00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

O Hóckey Global CP Cerceda cede en cuartos de final ante o HC Liceo

Stadio Sport  |  27 de febrero de 2015 (00:34 h.)
66.2015.CopaRey_HCLiceo-vs-CPCerceda2

O HC Liceo foi moi superior aos de Cerceda, que caeron derrotados por un claro 8-1

 

Non logrou o HockeyGlobal CP Cerceda manterse ata os minutos finais con opcións, como sucedera o ano pasado nos cuartos de final da Copa do Rei. Nesta ocasión, no derby galego co que se abría a competición na Pista Blava das modélicas instalacións da Ciutat Esportiva de Blanes (Girona), o HC Liceo foi moi superior aos de Cerceda, que caeron derrotados por un claro 8-1.

Comezaba o encontro con moito ritmo por parte do HC Liceo sorprendendo moi pronto ao HockeyGlobal CP Cerceda, xa no minuto 2 de xogo cun tanto de Josep Lamas, aínda que rapidamente chegaba outro de Toni Pérez no catro. O dominio dos liceístas continuaba, pois apenas deixaban chegar á portaría defendida por Valentín Grimalt aos xogadores de Juan Copa. Así no 7 era Jordi Bargalló o que situaba o 3-0, pero as bólas paradas dábanlle ao HG CP Cerceda a oportunidade de reducir a desvantaxe no marcador.

Se ben primeiro Martín Payero erraba unha directa tras tarxeta azul a Jordi Bargalló, que era detida por Grimalt no minuto 9, os de Cercedatampouco aproveitaban os dous minutos de superioridade, a pesar de que agora si estaban a atacar con máis insistencia a portaría liceísta. Un penalti sinalado no minuto 12 era transformado por Joan Grasas, aínda que no mellor momento de xogo do HG CP Cerceda volvía marcar dous tantos case consecutivos o HC Liceo por parte de Oriol Vives e César Carballeira, deixando ao descanso un claro 5-1 para os de Carlos Gil, tras errar tamén Toni Pérez un penalti que detivo Willy Domínguez.

Saíron os de Cerceda no segundo período coa intención de reducir a diferenza no marcador, pero os de A Coruña non deixaban en case ningún momento que se creasen claras ocasións de gol, aínda que algunha houbo. Non baixaron os dous equipos a intensidade nestes primeiros minutos da reanudación, pero mediado xa o ecuador deste período, tras os tantos de Jordi Bargalló de penalti e Eduard Lamas de falta directa, o partido quedou sentenciado co 7-1 a falta aínda de 12 minutos para a conclusión.

Anteriormente fallaba unha falta directa Martín Payero, que non estivo afortunado esta vez coa bóla parada, aínda que Toni Pérez tampouco acertaba tras a décima do HG CP Cerceda na correspondente directa, que concluía con oitavo de Oriol Vives no 49. Con todo resolto, os derradeiros minutos serviron para que Juan Copa dese a oportunidade de xogar a todos, gozando así dos instantes finais os menos habituais Pablo Fernández e Martín Rodríguez.

 

FICHA TÉCNICA

HC Liceo (8): Valentín Grimalt, Eduard Lamas, Josep Lamas, Jordi Bargalló, Toni Pérez -cinco inicial, Oriol Vives, César Carballeira e Adrián Candamio.

HockeyGlobal CP Cerceda (1): Willy Domínguez, Joan Grasas, Juan Fariza, Martín Payero, Jacobo Mantiñán -cinco inicial-, Gonzalo Pérez, Pablo Togores, Peli Fernández, Pablo Fernández e Martín Rodríguez.

Goles: 1-0 (min. 2), Josep Lamas. 2-0 (min. 4), Toni Pérez. 3-0 (min. 7), Jordi Bargalló. 3-1 (min. 12), Joan Grasas de penalti. 4-1 (min. 16), Oriol Vives. 5-1 (min. 18), César Carballeira. 6-1 (min. 32), Jordi Bargalló de penalti. 7-1 (min. 38), Eduard Lamas de falta directa. 8-1 (min. 49), Oriol Vives.

Árbitros: Sergio Mayor Oliván e Josep Antonio Ribó Navarro. Tarxeta azul a Jordi Bargalló e a Joan Grasas.

Ciutat Esportiva de Blanes.

Hemeroteca