00:03 h. viernes, 29 de marzo de 2024

A minería e a ordenación do territorio en Galicia

Gonzalo Soto  |  05 de mayo de 2014 (03:00 h.)
mineiro

Once preguntas, once razóns sobre a oposición a varios proxectos mineiros en Galicia

 

  O sector mineiro está a ter unha forte contestación social en Galicia, pois así o puxo de manifesto o  feito de que varios proxectos foran paralizados ou denegada a súa correspondente autorización autonómica como foi o caso do macro proxecto que Erimsa pretendía levar a termo na Terra Cha luguesa, afectando preto de 6 mil hectáreas para a extracción de seixo a ceo aberto ou a mina de ouro de Corcoesto de Cabana de Bergantiños, recentemente arquivado o seu expediente. Para dar luz a este feito, este xornal quixo coñecer a opinión autorizada dun dos protagonistas que contribuiu á paralización  do proxecto de Erimsa en Terra Cha, Xosé Edrosa, presidente do Ateneo Galeguista desta bisbarra.

 

Xosé Edrosa e outros membros do Ateneo Galeguista presentando un recurso

 

G.S.  ¿A que se debe esta contestación social aos proxectos mineiros en Galicia?

    X.E.  Non se pode falar dunha contestación social xeralizada e moito menos organizada, hai proxectos que causan máis contestación social cá outros que pasan máis desapercibidos, incluso se pode afirmar no segundo caso que existe unha boa acollida e interese por parte da cidadanía. En canto á pregunta formulada, non podemos esquecer a existencia dunha maior concienciación  ecolóxica  á que se une xeralmente a aparición  de conflicto de intereses entre a actividade preexistente e a mineira.

 

 

   G.S.  Sen embargo, os dous factores que apunta vostede non parecen motivo dabondo que xustifique a paralización  dun proxecto no que se xogan importantes intereses económicos.

   X.E.  Non. Imos ver: existen outros factores que operan sobre a viabilidade ou inviabilidade de todo proxecto mineiro, como é a incidencia e o impacto sobre os solos nos que se vai desenvolver o proxecto, e que na actividade mineira a ceo aberto, a incidencia e impacto sobre o territorio sempre son importantes. A estes factores hai que engadirlles os distintos niveis de protección cos que estean dotados os solos onde se vai desenvolver esta actividade.  En relación aos factores de protección  do solo rústico, cómpre afirmar que no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, na meirande parte dos casos, entramos nun territorio difuso motivado pola dispersión normativa e pola ausencia de plans xerais de ordenación municipal e, incluso, sectoriais, adaptados á vixente normativa urbanística e ambiental, feito que facilita un amplo marxe de discrecionalidade  administrativa que conduce a unha evidente inseguridade xurídica para a protección dos valores do noso territorio, así como para os propios axentes que interveñen neste sector económico. Polo tanto, é necesaria e urxente unha ordenación interdisciplinar adecuada ao noso territorio que resolva esta cuestión.  E digo interdisciplinar, xa que para a ordenación sectorial da minería  deben conxugarse os distintos intereses e valores que entran en xogo.

 

   G.S. Aludía vostede á dispersión normativa aplicable en Galicia a este tipo de proxectos, calificándoa de territorio difuso. ¿Cales son ao seu parecer as causas que describen esta situación?

   X.E.  As causas son múltiples: en primeiro lugar debemos partir do mandato ineludible, pero tamén incumprido en moitos casos, expresado no artigo 45 da CE que nos empraza ao seu cumprimento tanto aos poderes públicos como á indispensable solidaridade colectiva de tódolos cidadáns. Dito isto, debemos situarnos no marco lexislativo aplicable á materia que nos ocupa e que opera en catro niveis básicos: 1) Dereito emanado da UE; 2) lexislación básica adaptada á normativa da UE, aplicable polo tanto a tódalas CC AA; 3) desenvolvemento lexislativo autonómico; 4) como último eslabón a lexislación local que é a destinataria na que se debe reflictir a aplicación das distintas normas, especialmente a través do seu planeamento urbanístico.  Chegado a este punto, resulta imprescindible facer algunhas observacións: 1ª) existe importante normativa básica pendente de desenrolar por parte do Parlamento Galego, feito que dificulta a aplicación directa dos principios establecidos en dita lexislación básica; 2ª) o profuso desenvolvemento lexislativo do Parlamento Galego no tocante ás distintas leis do solo e ao tardío do desenvolvemento da propia Lei de Ordenación do Territorio. Pois tendo en conta que a ordenación do territorio debería ser un obxectivo prioritario de todo goberno, feito que en Galicia presenta un plano de preocupante inestabilidade, habida conta da súa propia evolución lexislativa, representada no seguinte cadro:

     a) No ano 1985 promúlgase a primeira lei, que foi unha lei de adaptación  da lei do solo estatal a Galicia (LASGA).

     b) No ano 1995 apróbase a vixente Lei de Ordenación do territorio. Esta Lei establece uns mecanismos de desenrolo, feito que pola dilación no tempo amosa unha clara falla de interese co conseguinte abandono nesta impotante materia para o país, bo exemplo delo é a aprobación das Directrices de Ordenación do Territorio 16 anos despois.

     c)  No ano 1997 derrógase a LASGA coa aprobación da Lei do Solo de Galicia, lei de  breve percorrido, pois apenas dura cinco anos.

    d)  No ano 2002 entra en vigor a vixente Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (LOUGA), sobre a que operan xa  unhas dez reformas que a foron  descafeinando na percura de ir conciliando marcados intereses, intereses dos que non son alleos os do sector mineiro, pois así o tén manifestado a propia secretaria Xeral da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas nas súas declaracións ao Boletín  que publica a Cámara Mineira de Galicia, referíndose á reforma  que entrou en vigor o 21 de abril de 2010, na que se lle da unha volta máis co obxectivo de viabilizar o uso autorizable das actividades extractivas e mineiras en solo rústico de protección agropecuaria, uso prohibido orixinariamente nesta Lei.

   e)  Neste intre, o Goberno galego está a tramitar unha nova Lei do Solo de Galicia, na que se seguen contemplando como uso autorizable as actividades extractivas e mineiras  en solo rústico de protección agropecuaria e forestal.

