17:25 h. Viernes, 17 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

O Goberno do PP garante o equilibrio territorial no reparto das axudas ao contar en 2015 todos os concellos de Lugo con colaboración da Deputación

Candia asegura que co novo Goberno provincial mudou a anterior práctica dos socialistas e “guiámonos por unha política de igualdade dos cidadáns, que se concreta en atender ás súas necesidades e non ás estratexias políticas dos partidos”

Stadio Sport  |  06 de Octubre de 2015 (17:45 h.)
Más acciones:

 

A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, evidenciou este martes con datos que o Goberno do Partido Popular na administración provincial avanza no logro dun equilibrio territorial á hora de realizar o reparto das axudas públicas. “En 2015 todos os concellos da provincia recibirán axudas da Deputación de Lugo, algo que non se estaba a dar ata agora”, matiza.

Candia fixo estas declaracións tras a celebración da Xunta de Goberno Extraordinaria celebrada esta mañá na que se aprobaron convenios con concellos “fortemente castigados polo PSOE na Deputación de Lugo”. Así, “dende o 24 de xuño de 2015 mudamos a anterior práctica dos socialistas e guiámonos por unha política de igualdade dos cidadáns, mantendo á marxe a cor política dos gobernos dos Concellos, e centrándonos en atender ás necesidades dos cidadáns e non ás estratexias políticas dos partidos”.

Os datos corroboran as afirmacións da presidenta sobre a asignación de axudas que “carecen de todo tipo de carácter discriminatorio”. Trala celebración da Xunta de Goberno de hoxe, os concellos do Partido Popular (33 dos 67 da provincia), recibirán transferencias no ano 2015 por importe total de 2.942.569,15 euros. Pola súa banda, os 34 municipios nos que gobernan outros partidos políticos distintos aos desta corporación de goberno recibirán neste ano transferencias por un importe superior de 3.412.019,85 euros.

 

Besteiro converteu a Deputación nun instrumento de desequilibrio entre municipios e de utilización partidista

Candia remarcou que “unha Deputación que respectase os dereitos fundamentais de igualdade dos veciños da provincia, non tería en conta a cor política dos municipios onde viven, senón as súas necesidades básicas”.  Porén, coa chegada ao Goberno do PP, os datos económicos que obran na contabilidade provincial “e que nos deixou Besteiro evidencian unha realidade moi afastada desta esixencia propia dunha sociedade democrática”. Tanto é así que entre o 1 de xaneiro e o 23 de xuño de 2015, a Deputación cos socialistas outorgou axudas a concellos da provincia por un importe de 3.596.936,58 euros. “Esta distribución foi claramente discriminatoria xa que 28 concellos da provincia, dos que 26 estaban gobernados polo PP, non recibiran ningún tipo de axuda por parte Deputación Provincial”, explicou a popular.

É dicir, durante os primeiros seis meses do ano “os socialistas con Besteiro introduciron de xeito evidentemente arbitrario un criterio antixurídico de asignación de gasto público”, que produciu unha situación de desigualdade “que debíamos considerar necesariamente nos ulteriores actos de asignación, para corrixir esta situación indesexable e froito da arbitrariedade”. Ademais, esta situación lévase dando nos últimos oito anos e, como dato exemplificador, Candia citou que “na última lexislatura repartiron entre concellos afíns o 93% dos fondos concedidos de xeito excepcional”.

 

Garantir equilibrio na asignación de fondos no 2015

Polo tanto, a actuación do Goberno provincial pretende “poñer punto e final a un xeito arbitrario de asignación do gasto público, reequilibrando a asignación dentro do ano 2015, facendo borrón e conta nova dos oito anos anteriores, e constituíndo un claro mandato para que, no sucesivo, a asignación dos recursos públicos, que son de todos, repercutan a todos por igual”.

En concreto, na Xunta de Goberno de hoxe aprobáronse convenios con 21 concellos, que suporán durante esta anualidade un importe por parte da Deputación de 1.186.006,26 euros. Unha cifra que unida aos sete convenios do 25 de setembro e ao aprobado por Decreto de Presidencia, suman 1.479.522,20 euros. E, neste senso, hai que ter en conta que os socialistas non están lexitimados para dar leccións, tendo en conta que eles mesmos en dúas xuntas de goberno, no mes de maio, é dicir á porta das eleccións, aprobaron convenios por un importe superior aos 2 millóns de euros, “un manifesto castigo a moitos concellos da provincia, a diferenza de nós”.

 

Un Goberno receptivo

Dende o Goberno provincial estase a recibir a todos os alcaldes, excepto os que non quixeron vir, como foi o caso da alcaldesa de Lugo, ao igual que os eventos que solicitaron axuda económica tamén recibiron colaboración por parte da Deputación. Como mostra deste compromiso de traballo, a presidenta da Deputación tamén asinou hoxe tras a celebración da Xunta de Goberno, outros convenios con diferentes concellos  (Samos, Guitiriz, Ribas de Ril, Abadín, Sober...) e asociacións, para que a Deputación colabore en actividades de interese no seu municipio. Ademais, tamén se aprobaron addendas de ampliacións de prazo para que os concellos podan cumprir cos prazos de xustificación e non perdan a súa subvención. Trátanse dun total de 20 concellos os que asinaron hoxe coa presidenta convenios reguladores de subvencións nominativas ou addendas a convenios.