00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

Valiosa vitoria do CP Cerceda nun partido que se complicou na segunda parte

Stadio Sport  |  01 de febrero de 2015 (23:31 h.)
56.2014-2015.Jornada19.CPCerceda-vs-ICGLleida13

Tres goles de Martín Payero a bola parada rescataron a un HockeyGlobal CP Cerceda, ao que se lle complicou demasiado na segunda parte o partido ante o ICG Software Lleida (5-3)

 

Parecía que os de Juan Copa ían ter un partido tranquilo e sen angustias tras o primeiro tanto de Juan Fariza no minuto 5. Non obstante, os galegos semellaban non estar moi cómodos na pista polo que as oportunidades non chegaban. Un duro lanzamento de Carlos Trilla dende medio campo coábase pola escuadra da portaría de Willy Domínguez, deixando o empate a falta de tres minutos para o descanso, pero aínda tería tempo Gonzalo Pérez para provocar un penalti, que Joan Grasas non acertaba a materializar.

O segundo período iniciábase con outro ritmo. Martín Payero intentábao dende lonxe, pero os seus lanzamentos non encontraban a rede da portaría de Lluís Tomàs. Pola súa banda, un Willy Domínguez absolutamente brillante nesta segunda parte, solucionaba con acerto dous contraataques en solitario de Manu Necchi e Joan Cañellas, ademais dunha directa lanzada por Lluís Rodero. Un novo penalti sobre Juan Fariza permitía a Martín Payero colocar os galegos por diante a falta aínda de 15 minutos.

Non obstante, o González Laxe quedaba xeado cando no minuto seguinte Carlos Trilla transformaba un penalti e David Ballestero marcaba outro tanto nun despiste da defensa local. Co 2-3 no marcador e cunhas sensacións que non eran as doutros encontros, parecía que se ía escapar o triunfo. Non obstante, a casta dos galegos saíu de novo a relucir nos últimos 10 minutos, sendo Martín Payero de falta directa eJacobo Mantiñán os que no 42 situaban de novo por diante aos de Juan Copa, o que sería definitivo e que culminaba a dous para a conclusión Martín Payero, outra vez de penalti, para deixar o 5-3 que permite aos de Cerceda seguir na sexta praza.

Sinalar tamén que mañá luns se celebrará en Blanes a partir das 11:00 horas o sorteo da fase final da Copa do Rei. Nun dos bombos iránFC Barcelona, HC Liceo, CP Vic e Reus Deportiu, sendo un deles o rival do HG CP Cerceda en cuartos de final. No devandito sorteo, quedarán establecidos os cruzamentos de semifinais.

 

FICHA TÉCNICA:

HockeyGlobal CP Cerceda (5): Willy Domínguez, Joan Grasas, Juan Fariza, Martín Payero, Jacobo Mantiñán -cinco inicial-, Pablo Togores, Gonzalo Pérez e Peli Fernández.

ICG Software Lleida (3): Lluís Tomàs, Carlos Trilla, Joan Cañellas, Lluís Rodero, Manu Necchi -cinco inicial- David Ballestero e Xavi Díez.

Goles: 1-0 (min. 5), Juan Fariza. 1-1 (min. 22), Carlos Trilla. 2-1 (min. 35), Martín Payero de penalti. 2-2 (min 36), Carlos Trilla. 2-3 (min. 36), David Ballestero. 3-3 (min. 42), Martín Payero de falta directa. 4-3 (min. 42), Jacobo Mantiñán. 5-3 (min. 48), Martín Payero de penalti.

Árbitros: Francisco Jorge García Romero e Íñigo López-Leytón Zapico. Tarxeta azul a Lluís Rodero.

Pazo de Deportes Presidente González Laxe. Cerceda (A Coruña).

Hemeroteca