    Todo este frenesí lexislativo provocou unha inestabilidade para o desenrolo urbanístico deste país, boa proba delo é que os concellos galegos nunca seguiron o seu ritmo na adaptación dos seus plans de ordenación á normativa vixente en cada momento, utilizando a lei como lexislación supletoria e non como informadora do seu planeamento urbanístico, feito que trae causa a moitos conflictos xurídicos e tamén fermento de corrupción.

 

 

G.S.  ¿É necesario blindar o solo rústico de protección agropecuaria e forestal prohibindo as actividades extractivas e mineiras?

    X.E.  Alguén dixo que o desenrolo sostible é un paradigma do noso tempo, se isto é así, as actividades extractivas e mineiras a ceo aberto en calquera  solo rústico protexido son incompatibles con este principio, xa que implican un risco e deterioro irreversible dos valores obxecto de protección. É máis, a propia Lei de Montes de Galicia invoca,  entre outras actividades, as extractivas como factor de degradación do monte.  Por outra banda, existen igualmente razóns socioeconómicas que xustifican sobradamente as medidas de protección  adecuadas a este tipo de solos e que, necesariamente, pasan pola prohibición das devanditas actividades, pois se temos en conta o feito de que Galicia representa preto do 40% da  produción láctea de todo o Estado, ao que hai que engadir  igualmente a importancia do sector cárnico, así como o 45% da produción  forestal, factores económicos estratéxicos do noso tecido produtivo que precisa acadar unha maior competitividade e rendabilidade, ampliando e mellorando a súa base territorial, factores que non deben ser ignorados polos nosos lexisladores, máxime  no contexto de crise económica que estamos a vivir, o cal demanda un cambio de modelo produtivo, feito polo que debemos optimizar a potencialidade dos nosos recursos autóctonos, recursos que pasan, necesariamente, polo aproveitamento sostible dos solos, impulsando reformas selectivas encamiñadas a acadar producións a escala, dirixida, básicamente, á alimentación da nosa cabana gandeira, ao obxecto de conquerir un abaratamento dos custos, especialmente na produción láctea, défice que se manifesta como factor negativo de competitividade  cos países produtores do noso entorno, afectando gravemente a rendabilidade das nosas explotacións gandeiras, condicionándoas ás decisións que en cada momento adopten os grandes monopolios das cadeas de distribución, que son, en realidade,  as que determinan as condicións do mercado, todo elo vencellado a unha  decidida aposta pola industria de transformación  agrogandeira e forestal, capaz de xerar valor engadido e emprego estable.

    Outro aspecto a ter en conta, é o modelo de asentamento poboacional do medio rural de Galicia, espallado e vinculado a unidades económicas de base territorial agraria,  sendo en moitos casos o seu antecedente o lugar acasarado, restruturado en gran medida polos procesos de concentración parcelaria levados a termo nas últimas décadas en Galicia. Por outra banda, tampouco se pode esquecer a localización de solos de alta produtividade, non superando entre os de 1ª e 2ª clase o 20% do solo de Galicia, sendo necesaria a tal obxecto a elaboración da súa cartografía a nivel autonómico.

 

Xosé Edrosa, primeiro pola dereita, nun acto informativo das minas en Terra Cha 

 

G.S.  Vista a orde de factores sinalados por vostede, así como as debilidades lexislativas apuntadas ¿Cales foron os motivos de denegación da preceptiva autorización autonómica para a explotación mineira de Erimsa  en Terra Cha e en que tén influido en tal decisión ese Ateneo?

     X.E.  Os motivos de denegación autonómica por parte da Consellería de Medio Ambiente son claros: a incompatibilidade da actividade extractiva proxectada  cos distintos valores dos solos localizados no ámbito  afectado pola concesión e polos proxectos de explotación. No tocante ao que tén influido este Ateneo no proceso de denegación de autorización autonómica e das correspondentes licenzas municipais, cómpre ante todo salientar a importante relevancia de tódolos colectivos e persoas individuais que se opuxeron a este proxecto. En canto ao labor desenvolvido por este Ateneo, podemos resumilo do seguinte xeito:

    Desenvolveuse un método de traballo asentado en tres eixos fundamentais de base científica, técnica e xurídica.

 

BASE CIENTÍFICA.-  Estudo edafolóxico (USC) sobre os impactos ambientais e efectos sobre os solos unha vez executados os plans  de restauración  contemplados  nos proxectos, no que se expresa que dita restauración  non supón unha volta ás condicións orixinais.

 

Estudo de Inxeñería Hidráulica (USC) sobre as incidencias e impactos  da actividade extractiva proxectada no Dominio Público Hidráulico, así como documento anexo sobre a ordenación das zonas inundables e a súa repercusión nas mesmas.

Estudo Xeolóxico (UDC) no que se describen as deficiencias da Declaración de Impacto Ambiental, así como as repercusións sobre o territorio afectado pola actividade proxectada.

 

ESTUDO TÉCNICO.-  Unha vez conquerida a base de datos científicos, elaborouse un estudo técnico da totalidade  do ámbito da concesión  no que se describen a nivel de documentación gráfica tódalas afeccións localizadas en dito ámbito.

 

BASE XURÍDICA.-   En base aos datos contidos nos estudos científicos e na documentación técnica, este Ateneo elaborou un riguroso e amplo traballo xurídico no que se reflicte o réxime de incompatibilidades da actividade proxectada cos distintos valores obxecto de protección  e coa súa normativa reguladora, así como a repercusión negativa sobre a actividade económica da zona, caracterizada básicamente polos sectores agrogandeiro, forestal e a industria derivada dos mesmos.

  Faise igualmente fincapé á repercusión negativa sobre o modelo de asentamento poboacional e á calidade de vida dos seus habitantes.

  Deste traballo, ademais de ser utilizado como base alegatoria nos distintos procedementos derivados da concesión, déuselle traslado a tódolos organismos  das distintas Administracións públicas que ían informar ou, no seu caso,  autorizar o trámite de solicitude das correspondentes licenzas urbanísticas e de explotación, de cuxos informes dedúcese unha coincidencia co contido do traballo presentado por este Ateneo.

  Unha vez denegadas as licenzas  municipais, este Ateneo solicitou ante a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a caducidade das concesións mineiras, trámite que está pendente de resolución.

 

 

G.S.  ¿Ao final a Administración fixo xustiza na Terra Cha?

