07:14 h. sábado, 20 de abril de 2024

Despedida da CERS merecendo algo máis

Stadio Sport  |  29 de noviembre de 2015 (02:00 h.)

O CP Cerceda despediuse da Copa CERS tras caer derrotado ante o Sinus Hockey Matera 2-3

 

Puidéronse levar algo máis que a derrota por 2-3 ante o Sinus Hockey Matera os xogadores de HockeyGlobal CP Cerceda no partido de volta da primeira eliminatoria da Copa CERS, sendo tamén conscientes de que ía ser sumamente complicado remontar o 5-1 da ida. E é que os de Juan Copa plantaron cara en todo momento ao potente conxunto italiano, que nalgunhas fases do xogo se viu superado polos galegos.

Finalmente os de Cerceda non puideron contar con Martín Payero, pero si con Adrián Candamio, que era dúbida. O partido iniciábase cos dous equipos xogando ao ataque sen especular absolutamente nada. As ocasións chegaban por parte de ambos, pero o partido comezaba a torcerse para os locais tras un cartón azul a Willy Domínguez no minuto 6. Saía Martín Rodríguez e detiña a falta directa lanzada por Valerio Antezza, defendéndose ben os locais coa inferioridade.

Dous minutos máis tarde era Juan José López o que recibía o cartón azul, pero Pablo Fernández mandaba a directa ao poste. O primeiro tanto marcábano os italianos despois doutra azul, esta vez a Joan Grasas, transformando Gonzalo Romero a falta directa, xa con Willy Domínguez de novo na portaría. Cinco minutos tardaba o HG CP Cerceda en empatar cun espectacular gol de Pablo Togores ao revolverse na área e lanzar un potente disparo, que sorprendía a Valentín Grimalt. Co 1-1 chegábase ao descanso e o partido sumamente aberto.

Aos dez minutos de renovarse o xogo, Pablo Fernández cometía falta dentro da área sobre Mattia Ghirardello e era o asturiano Juan José López o que transformaba o penalti. Un novo cartón azul a Pablo Fernández provocaba outra falta directa que desaproveitaba Gonzalo Romero, ao deter Willy Domínguez o lanzamento. As xogadas a bóla parada estaban a marcar o desenvolvemento do xogo e así no minuto 37 Adrián Candamio provocaba outro penalti, que lanzaba Joan Grasas ata en dúas ocasións, ao mandar repetir o árbitro, pero en ambas o detiña Valentín Grimalt.

Cando o Sinus Hockey Matera alcanzaba a décima falta, esta vez si era aproveitada por Adrián Candamio ao marcar o segundo para os galegos de falta directa. Restaban aínda 10 minutos e o HG CP Cerceda quería polo menos deixar a vitoria en casa, pero cando mellor estaban a xogar, un descoido en defensa daba paso a un contragolpe de Mattia Ghirardello que resolvía ben ante Willy Domínguez, deixando o xa definitivo 2-3.

Aínda terían os locais unha nova ocasión de empatar, pero o gol que marcaba Íñigo Artacho a pouco máis dun minuto para a conclusión anulábase ao mover a portería Valentín Grimalt, nunha acción moi protestada polos de Juan Copa, que con todo finalizaban a súa participación na Copa CERS cunha magnífica sensación tras dar a cara en todo momento.

O HockeyGlobal CP Cerceda regresará á OK Liga a próxima semana cun dobre enfrontamento en Cataluña ante, precisamente, dous dos tres equipos ascendidos esta tempada. Así o sábado 5 de decembro xogarán ante o Recam Làser CH Caldes ás 20:00 horas, mentres que o luns 7 de decembro farano contra o SHUM Balder Técnica de Maçanet da Selva ás 21:00 horas.

 

FICHA TÉCNICA:

HockeyGlobal CP Cerceda (2): Willy Domínguez, Joan Grasas, Jacobo García, Pablo Togores, Jacobo Mantiñán -cinco inicial-, Pablo Fernández, Adrián Candamio, Íñigo Artacho e Martín Rodríguez.

Sinus Hockey Matera (3): Valentín Grimalt, Juan José López, Valerio Antezza, Mattia Ghirardello, Gonzalo Romero -cinco inicial- Luca Santerazo e Davide Borsi.

Goles: 0-1 (min. 14), Gonzalo Romero de falta directa. 1-1 (min. 19), Pablo Togores. 1-2 (min. 35), Juan José López de penalti. 2-2 (min. 40), Adrián Candamio de falta directa. 2-3 (min. 48), Mattia Ghirardello.

Árbitros: Paulo Rainha e Rui Torres. Cartóns azuis a Willy Domínguez, Juan José López, Joan Grasas e Pablo Fernández.

Pista: Pazo de Deportes Presidente González Laxe. Cerceda (A Coruña).

Hemeroteca