00:10 h. jueves, 18 de abril de 2024

O HG CP Cerceda puntúa de novo ante o Moritz CE Vendrell

Stadio Sport  |  23 de febrero de 2015 (05:18 h.)
64.2014-2015.Jornada22.CEVendrell-vs-HGCPCerceda1

Os de Juan Copa empataron 5-5 tras chegar a ir perdendo 5-2

 

Gran partido o disputado polo HG CP Cerceda en Vendrell, de onde se traía un empate no partido correspondente á xornada 22 da OK Liga tras poñerse o encontro moi costa arriba nos minutos finais, onde chegaron a ir perdendo por 5-2, resultado que conseguían remontar no último cuarto para rematar empatando a cinco tantos.

Iniciábase o encontro cos de Pere Varias atacando con insistencia a portaría defendida por Willy Domínguez e froito diso era Jordi Ferrerquen conseguía o primeiro tanto, ao quedarse só diante de porteiro do HG CP Cerceda. A partir dese momento e tras uns minutos de tenteo, Martín Payero collía a responsabilidade dos de Juan Copa en ataque e así, nun dos seus característicos lanzamentos dende medio campo, lograba o gol do empate que sorprendía a Guillem Fox. Non se caían os de Cerceda co paso dos minutos, tomando a iniciativa do partido mediado o primeiro período, o que se reflectía no marcador co segundo tanto, obra de Juan Fariza a dous minutos para o descanso.

Non obstante os de Cerceda estaban xa moi cargados de faltas neste primeiro tempo e así a pouco menos dun minuto para o descanso chegaba a décima, que tras as correspondente falta directa transformaba Jordi Ferrer, obtendo o segundo da súa conta particular. Sen tempo para máis e tras uns primeiros 25 minutos enchidos de alternativas, con oportunidades e lanzamentos ao poste de ambos os dous conxuntos, chegábase ao intermedio co empate a dous tantos, deixando todo pendente para a segunda metade.

Nada máis comezar o segundo período Martín Payero volvía ter unha boa ocasión, se ben os de Vendrell tampouco cedían con continuas ocasións que sempre desbarataba Willy Domínguez. Unha tarxeta azul a Sergi Miras supoñía a oportunidade de poñerse por diante para os visitantes, pero Martín Payero fallaba a falta directa e coa superioridade dos dous minutos tampouco eran capaces de marcar algún gol.

Pero tres minutos despois, coa 15ª falta do Cerceda, era Jordi Ferrer o que volvía marcar de falta directa, facendo máis tarde un novo tanto que situaba o 4-2 en apenas un minuto, no cal Martín Payero tiña tamén a súa oportunidade con outra falta directa que erraba. As bólas paradas estaban a ser protagonistas nos minutos iniciais do segundo tempo, pois Sergi Miras fallaba un penalti dous minutos máis tarde, pouco antes de que Willy Domínguez tivese que ser substituído por Martín Rodríguez ao lesionarse aquel nun lance do encontro.

Complicábase o partido nos últimos minutos co quinto gol de Jordi Ferrer a falta de tan só nove para a conclusión. Non obstante os galegos sacaban de novo a relucir a súa casta e dous goles practicamente seguidos de Peli Fernández, o primeiro deles de falta directa, situaban o 5-4 cando restaban aínda seis minutos para o final. Martín Payero empataba no 49, pero aínda tería unha última oportunidade Peli Fernández cunha falta directa despois de que se lle mostrase tarxeta azul a Jordi Creus, pero Guillem Fox lograba arrebatarlle a bóla a Peli, polo que o que o partido finalizaba cun satisfactorio empate a cinco.

A próxima semana non haberá competición de OK Liga xa que dende o xoves ata o domingo se disputará en Blanes (Girona) a fase final da Copa do Rei, que abrirán HockeyGlobal CP Cerceda e HC Liceo co primeiro partido de cuartos de final, o xoves ás 18:30 horas. Esta será a segunda presenza consecutiva dos de Juan Copa na mesma, sendo ademais o primeiro derby galego na historia da Copa.

 

FICHA TÉCNICA

Moritz CE Vendrell (5): Guillem Fox, Jordi Ferrer, Eloi Mitjans, Sergi Miras Xixi Creus -cinco inicial-, Lluís Ferrer e David Martínez.

HockeyGlobal CP Cerceda (5): Willy Domínguez, Joan Grasas, Juan Fariza, Martín Payero, Jacobo Mantiñán -cinco inicial-, Gonzalo Pérez, Pablo Togores, Peli Fernández e Martín Rodríguez.

Goles: 1-0 (min. 3), Jordi Ferrer. 1-1 (min. 9), Martín Payero. 1-2 (min. 23), Juan Fariza. 2-2 (min. 24), Jordi Ferrer de falta directa. 3-2 (min. 31), Jordi Ferrer de falta directa. 4-2 (min. 31), Jordi Ferrer. 5-2 (min. 41), Jordi Ferrer. 5-3 (min. 42), Peli Fernández de falta directa. 5-4 (min. 44), Peli Fernández. 5-5 (min. 49), Martín Payero.

Árbitros: Ignacio Garmendia Cano e Ignasi Galán García. Tarxeta azul a Sergi Miras e a Jordi Creus.

Hemeroteca