X.E.  Ao final a Administración  cumpriu a lei como é a súa obriga.

 

                                             A FEBRE DO OURO

G.S.  Parece que a febre do ouro apareceu de súpeto en Galicia, despois de moitos anos sen ter noticia da existencia desta actividade. A oposición a estes proxectos  non se fixo esperar, sendo a máis salientable a manifestada en Cabana de Bergantiños, constituída case nun símbolo “SALVEMOS CABANA”, proxecto que despois  de moita presión social, a Administración autonómica suspendeu o seu trámite, alegando a falla das garantías necesarias aplicables a este tipo de proxectos. ¿Coñece este proxecto e, no seu caso, cal é a súa opinión sobre tal suspensión e posibilidade de que a concesionaria decida reactivar novamente este proxecto?

X.E.  Aludía vostede á aparición da febre do ouro en Galicia, pero o realmente grave é cando esta febre se mestura coa necesidade de atopar un posto de traballo, esta febre tradúcese nunha auténtica pandemia colectiva que debe ser tratada adecuadamente para que non faga estragos irreversibles. Esta situación anímica provocada pola crise económica que estamos a padecer, afecta negativamente sobre o noso estado de ánimo e autoestima, facéndonos menos esixentes á hora de aceptar as condicións impostas  por estas empresas acostumadas a operar en zonas de alta marxinación social

    En canto á pregunta formulada se coñezo este proxecto, sí o coñezo. No tocante aos motivos de suspensión do trámite de dito  proxecto pola causa alegada pola Administración, ou sexa, pola falla de garantías económicas aplicables a este proxecto, cuestión, entre outras,   plantexada polos veciños/as que se opuxeron ao mesmo; considero que non foi este o único motivo que influiu en tal decisión, xa que existen serias cuestións de fondo que impiden a  viabilidade deste proxecto, a saber:  o expediente da mina de Corcoesto foi tramitado como proxecto industrial estratéxico ao abeiro da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia e para dar resposta ás súas preguntas sobre o mesmo, a primeira cuestión da que debemos partir é a consideración que fai dita Lei para a calificación  de proxecto industrial estratéxico, a este respecto, o artigo 40.1 establece que serán considerados proxectos industriais estratéxicos aquelas propostas de investimento para a implantación ou ampliación  dunha ou varias instalacións industriais que teñan como resultado previsible unha expansión significativa do tecido industrial galego ou a consolidación deste; o parágrafo 2.b) expresa que o volume  do investimento deberá ser como mínimo 50 millóns de euros e a creación de emprego superior a 250 postos de traballo directos; e a diversificación que se introduce  no tecido industrial galego. Por outra banda, o artigo 41.1 d) sinala que debe xustificarse a idoneidade da localización elixida, así como a relación do contido do proxecto co planeamento urbanístico vixente, coas DOT mediante a correspondente análise de compatibilidade estratéxica e co Plan de Ordenación do Litoral (POL)

    En relación co primeiro precepto invocado, cómpre ter en conta que a actividade mineira proxectada consiste nun proceso básico de explotación, non producíndose por canto diversificación do seu ciclo produtivo, labores que, por outra banda, conlevan uns efectos ambientais irreversibles para a zona, con evidentes perxuízos para as persoas que viven e traballan nesta contorna, non xerando por canto valor engadido e estabilidade no emprego máis aló do proceso extractivo.  Por tales motivos, resulta, alomenos,  cuestionable a consideración    de proxecto estratéxico contemplado en dita norma.

    O segundo precepto, xa nos leva ao ámbito urbanístico, ao meu modo de ver conculcado no trámite do proxecto de referencia, pois tendo en conta a natureza dos solos afectados, clasificados no PXOM de Cabana de Bergantiños como solo rústico de protección forestal, existindo dentro do perímetro destes solos unha área de protección de xacemento arqueolóxico, afectando igualmente ao Dominio Público Hidráulico (DPH) e, polo tanto, a solos de protección de augas.

    No que atinxe ao ámbito deste proxecto, abrangue aos concellos de Cabana de Bergantiños, Ponteceso e Coristanco, trátase, pois,  dunha proposta de proxecto  estratéxico de utilidade pública e interese social, de incidencia supramunicipal, o cal con independencia das determinacións contidas na Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, para a súa viabilidade urbanística, ademais das normas contempladas na LOUPMRGal. e no Real Decreto Lexislativo 2/2008, do 20 de xuño, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Solo, resulta de aplicación a Lei 10/1995, de Ordenación do Territorio e a súa base reguladora establecida no Decreto 80/2000, do 23 de decembro, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais, de incidencia supramunicipal, as Directrices de Ordenación do Territorio (DOT), ademais da normativa aplicable na Lei 3/2008, do 23 de maio, de Ordenación da Minería de Galicia,  o planeamento urbanístico municipal e as Normas Subsidiarias Provinciais.

    Definida a calificación do proxecto, a clasificación urbanística dos solos afectados pola proxectada explotación mineira e as normas esenciais que lle son de aplicación , debemos precisar que a condición de proxecto industrial estratéxico, de ningún xeito pode soslaiar nin rebaixar as condicións e niveis de protección  aplicables a este tipo de solos, aínda que este proxecto sexa tramitado por un procedemento que lle outorga uns poderes extraordinarios, consistentes na facultade de acordar por razóns de “urxencia e excepcional interese público” a súa aprobación. A tales efectos, o procedemento de declaración  de proxecto industrial estratéxico, o cal contén un claro efecto reflexo de ámbito urbanístico e ambiental sinalado no artigo 41 da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, e as súas determinacións  terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán  sobre o planeamento urbanístico vixente, así como sobre outras utilidades públicas (Art. 42.2), equiparando de tal xeito este tipo de proxectos ao previsto no artigo 198 da LOUPMRGal. para as obras públicas que por razón de urxencia ou excepcional interese público así o esixan, abreviando, incluso,  o prazo contido en dita norma para que o concello se pronuncie sobre a conformidade  ou disconformidade co planeamento urbanístico en vigor. Sobre  a excepcionalidade  de tales facultades, cómpre facer algunhas consideracións:

     É certo que o artigo 198 da LOUPMRGal. non se refire a unha clase de obras determinadas, senón ao concepto xurídico indeterminado de razón de “urxencia ou excepcional interese público”, no que, obviamente, pode operar a apreciación discrecional sobre a concurrencia de tales razóns. Nembargantes, atendendo ao principio establecido no artigo 3.1 da Lei 30/1992, do 26 de noviembre, de Réxime Xurídico das Administracións públicas e do PAC no senso  de que “ As Administracións públicas serven con obxectividade os intereses xerais e actúan de acordo cos principios de eficacia, xerarquía, descentralización e coordinación , con sometemento á Constitución” (Art. 9.1 e 103.1 da CE). Sentado este precepto, non ha lugar á concurrencia de apreciación discrecional ou ao xogo de vontades de quen compete resolver sobre a declaración e oportunidade deste tipo de proxectos.

