00:06 h. viernes, 19 de abril de 2024

Armesto: “Ademais do mal funcionamento das ferramentas electrónicas do Innovate, o goberno de Besteiro puido ter feitas adxudicacións ilegais dentro deste programa”

Stadio Sport  |  05 de octubre de 2015 (02:00 h.)

O voceiro dos populares afirma que o daquela asesor e concelleiro do PSOE en Láncara e na actualidade tamén deputado provincial, Pablo Rivera, resolveu, sen ter competencia, alegacións sobre conflito de intereses entre empresas na adxudicación de preto de 5 millóns de euros na segunda fase do Innovate

 

O voceiro do Goberno da Deputación, Carlos Armesto, asegurou este domningo que na execución do programa Innovate, desenvolvido por Besteiro no organismo provincial, “danse cuestións que cando menos rozan a ilegalidade e que polo tanto deben ser investigadas pola Oficina Europea de Loita contra o Fraude (OLAF)”. Armesto engade que “ademais do mal funcionamento das ferramentas electrónicas do Innovate, puidéronse ter dado adxudicacións ilegais dentro deste programa”.

Tendo en conta o xa feito público sobre a existencia dunha auditoría externa que conclúe o mal funcionamento da administración electrónica da Deputación e a imposibilidade de realizar a tramitación a través das sedes electrónicas dos concellos adheridos ao plan tras un investimento de 24,4 millóns de euros; os populares consideran necesario poñer en coñecemento da Oficina que investiga as faltas graves das institucións europeas  toda a documentación que obra no seu poder. Tendo en conta, a maiores, que as auditorías realizadas ata o momento polas administracións e nas que se escudan os socialistas só se basearon nos informes asinados polo PSOE e non se centraron nunha análise da realidade.

 

Dúbidas nas adxudicacións

En relación coas adxudicacións feitas ao abeiro deste programa, Armesto explica que na segunda fase do Innovate adxudicóuselle a unha empresa o servizo de elaboración do Plan Director para Análise de Deseño das Principais Actuacións no Marco do Proxecto Innovate2: Deputación Dixital, cun importe de 171.000 euros. Ao analizar o prego de prescricións técnicas deste contrato, este inclúe a elaboración e especificacións técnicas ou preparatorias dun novo contrato, en concreto o de Servizos para Fomentar e Potenciar o Uso das Tecnoloxías da Información e Comunicación para a Mellora das Deficiencias da Deputación e Entidades Locais, Optimación de Recursos e Mellora da Competitividade da Deputación Dixital, que foi adxudicado á mesma empresa, por un importe de 3.400.346’74 euros . É dicir, “o mesmo que fai os pregos, é o mesmo que se presenta, é o mesmo que o gana o proceso de adxudicación”, matiza.

Neste senso, Armesto manifesta que esta circunstancia resulta “sospeitosa, tendo en conta a lexislación vixente e máis que a empresa adxudicataria puido ter acceso á documentación con carácter previo ó anuncio de contratación, o que sería unha ilegalidade evidente”. O artigo 56 do TRLCSP, que regula os contratos no sector público,  especifica que “non poderán concorrer á licitación empresas que participaran na elaboración das especificacións técnicas ou de documentos preparatorios do contrato, nin por si nin mediante unión temporal de empresarios…”. Para máis información, esta situación demóstrase a través dos BOP de 30/11/2011, 15/12/2011, 19/12/2011 e 10/02/2012, entre outros, no que se refire ó primeiro contrato citado, e no relativo ao segundo, a documentación atópase no DOUE  dos días 21/01/2012, 28/02/2012, 09/03/2012 e 28/05/2012”.

 

O asesor que resolve as alegacións non tiña competencia para facelo

Armesto explica que para “vestir de legalidade” todo este proceso, o daquela asesor do presidente Besteiro e concelleiro do PSOE en Láncara e hoxe en día tamén deputado provincial, Pablo Rivera, asinou un informe a través do que resolve ás alegacións presentadas ao respecto, o que só podería facer persoal funcionario da Deputación. Polo tanto, dáse a circunstancia de que Pablo Rivera firma un informe sobre a compatibilidade da empresa adxudicataria dos dous contratos, a través do que intenta xustificar que “a empresa si pode concorrer ó segundo logo de ser a autora do primeiro”.

A maiores, o voceiro do Goberno da Deputación tamén cita outros exemplos dos que informa o asesor sen ter competencia. “Pablo Rivera asinou un prego para o que non estaba capacitado legalmente, prego que leva o conforme do deputado delegado por aquel entón e hoxe deputado no Parlamento de Galicia, José Ramón Val Alonso”. Polo tanto, “resulta cando menos chocante que ningún funcionario, con capacidade legal para facelo, asinase esa documentación, o que dá pé a pensar que estamos antes presuntas ilegalidades”.

O Grupo Provincial do Partido Popular xa presentara as alegacións correspondentes que “non foran tidas en conta polo Goberno de Besteiro, un executivo que incluso nos contratos importantes lle puxo moitos pegas as empresas de Lugo para que optaran a algunha adxudicación”.

 

As “chapuzas” do Goberno de Besteiro

Polo tanto,  Armesto explica que o programa estrela de Besteiro “cuxo resultado nos vendeu nos medios baseándose en mentiras, claras e manifestas, é un exemplo máis das chapuzas de Besteiro ao fronte da Deputación e por esta nefasta xestión débense depurar responsabilidades para que non se vexa danada a imaxe da institución provincial”. Ademais, o actual deputado do PSOE na oposición “foi xuíz e parte no desenvolvemento deste programa, sobre o que existen indicios dun posible fraude e da comisión de presuntas ilegalidades”. Ante esta circunstancia, Armesto engade que “o noso deber e poñelo en coñecemento da OLAF e posiblemente da Fiscalía para que, de habelas, depure posibles responsabilidades”. 

Hemeroteca