00:07 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Finaliza o IV Torneo de golf Puente de Agosto coa colaboración de Turismo de Galicia

David Mejuto  |  17 de agosto de 2015 (17:35 h.)

A competición celebrada no balneario de Mondariz remata cunha cea de gala e a entrega de premios. O torneo consolidouse nesta edición como unha das citas imprescindibles no calendario golfista do verán galego. Puente de Agosto caracterízase por constituír un completo welcome-pack e pola súa atractiva bolsa de premios.  Plan Integral de Turismo recolle diversas iniciativas en torno ao golf para impulsar e promover este deporte como actividade turística

 

O Balneario de Mondariz albergou o IV torneo de golf Puente de Agosto. A organización deste torneo realízase de xeito conxunto entre Mondariz Spa e Golfspain coa participación de Turismo de Galicia.

Este torneo celebrouse dende o xoves 13 e finaliza hoxe cunha cea de gala e a entrega de premios. Estes días os participantes puideron gozar en Galicia de tres noites de aloxamento no Balneario Mondariz con 2 green fees de Torneo e un día doutra actividade a escoller entre o balneario ou un green fee.

Este evento, xa consolidado no calendario golfista galego ao alcanzar na pasada edición do 2014 o número máximo de xogadores que admite o campo, mantén nesta ocasión ese mesmo nivel de participantes achegando sempre o alto nivel de calidade no servizo que levou a converter á competición nunha das principais probas golfistas do verán.

O torneo Puente de Agosto caracterízase por dous elementos fundamentais e altamente valorados polos xogadores. Por unha banda por constituír un completo welcome-pack e por outra pola súa atractiva bolsa de premios de diferentes paquetes turísticos entre os que destaca o que posibilita coñecer a cidade herculina a través de dúas noites nesta cidade con aloxamento e almorzo e un green fee por persoa no R.C.G. A Coruña A Zapateira.

 

Plan integral de Turismo de Galicia

Dento do Plan Integral de Turismo de Galicia reflíctese a necesidade de impulsar a promoción e o apoio á organización de iniciativas de turismo deportivo para a captación de novos fluxos turísticos en tempada baixa, así como a creación de campionatos de golf vinculados ao turismo termal.

Así, ata o ano 2016 estanse impulsando accións encamiñadas á promoción, á captación de máis turistas e ao establecemento de sinerxías con operadores nacionais e internacionais especializados no turismo de golf.

Entre as actuacións máis salientables están a participación en feiras sectoriais de golf, accións de promoción en medios de comunicación especializados en colaboración coas empresas xestoras dos campos, a realización de eventos green day para participantes amateurs, o lanzamento de ofertas de fins de semana multiexperienciais combinando turismo de golf con turismo termal ou rural, o desenvolvemento de paquetes pechados que consten de green fee e clases de iniciación ou perfeccionamento realizadas por monitores propostos pola Federación Galega de Golf e a Asociación Galicia, Destino Golf; e a creación de paquetes turísticos, ofertando golf, aloxamento, termalismo e gastronomía, especialmente para o colectivo sénior.

Hemeroteca