     No tocante ao requerimento do titular da Consellería competente en materia de industria remitíndolle ao concello ou concellos afectados o correspondente proxecto para que no prazo de 15 días notifique a súa conformidade ou disconformidade co planeamento urbanístico, acto que segundo a xurisprudencia equivale á solicitude de licenza, feito polo que debe terse en conta toda a casuística  inherente a tal acto, motivo polo que o informe da Administración local debe ser riguroso e motivado, defendendo, no caso de ser afectados,  os bens xurídicos dimanantes da protección dos solos contidos no seu planeamento urbanístico, para que en ningún caso se produza un estado de indefensión dos mesmos.  Pois, malia a urxencia e excepcional interese público da proposta deste tipo de proxectos, non deben  instrumentarse en actos de reglado automatismo, senón nun escenario de contraste de factores ponderados que acrediten a concurrencia  de tales razóns, pois non debemos esquecer que só estamos ante un trámite de proposta, aínda que de especial relevancia e transcendencia, ademais de supor unha invasión da esfera competencial da Administración local (Art. 25.2 da LBRL).

    Dito o que antecede, non debemos perder  tampouco a perspectiva de que cando o lexislador estableceu a norma contida no citado artigo 198 da LOUPMRGal., norma que tén a súa fonte no artigo 244.2 do TRSLS do 1992, non estaba pensando en proxectos de iniciativa privada, senon nunha figura de licenza interadministrativa para resolver situacións de urxencia e excepcional interese público producidas no ámbito competencial das distintas administración públicas, feito polo que resulta de difícil comprensión a súa aplicación a unha actividade, por suposto, lexítima, pero que só persigue un fin lucrativo e, no caso que nos ocupa,  cunhas consecuencias irreversibles sobre o medio ambiente, afectando de tal modo ao interese xeral.

     Por outra banda e debido á pluralidade  de normas das que se vería afectado o seu ámbito de aplicación como consecuencia do trámite dun proxecto industrial estratéxico das características do que vimos analizando, resulta oportuno sinalar o alcance e rango normativo da Lei 13/2011, do 16 de decembro, reguladora da política industrial de Galicia, sobre todo no que atinxe á interpretación que debe darse en tal sentido a súa Disposición derogatoria, xa que atendendo á literalidade do seu contido, que non é outro  có que técnicamente se utiliza neste tipo de disposicións (Quedan derrogadas cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta Lei), feito que para a súa correcta interpretación, lévanos, necesarimente,  a observar a doutrina sentada polo Tribunal Constitucional na súa Sentenza 102/1995, do 26 de xuño, que versa sobre o recurso de inconstitucionalidade promovido por varias comunidades autónomas, entre elas a de Galicia, contra a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de Conservación dos Espazos Naturais e da Flora e da Fauna Silvestres. Centrándonos, pois, no que aquí interesa que é o contido da súa Disposición adicional terceira e que afecta ao artigo 1 de dita Lei, o cal configura o seu ámbito, ao efecto de deslindalo dende o reverso negativo, deixando  “ a aplicación directa doutras leis estatais específicas reguladoras de determinados recursos naturais, respecto dos que esta Lei – 4/1989-, aplicarase supletoriamente”. Segue dicindo o TC , que a dobre función  que cumpre o transcrito, como válvula de seguridade en canto á cláusula “ sen perxuízo” e como ordenadora da eventual pluralidade de normas, tén unha finalidade preventiva e en máis dun aspecto inocua. “ Non cabe  negarlle unha certa redundancia, xa que aínda cando non se dixera así, así sería porque non cabe a derrogación tácita dunha Lei en virtude doutra posterior cando a materia de ámbas é distinta e diferente da perspectiva da regulación”.  Segue inferindo o TC que “ Os textos  legais que se ocupan  dos recursos naturais non comprendidos no ámbito desta Lei, ahí están e quedan incorporados pacíficamente ao ordenamento xurídico mentres non sexan derrogados ou expulsados del por este Tribunal. Pero tampouco debería serlle negado o seu carácter de presuposto lóxico para a protección do medio ambiente na súa enteira configuración  normativa, poñendo así  incidentalmente de manifestó, unha vez máis,  que é tal o obxecto real da Lei e non o que ela mesma se arroga”.  Expresando finalmente que “ O tempo e o espazo, dimensións de toda norma, co seu rango e escala normativa, o contido e perspectiva, son os principios que orientan dende a propia Constitución , a aplicabilidade das disposicións legais. O dito revela  a súa función de cláusula de peche  para conquerir dentro da materia unha maior seguridade xurídica, desexada constitucionalmente (Art. 9 da CE)”.

   Á vista da doutrina exposta polo TC , o contido da citada Disposición derrogatoria, non é un camiño sen límites, senon que deberá ser aplicada no contexto da súa materia e perspectiva, evitando de tal xeito invadir outros ámbitos normativos que non lle son propios, tal como se deduce da proposta  do devandito proxecto industrial estratéxico.

     Centrándonos, pois, na clasificación dos solos antes aludida, cómpre facer as seguintes consideracións:

    

   a) Deber de conservar os terreos rústicos.-

   O artigo 9.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2008, do 20 de xuño polo que se aproba o Texto Refundido da Lei do Solo, impón como principio xeral o deber de conservar os terreos rústicos, supoñendo tal deber manter os terreos na súa masa vexetal nas condicións de evitar riscos de erosión , incendio, asolagamento, para a seguridade ou saúde públicas, dano ou perxuízo a terceiros ou ao interese xeral; incluído a ambiental; previr a contaminación do solo, a auga, o aire e as inmisións contaminantes indebidas noutros bens e, no seu caso,  recuperalos delas; e manter o establecemento e funcionamento dos servizos derivados dos usos e as actividades que se desenrolen no solo.

