovia durante a primeira semana de outubro, poñendo a proba o cerebro dos españois e ofrecendo consellos básicos, así como as mellores técnicas para exercitalo, co obxectivo de fomentar a concienciación social sobre a importancia dunha prevención activa e das enfermidades neurolóxicas, promover o coñecemento dos pacientes e as súas familias e impulsar o interese social na neuroloxía e o seu rol sociosanitario. O pasado ano, este autobús atendeu a máis de 1.500 persoas en Madrid, Almería, Toledo, Santander e Lleida.