00:00 h. jueves, 18 de abril de 2024

O Grupo Popular afirma que a ocupación media de camas no HULA durante o verán situouse no 77%

Stadio Sport  |  09 de octubre de 2015 (02:00 h.)

O deputado popular Aurelio Núñez Centeno afirmou que este dato bota abaixo a suposta falta de atención aos enfermos que denuncian os grupos da oposición

 

O deputado do Grupo Popular Aurelio Núñez Centeno afirmou este xoves que a ocupación media de camas operativas no Hospital Lucus Augusti (HULA) de Lugo durante o verán situouse no 77 por cento, o que bota abaixo a suposta falta de atención aos enfermos que denuncian os grupos da oposición.

Aurelio Núñez explicou que o peche de camas, que este verán afectou no HULA a 174, responde todos os anos a varios factores, “pero sempre coa responsabilidade de garantir a seguridade e a calidade asistencial dos pacientes”.

 

PORCENTAXE SOBRE CAMAS HABILITADAS

Neste sentido, lembrou os baixos índices de ocupación hospitalaria na época estival, que no caso específico do Hospital Lucus Augusti as porcentaxes neste verán foron do 74,18  por cento no mes de xuño, do 76,90 no mes de xullo e do 75,83 por cento no mes de agosto, “sempre tendo en conta as camas habilitadas en cada momento, non sobre o total ou máximo de camas do hospital”.

Respecto do peche de unidades hospitalarias como o servizo de uroloxía do HULA denunciado polos grupos da oposición, Núñez Centeno subliñou que “esa nova é absolutamente falsa, xa que en realidade tratábase dun traslado de localización deste servizo para a creación de dúas novas unidades no hospital: a de preingreso e a de curta estancia”, mellorando dun xeito importante a atención aos doentes de urxencias e crónicos.

“O servizo de uroloxía mantén o mesmo dispositivo asistencial de camas, quirófanos, consultas externas, persoal facultativo e de enfermería, porque o único que se fixo foi un cambio de localización no hospital”, dixo.

 

HEMODINÁMICA E RADIOTERAPIA

Respecto do servizo de hemodinámica, Aurelio Núñez salientou que o HULA conta cunha sala “grazas ao goberno do Partido Popular” e concretou que se trata “do mesmo servizo de hemodinámica que ten o Hospital de Ourense, aberto polo Goberno bipartito cun horario de mañá de 8 a 3”.

Ademais, Núñez Centeno apuntou que o hospital lucense disporá de servizo de radioterapia e medicina nuclear “nunha superficie total de máis de 3.300 metros cadrados que xa está absolutamente preparada para a instalación do primeiro acelerador antes de que remate o presente ano 2015”.

Hemeroteca