   O artigo 13.4 do mesmo corpo legal, expresa que “… a utilización dos terreos con valores ambientais, culturais, históricos, arqueolóxicos, científicos  e paisaxísticos que sexan obxecto de protección  pola lexislación aplicable, quedará sempre sometida á preservación  de ditos valores, e comprenderá únicamente os actos de alteración  do estado natural dos terreos  que aquela lexislación  expresamente autorice”.

   En similares termos se pronuncia a LOUPMRGal., pois no seu artigo 31.2 a) establece como deber dos propietarios e propietarias en solo rústico “ A destinalos a fins agrícolas, forestais, gandeiros, cinexéticos, ambientais ou a outros usos vinculados á utilización racional dos recursos naturais dentro dos límites que, a ser o caso e por esta orde, establezan a lexislación sectorial aplicable, esta Lei, o planeamento urbanístico e os instrumentos de ordenación do territorio”.

    b) Solos de Protección Forestal.-  A actividade mineira proxectada non soamente implica un uso incompatible coa protección dos valores obxecto da protección inherente a este tipo de solos (Art. 34 da LOUPMRGal.), senón á súa propia desaparición material, cuestión que debe ser obrigatoriamente abordada mediante informe vinculante da correspondente autoridade forestal (Art. 66 da Lei de Montes de Galicia), informe que, en modo algún, poderá ser favorable, agás de que se queira incurrir  na correspondente figura penal.

    c)  Solos de Protección de Augas.-  No tocante á afectación ao DPH, entramos nun solo de protección de augas no que as actividades extractivas son de uso prohibido (Art. 38 da LOUPMRGal.).

    Ademais das normas urbanísticas e sectoriais invocadas, debemos prestar especial atención ás determinacións establecidas na Lei de Ordenación do Territorio e a súa base reguladora,  constituída polo Decreto 80/2000 e polas DOT.

    O Decreto 80/2000, establece no seu artigo 5.3  que, “ no solo rústico de especial protección quedan prohibidas as actuacións que resulten incompatibles cos seus valores ecolóxicos, mediambientais,, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada ou coas proteccións derivadas da lexislación sectorial de aplicación”. Na mesma liña se pronuncia o xa citado artigo 34.1 c) da LOUPMRGal. que define  os usos prohibidos do seguinte xeito: “ os incompatibles coa protección  de cada categoría  do solo ou que impliquen un risco relevante de deteriorización dos valores protexidos”.

    Ademais da prohibición expresada en ditas normas, a actividade mineira proxectada entra en colisión  coa Disposición transitoria decimosegunda da LOUPMRGal., xa que se trata dunha nova actividade extractiva que non poderá realizarse ata a aprobación do Plan Sectorial de Actividades Extractivas previsto no título III da Lei de Ordenación da Minería de Galicia, soslaiando de tal xeito as garantías protectoras establecidas nesta Lei, así como no corolario de normas dimanantes da UE, interiorizadas en distintas leis básicas e de ámbito autonómico, cuestión non menor tendo en conta o carácter preconstitucional  da Lei 22/1973, do 2 de xullo, de Minas.

    Debe prestarse igualmente especial atención ás determinacións  establecidas para este tipo de solos no Decreto 19/2011, do 10 de febreiro,  polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio, polo que cómpre invocar o que a tal efecto establece sobre as mesmas o artigo 9 da Lei 10/1995, do 23 de decembro, de Ordenación do Territorio, referido á eficacia de ditas determinacións:  “ As determinacións contidas nas directrices de ordenación do territorio terán, en todo caso, forza vinculante que sexa congruente coa súa función de instrumento directriz. A este efecto, expresarán de forma clara e inequívoca o alcance concreto con que deberán operar todas e cada unha das súas determinacións e que poderán manifestarse en cada unha das seguintes formas:

     a)  Excluínte de calquera outro criterio, localización, uso ou diseño territorial ou urbanístico.

     b)     Alternativa entre varias propostas contidas dentro das mesmas directrices de ordenación do territorio.

     c)      Orientativas, debendo a Administración competente concretar a proposta contida nas directrices de ordenación territorial”.

     Cómpre aclarar que as DOT só contemplan dúas figuras: EXCLUÍNTES E ORIENTATIVAS.

     As directrices  de ordenación do territorio teñen como finalidade básica definir o modelo territorial para Galicia que permita orientar as actuacións sectoriais, dotándoas de coherencia espacial e das referencias necesarias para que se desenvolvan  de acordo cos obxectivos xerais da política territorial  de Galicia, conformando unha acción  de goberno coordinada e eficaz.

     As DOT son, pois,  o iter que deberá percorrer o futuro da nosa ordenación territorial, tamén os plans e proxectos sectoriais, sexan estratéxicos ou non, feito polo que proxectos formulados en solos de similar natureza e clasificación  coma o de Bergantiños, constitúen unha quebra dos obxectivos marcados polas devanditas directrices.

     En relación coas referencias territoriais para acadar os obxectivos prioritarios, en relación coa actividade que se pretende instalar no solo rústico de referencia , resulta oportuno sinalar o contido das letras ñ) e o) da determinación excluínte 1.2. : ñ) “ Configurar un instrumento básico da estratexia  para a consecución dun desenvolvemento sustentable e promover a conservación  do patrimonio natural, recoñecéndoo como activo para o desenvolvemento de Galicia”;  o) “  Valorizar a calidade da paisaxe galega, o patrimonio cultural e o sistema rural como factores de atracción  global  do territorio e activos básicos da calidade de vida, e do propio potencial de desenvolvemento, especialmente nas áreas de menor dinamismo do país”.

     A determinación  excluínte 3.3.2.  expresa  que a Xunta de Galicia cartografiará as zonas do territorio de maior aptitude agrogandeira e forestal, tendo en conta, entre outros criterios,  as condicións edafoclimáticas, orografía, usos actuais e evolución pasada, os valores culturais asociados á estrutura e usos, así como a presenza de explotacións agrogandeiras e forestais, e a consideración dos distintos aproveitamentos forestais (madeira, froitos,  e pastos, entre outros).  Esta determinación para a integración de ditos valores  no sistema de ordenación territorial contempla un plan de ordenación do medio físico (POMF), plan que ata o de agora non foi desenvolvido pola Xunta de Galicia.  Nembargantes,  no que atinxe aos solos afectados polo repetido proxecto mineiro, gozan da súa propia cartografía contida no PXOM de Cabana de Bergantiños.

