00:00 h. miércoles, 24 de abril de 2024

En Sarria non se pode exercer a democracia

Stadio Sport  |  02 de julio de 2014 (20:00 h.)
sarria

A Plataforma Sarriana polo Río agradece, valora e quere amosar a súa satisfacción polo bo ritmo de apoios e solidariedade que ven recibindo nos 4 días que levan abertas as contas mancomunadas abertas no Banco Santander ( ES09 0049 0457 31 2990687025 ), no Banco Sabadell Gallego ( ES14 0081 2211 86 0001059406) e máis mediante PayPal en http://www.plataformariosarria.org/gl/colabora/donar/ co obxeto de comezar a recadar fondos para pagar os 20.550 € dos 35 expedientes sancionadores que o Subdelegado do Goberno de Lugo propón para represaliar aos “35 do Toleiro”

 

Nos últimos meses, con motivo das pretendidas obras de encanamento do río Sarria, asistimos a varias manifestacións de prepotencia por parte daqueles que, en teoría, velan pola orde pública.Cando algúns membros da Plataforma Sarriana polo Río tiveron que acampar na insua do Toleiro para protexer as árbores, a presenza masiva de axentes da Garda Civil e o feito de que nos pedirán o DNI e tomaran nota del cada vez que baixabamos á illa fíxonos sospeitar que pretendían intimidarnos. Non o conseguiron. Esta plataforma continuou defendendo o río, as pontes e as árbores.

Pouco tempo despois organizamos unha ruta polas sendas que bordean os ríos para coñecer in situ as actuacións que a Confederación Hidrográfica pretendía acometer con este proxecto. Imaxinen a nosa sorpresa cando, ao cruzar o barrio de San Lázaro, atopamos unha patrulla da Garda Civil. Non era unha casualidade. Estaba xunto á feculeira vixiándonos e fotografándonos. A vostedes parécelles propio dun Estado democrático saír nenos, adultos e cans a facer sendeirismo e que os vixíe a Garda Civil? Unha vez máis querían asustarnos. Tampouco esta vez o conseguiron.

 

 

Tamén nos enteramos de que o Concello de Sarria presionou a algúns provedores, varias asociacións e algún club por simpatizar coa Plataforma, como se non fosen cidadáns libres de ter opinións. E logo, con motivo das Xornadas Xurídicas, a Policía Local de Sarria obrigou a retirar unha mesa de sinaturas da plataforma porque si, por decreto, “porque yo lo valgo”. Viva a democracia!

Pero recentemente sucedeu algo aínda máis asombroso: hai poucos días chegou unha morea de multas que suman a disparatada cantidade de 20.550 €, iso si, por tremendísimos delitos: facer fotos dunha manifestación, acudir a ela, ...  Oigan, pero desde cando non se poden facer fotos? Porque entón xa lle poden ir poñendo multas a todo canto peregrino fotografa a praza do Obradoiro. Alguén que estivo en Angola contounos que alí tampouco estaba permitido facer fotos en espazos públicos cando a guerrilla se atopaba a poucos quilómetros da capital. Parece que a situación en Sarria en 2014 é moi similar á do país africano daquela. E por que non se pode ir a unha manifestación completamente pacífica? Críamos que se podían expresar libremente as ideas. Resucitou Franco e non nos enteramos?

O 25 de marzo o pobo de Sarria espontaneamente decidíu saír á rúa, non por afán subversivo, senón por exceso de desesperación: ese foi o día en que comezaron a derrubar a ponte do Toleiro, e centos de sarriaos, non só os multados, sentimos a necesidade de expresar a nosa rabia e a nosa impotencia. Iso si, ao pasar por un tanatorio onde se velaba a unha muller de Freituxe, todos calamos e pasamos en silencio, como poderán acreditar os axentes denunciantes. Pódennos multar a todos ao estilo Fuenteovejuna.

 

 

Sr. Subdelegado do Goberno, a que vén, tres meses despois, poñer multas? Pretende facer outra demostración de forza a ver se nos amedrenta? Pois non, non e mil veces non: imos recorrer as multas e, se non gañamos, o que parece imposible dado o disparatado dos fundamentos e das cantidades, hémolas pagar entre todos ao estilo Fuenteovejuna. Esta plataforma sempre se comportou pacificamente e cun respecto exquisito á orde pública, pero iso si, avanzamos con paso firme sen retroceder nunca fronte ás presións. Pero aínda lle dicimos máis: enorgullecémonos de que un grupo de “plataformeiros” se encadearan ás árbores no seu momento para defender a legalidade, como máis tarde confirmou a Xustiza, que estaba a incumprir a Confederación Hidrográfica amparada pola Garda Civil que vostede enviou a Sarria. A estas alturas vostede xa será consciente de que a talla proxectada e iniciada pola Confederación é ilegal, de que os vecinos de Sarria recorreron aos medios ao seu dispor para evitar que se cometera unha ilegalidade ante a impasibilidade da Administración e, finalmente, tamén será consciente de que as forzas da orde pública e a Subdelegación do Goberno foron utilizadas para crear as condicións que lle permitiran á Confederación Hidrográfica seguir violando a lei.

Resulta sorprendente o seu cambio de postura. O 25 de marzo dicía vostede á prensa: “o desaloxo en torno ao río se produxo sen ningún tipo de incidente" e "houbo que identificar a dúas persoas que se negaban a saír nun primeiro momento, pero que ao final saíron sen provocar altercados”. Non hai incidentes nin altercados, pero si hai multas.

Entón, non será que estas multas son o acto desesperado que lle pedíu a Confederación Hidrográfica que ve agonizar un plan de encanamento cada vez máis difícil de defender?

E vostede, Sr. Subdelegado do Goberno, pense se non se está enfangando con todas estas actuacións. A utilización das forzas de seguridade e das multas para fins espurios, restanlle credibilidade e prestixio ás institucións e ás forzas da orde.

Hemeroteca