00:07 h. martes, 19 de marzo de 2024

A pesar do bo xogo do CP Cerceda, sobrou o minuto final

Stadio Sport  |  06 de diciembre de 2015 (02:00 h.)

Derrota pola mínima (2-1) dos de Juan Copa ante o CH Caldes

 

Continúa o HockeyGlobal CP Cerceda en liña ascendente a pesar da derrota no partido da 10ª xornada correspondente á OK Liga, disputado este sábado no Pavelló da Torre Roja de Caldes de Montbui (Barcelona). O conxunto local do Recam Làser CH Caldes lograba a vitoria a 56 segundos para a conclusión cun tanto de Jordi Urbano, que situaba o definitivo 2-1 nun partido onde se mantivo a emoción ata o último segundo e no cal os de Juan Copa deixaban escapar un punto.

A presenza de Martín Payero no cinco inicial dos galegos facíase notar, pero como xa vai sendo habitual o encontro iniciábase con moito ritmo, con ocasións por parte dos dous equipos, pero cos de Eduard Candami metendo moita presión e chegando con opción de marcar á portería de Willy Domínguez, que unha e outra vez desbarataba os intentos dos cataláns.

O HG CP Cerceda aguantaba ben ata que mediado o primeiro período Xavier Rovira convertía o primeiro dos locais, pero tras moito insistir a tres minutos para o descanso un gol de Martín Payero volvía colocar a igualdade, chegando así ao intermedio. No segundo tempo ambos os equipos tentábano, pois os dous necesitaban a vitoria. Os galegos non aproveitaban as súas oportunidades, quedando condicionados tamén en defensa durante o derradeiros dez minutos ao contar con nove faltas.

E iso que o Recam Làser CH Caldes xa desperdiciara dúas ocasións a bóla parada, primeiro un penalti lanzado por Jassel Oller ao comezo do segundo período e outra, esta cando o partido consumía os seus últimos minutos, ao errar unha falta directa Xavier Rovira. Cando parecía que os 50 minutos ían finalizar en empate, unha bóla que quedaba morta era perfectamente aproveitada por Jordi Urbano a menos dun minuto para a conclusión, polo que ao HG CP Cerceda se lle ía un punto despois de realizar un bo encontro.

O equipo non regresará a Galicia, senón que quedará en Cataluña ata o luns para disputar o seu próximo partido, o correspondente á xornada 11 contra o SHUM Balder Técnica na localidade xerundense de Maçanet de la Selva.

 

FICHA TÉCNICA:

Recam Làser CH Caldes (2): Cesc Campor, Jacint Molera, Xavier Rovira, Alexandre Acsensi, Jordi Urbano -cinco inicial-, Jassel Oller, Víctor Villena, Ferran Esteo, Humberto Mendes e Roger Acsensi.

HockeyGlobal CP Cerceda (1): Willy Domínguez, Joan Grasas, Martín Payero, Pablo Togores, Jacobo Mantiñán -cinco inicial-, Pablo Fernández, Adrián Candamio e Íñigo Artacho.

Goles: 1-0 (min. 13), Xavier Rovira. 1-1 (min. 22), Martín Payero. 2-1 (min. 50), Jordi Urbano.

Árbitros: Antonio Gómez Sánchez e Aleix Gorina Bail.

Pavelló Torre Roja. Caldes de Montbui (Barcelona).

Hemeroteca