       A determinación 3.3.5. sinala que,  “ a Xunta de Galicia fomentará os modelos de xestión forestal e promoverá actuacións  que superen o grao de fragmentación  extrema existente, priorizando en todo caso nos programas de fomento forestal desenvoltos polas administracións competentes. Preferiblemente, os ditos modelos basearanse na xestión conxunta dos aproveitamentos e apoiaranse en plans con enfoques territoriais integrados (plans de ordenación de recursos naturais, plans de ordenación de recursos forestais, plans de uso e xestión) promovendo, entre outras,  a produción forestal sustentable, as outras actividades agrarias presentes na área, a calidade paisaxística, as funcións ecolóxicas e a prevención de riscos ambientais, sobre todo os incendios forestais  e as inundacións”.

     A determinación 3.3.6. di: “ A Xunta de Galicia promoverá  a xestión forestal sustentable, entendendo por tal a que prevé nas súas actuacións o equilibrio das función produtivas, sociais e ecolóxicas dos terreos forestais, para o que serán de aplicación os instrumentos de ordenación forestal, é dicir, os instrumentos  de ordenación de tódolos  aproveitamentos de cada monte ou terreo forestal, segundo os criterios técnicos e de sustentabilidade”.

    Por outra banda,  a determinación  3.3.8. invoca a Lei 45/2007, do 13 de decembro, de desenvolvemento sostible  do medio rural, a cal establece que “ as comunidades autónomas, adoptarán directrices estratéxicas, previamente á definición  de plans de zona”; expresando, ademais que as DOT, tal como ocurre noutras CC AA, realizarán esa función ao entender  que o territorio rural  non pode desvincularse do resto e que,  polo tanto, está dentro do ámbito deste documento. Por tal motivo, debemos facer constar que, para o desenrolo das DOT deberán terse en conta os obxectivos que persigue dita Lei, feito polo que en relación coa actividade mineira que vimos analizando convén ter en conta o contido do artigo 2.2. a) e e) desta Lei, referido ao fomento da actividade económica no medio rural:

       a) “ Fomentar unha actividade económica continuada e diversificada no medio rural, mantendo un sector agrícola, gandeiro, forestal e derivado da pesca e impulsando a creación e o mantemento  do emprego e renda  noutros sectores, preferentemente nas zonas  rurais consideradas prioritarias”.  O mandato expreso desta norma  de que a actividade económica será continuada e diversificada, feito que non concurre na actividade mineira da que estamos a falar, xa que como se dixo anteriormente, consiste nun proceso básico de explotación, que non implica diversificación  máis aló do ciclo extractivo e os labores vinculados ao mesmo.Nembargantes, sí tén data de caducidade, pero en ningún caso, das consecuencias ambientais irreversibles dos solos afectados.

      e)  “ Lograr un alto nivel de calidade ambiental no medio rural, previndo o deterioro do patrimonio natural, da paisaxe e da biodiversidade, ou facilitando a súa recuperación , mediante a ordenación integrada do uso do territorio para diferentes actividades, a mellora da planificación e xestión  dos recursos naturais e a redución da contaminación  nas zonas rurais”.

     O artigo 2. f) da Lei 42/2007, do 13 de decembro, Patrimonio Natural e da Biodiversidade, establece como principio a prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística e os supostos básicos de dita prevalencia.

     A determinación excluínte 3.3.17 expresa que “  A Xunta de Galicia elaborará un plan específico  de ordenación dos recursos minerais e xeolóxicos na comunidade autónoma como soporte da actividade mineira, considerando os valores da contorna natural polas súas  características xeolóxicas, morfolóxicas, ecolóxicas e paisaxísticas diferenciadas, variables dun lugar a outro, e as potencialidades de aproveitamento propias de cada zona. O dito plan  establecerá as directrices e previsións para conxugar o necesario aproveitamento racional destes recursos naturais e a protección, rehabilitación e conservación e mellora  do espazo natural afectado por labores e o seu beneficio”.

     A determinación excluínte 3.3.18. di que “ Os  instrumentos de ordenación  do plan urbanístico na elaboración das súas propostas terán en conta as solicitudes e os dereitos mineiros outorgados na Comunidade Autónoma de Galicia. Estes instrumentos, entre as súas previsións para a compatibilización  dos usos existentes e potenciais do territorio, deberán motivar calquera disposición  restrictiva en relación coas actividades incluídas na Lei 22/1973, do 21 de xullo, de Minas”.

     Por outra banda, a determinación 3.3.19 establece que “  A planificación e ordenación  dos recursos minerais e xeolóxicos concederá especial atención á función ecolóxica que poidan desempeñar os terreos afectados polo aproveitamento e a mellora das condicións iniciais do uso destes terreos como consecuencia da súa rehabiltación posterior”.

     É tamén de ter en conta o contido da determinación orientativa 3.3.20.  a cal expresa que “Acometeranse estudos co obxecto de ponderar as diversas circunstancias e tecnoloxías que concurren no aproveitamento dos recursos minerais e xeolóxicos coas técnicas de rehabilitación  dos terreos afectados e cos requerimentos que derivan  das características da contorna natural e social. Entre os resultados destes estudos figurará a elaboración  dun manual  de boas prácticas que recolla estratexias de integración paisaxística e de minimización  de impactos para as explotacións de recursos mineiros e xeolóxicos”.

     Chegado a este punto e vistas as normas contidas nas DOT e na normativa básica citada, ningunha das figuras á que se fai referencia nelas foron desenvolvidas por parte da Comunidade Autónoma de Galicia, incluído o plan específico de ordenación dos recursos minerais e xeolóxicos, que non é outro que o xa mencionado plan sectorial de actividades extractivas do título III da Lei de Ordenación da Minería de Galicia, feito que nos indica o réxime de transitoriedade no que está asentada a actividade mineira e que afecta, inexorablemente, á protección dos valores que tan reiteradamente mencionan ditas normas. Esta omisión  do desenvolvemento lexislativo deberá ser tida en conta pola Administración correspondente a favor dos valores concurrentes á hora de determinar a viabilidade ou non de calquera proxecto e, en ningún caso, deberá ser óbice para o exercicio do deber de protección de ditos valores.

