00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

A Deputación de Lugo colabora coa XXVIII Festa da Castaña de Folgoso do Courel

Stadio Sport  |  02 de octubre de 2015 (02:25 h.)

Candia di que dende a Deputación “apostamos, a través desta axuda, pola potenciación e a comercialización dos produtos autóctonos da provincia”. A alcaldesa do Courel agradece esta subvención que se converte “nun recoñecemento a este produto beneficioso para a economía familiar do concello”

 

A Deputación de Lugo colabora coa XXVIII Festa da Castaña de Folgoso do Courel cunha subvención de 3.000 euros, concedida a través dun convenio establecido entre o Concello e o organismo lucense e que asinaron hoxe a presidenta, Elena Candia, e a alcaldesa, Dolores Castro.

Esta subvención, dirixida a axudar no financiamento do festexo gastronómico, “é unha aposta dende a Deputación pola potenciación e a comercialización dos produtos autóctonos da provincia”, indicou Candia. Ademais, a presidenta engadiu que esta subvención tamén é “un recoñecemento ao valor etnográfico desta festa”, que cada ano conta cunha gran asistencia de público que “tamén contribúe a promoción turística da localidade”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Folgoso do Courel agradeceu a colaboración da administración lucense, así como da Xunta de Galicia, con esta Festa de Interese Turístico Galego e indicou que esta subvención convértese “nun recoñecemento a este produto beneficioso para as economías familiares do concello”.

A Festa da Castaña celebrarase o día sete de novembro, nesta ocasión en Seoane. Durante o festexo gastronómico prepáranse entre 700 e 800 quilos de castaña, que se reparten de xeito gratuíto entre os asistentes, así como viño da terra.  

Hemeroteca