     Debemos sinalar igualmente que dunha simple análise de contraste entre a protección outorgada nas DOT aos solos de protección forestal e as condicións establecidas á explotación dos recursos mineiros, subordinando os últimos aos diversos valores da contorna natural e, incluso, á  conservación do espazo natural afectado, feito de imposible conxugación, xa que a actividade extractiva a ceo aberto implica en xeral un risco relevante de deteriorización irreversible dos valores protexidos inherentes a este tipo de solos,  realidade constatada tanto polo coñecemento científico como empírico, así como polo propio recoñecemento da Administración autonómica, por exemplo, no devandito proxecto mineiro de Terra Cha.

      Resulta igualmente relevante para o caso que vimos debatindo o contido das determinacións referidas ao ciclo integral da auga, concedéndolle especial atención  á redución significativa da contaminación  de tódalas masas de auga: continentais (superficiais e subterráneas), de transición e costeiras, así como a acadar os obxectivos dos acordos internacionais que teñen como finalidade  previr e erradicar a contaminación do medio mariño. Tamén se recolle en ditas determinacións que non se poderán exercitar novos desenvolvementos residenciais, industriais ou comerciais, dotacións ou explotacións agroforestais ou mineiras se non está previamente garantido o abastecemento de auga e o saneamento das augas residuais  e a xestión das augas pluviais conforme aos criterios de sustentabilidade e a planificación hidrolóxica. Dito isto e tendo en conta a proximidade da área de explotación ao río Anllóns, o tipo de actividade mineira altamente contaminante a nivel de solos, augas superficiais e subterráneas, feitos que implican un severo risco de contaminación presente e futura de levarse a termo tal actuación, poñendo en perigo de tal xeito os obxectivos marcados tanto na propia lexislación de augas  como nas DOT.; por tales motivos,  nunca resultaría, alomenos aconsellable, a implantación desta actividade na zona onde se pretende levar a cabo.

     No tocante á posibilidade de que a concesionaria decida reactivar novamente dito proxecto, é posible, unha vez resolto o motivo polo que o órgano substantivo decidiu arquivar dito expediente. Nembargantes e tal como se fixo constar ao longo desta entrevista, existen outras causas, incluso moito máis importantes, que fan inviable a execución deste proxecto.

 

    G.S.  ¿En realidade son tan graves as consecuencias ambientais das minas de ouro tal como afirman os seus opositores e tan leves como sosteñen os seus promotores?

    X.E.  A explotación mineira de ouro a ceo aberto, tal como se vén sostendo,  causa un importante impacto ambiental  e, consecuentemente, tamén social, tanto polos seus efectos no medio ambiente, no ser humano e xeración de conflictos cos titulares das actividades preexistentes nos terreos onde se pretende implantar dita explotación; estes conflictos varian duns lugares a outros, dependendo da utilidade e valores inherentes aos terreos.

 

                                    EFECTOS NO MEDIO AMBIENTE

    A explotación mineira de ouro a ceo aberto provoca importantes cambios irreversibles na morfoloxía do terreo onde se desenvolve esta actividade debido á devastación  da estrutura do solo.

   A actuación contemplada no proxecto de Corcoesto vai supor  unha inmediata interferencia no freático da zona, producíndose unha importante baixada no seu nivel, feito que terá unha forte incidencia na produción agroforestal e na vexetación en xeral, non afectando soamente á zona de explotación, senón tamén aos terreos da súa contorna, aínda que estean alonxados da área autorizada para a explotación, xa que vai facer unha función de embude escorrendo as augas ao punto de rebaixe, provocando, en consecuencia, unha importante desecación dos solos cos conseguintes efectos irreversibles na produción e vexetación actuais.

   Outra das consecuencias  deste tipo de explotacións mineiras é a alteración paisaxística causada pola devastación  material do lugar de explotación, a que podemos resumir do seguinte xeito:

Alteración do solo, vexetación  e río local durante a preparación da zona de explotación; contaminación atmosférica (pó fuxitivo e emisión de gases provintes da actividade;  ruído do transporte, dragaxe, transferencia, trituración e moenda do mineral; contaminación das augas superficiais por verquidos dos muíños e plantas de lavado;  contaminación das augas freáticas debido ás fugas das pilas de relave e bolsas de lama;  contaminación dos solos, vexetación e augas superficiais debido á erosión eólica e hídrica das pilas de desfeito;  eliminación dos desfeitos; impactos visuais, etc.

    No tocante aos factores de contaminación, non podemos esquecer que para o proceso de  lixiviación son utilizadas altas cantidades de cianuro, feito que implica unha maior gravidade dos seus efectos tanto para o ecosistema como para o ser humano, efectos que non son soamente detectados no período de explotación  senón  tamén para o futuro, xa que unha vez pechada a mina sempre deixa como legado para a xeración  actual e descendentes unha importante modificación  xeomorfolóxica e ecolóxica, ademais de perigosos depósitos de residuos altamente tóxicos, feitos todos eles que son motivo de impacto e inquedanza para as poboacións afectadas, debidamente informadas e, polo tanto, conscientes de tales consecuencias.

    Por outra banda, cómpre subliñar que o cianuro e os seus derivados teñen efectos  moi negativos sobre a biodiversidade e a biomasa, interferindo na fotosíntese das prantas e destrúe a densidade ecolóxica orixinal dos bosques.

                                 

                                                 IMPACTO SOCIAL

     Ademais das causas sinaladas anteriormente, resulta evidente a existencia dun importante impacto social dos veciños e veciñas  directamente afectados pola proxectada actividade, factor que non foi avaliado no seu día pola promotora mediante a preceptiva enquisa, feito que desencadeou unha forte reacción cidadá, con repercusións que van moito máis aló do ámbito local, chegando a concentrarse na capital de Galicia preto de 30.000 persoas en apoio ás reivindicacións veciñais. Pero o que aquí nos interesa é analizar a xénese deste impacto convertido nun auténtico conflicto social, factor de alteración  da convivencia  pacífica das boas xentes de Cabana de Bergantiños, sinalando ao respecto que esta explotación mineira constitúe un uso intensivo da terra de curta duración, provocando, como xa se tén dito, uns efectos negativos con repercusións  que van moito máis aló das persoas directamente afectadas nas súas propiedades que constitúen o seu lexítimo medio de vida, motivo  que debería ser ponderado no seu momento, máxime cando esta actividade foi formulada como proposta de proxecto industrial estratéxico, consideración que como xa se sinalou anteriormente, resulta cuestionable. Nembargantes, esta consideración  constitúe,  ademais, un dereito habilitante para a declaración de utilidade pública e interese social con efectos no dereito de propiedade privada contemplada no artigo 33.1 da CE,  ao introducir a delimitación de “función social” recoñecida no parágrafo 2 de dito precepto, feito que ante a cuestionada condición de proxecto industrial estratéxico lévanos a entender  que tal pretensión podería estar afectando ao contido esencial  do dereito de propiedade establecido no artigo 53.1 da CE, o cal expresa que “ Os dereitos e liberdades recoñecidos no Capítulo segundo do presente Título vinculan a tódolos poderes públicos. Só por lei, que en todo caso deberá respectar o seu contido esencial, poderá regularse o exercicio de tales dereitos e liberdades, que se tutelarán  de acordó co previsto no artigo 161.1 a)”. O contido esencial é, pois, o dereito que goza da máxima  protección constitucional, cuestión que debe ser especialmente observada á hora de plantexar calquera intervención que afecte ao dereito das propiedades do ámbito da concesión mineira de referencia.

                                         

                                       EFECTOS SOBRE A SAÚDE

     Á vista das consecuencias ambientais das explotacións mineiras de ouro a ceo aberto, resulta obvio que das mesmas vanse derivar efectos e riscos para a saúde da poboación  exposta ao contacto da actividade ou como consecuencia da propia contaminación  que vai incidir sobre outros segmentos de poboación, aínda que non estean en contacto directo con dita actividade, penetrando no organismo a través da pel, tamén inxeridos ou inhalados. Por outra banda, o cianuro impacta no ser humano con pequenas, medias e altas doses, chegando a provocar malformacións fetais en mulleres embarazadas e produce efectos crónicos por exposición a doses subletais. Ademais entre as persoas que traballan  ou están en contacto con este tipo de actividade, son tamén frecuentes os seguintes síntomas: palpitacións, irritación  na pel e presión no peito.

    Os datos sobre as consecuenciais ambientais e os seus efectos sobre o ser humano sinaladas, están baseados en diversos estudos de distintos lugares do mundo onde se desenvolveron este tipo de actividades.

 

    G.S. ¿Cal é a súa valoración  sobre as declaracións feitas polo alcalde de Cabana de Bergantiños (PP) a Radio Voz Bergantiños, nas que advirte da posible xudicialización  deste conflicto e que a Administración galega se vexa na obriga a indemnizar  á empresa con millóns de euros que van saír dos petos de todos; sinalando tamén  que “houbo uns acordos confidenciais no seu momento porque así o esixía a empresa, pero que son coñecidos para algún e, por suposto, para a Administración”?

   X.E. As declaracións do señor alcalde, laiándose da recente decisión adoptada pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que declara decaído o correspondente trámite e arquivo do expediente da concesión mineira “ Emilita”, “ Ciudad del Landro” e “Ciudad del Masma”, resultan cando menos sorprendentes, ao introducir ese arcano de saberes e entenderes confidenciais e ocultos, suposto que está máis preto da filosofía tan socorrida por ese éxodo de imputados que se instalou na nosa clase política e que vai in crescendo coma fungos na primavera, que co procedemento administrativo legalmente establecido, cousa que non desexamos para dito alcalde.

   En canto á acción de responsabilidade  da que fala o rexidor de Cabana por  parte da concesionaria á Administración autonómica, non parece viable, xa que a resolución básase nunha causa obxectiva por incumprimento das garantías financeiras esixidas para este tipo de proxectos no artigo 32 da Lei 3/2008, do 23 de maio, de Ordenación da Minería de Galicia, garantía variable destinada a responder do cumprimento do Plan de restauración ambiental. Ante o incumprimento de tan importante requisito, opera o disposto no artigo 76 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Publicas e do PAC.

   A maior abondamento, cómpre invocar o expresado no artigo 2.3 do Real Decreto 2857/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento Xeral  para o Réxime da Minería, que di:  “ O outorgamento dunha autorización, permiso ou unha concesión  para a explotación, investigación , aproveitamento ou explotación, de xacementos minerais e recursos xeolóxicos, enténdese sen perxuízo de terceiro, e non exclúe a necesidade de obter as demais autorizacións e concesións que con arreglo ás leis sexan necesarias”.

   Na  mesma liña apunta o artigo 31.1 e 2 da Lei de Ordenación da Minería de Galicia, que expresan:  1) “ Os dereitos de prioridade que a lexislación mineira lles recoñece ás persoas titulares  de determinados dereitos mineiros non supoñen o recoñecemento de dereitos consolidados ao seu outorgamento, mentres non se acredite a viabilidade do seu aproveitamento racional e a concurrencia dos requisitos esixidos na lexislación aplicable”; 2)” O órgano mineiro competente poderá limitar ou condicionar motivadamente o exercicio de tales dereitos de prioridade por razón urbanísticas, de ordenación do territorio, agrarias, ambientais ou outras que sexan da súa competencia”.

    Vistos, pois, os preceptos invocados non parece procedente ningunha reclamación  por mor do acordo adoptado pola diracción Xeral de Enerxía e Minas.

   

    G.S.   ¿Cabe a posibilidade de que o Concello de Cabana de Bergantiños coa modificación puntual do PXOM actualmente en trámite no que se plantexa cambiar a clasificación urbanística dos solos afectados pola concesión mineira, adaptándoos aos obxectivos a desenvolver por dita actividade, resolvendo por esta vía o que non puido facer a través do proxecto industrial estratéxico. Estamos xa ante un novo escenario na estratexia de conquerir tales obxectivos?

     X.E.  Efectivamente, o concello de Cabana de Bergantiños está a introducir unha modificación puntual do PXOM, sometendo recentemente a información pública o pertinente Documento de Inicio de Avaliación Ambiental Estratéxica, aínda que o documento  está datado en xaneiro de 2011, o cal quere dicir que esta iniciativa foi anterior á formulación do Proxecto I. Estratéxico, xa que en xaneiro de 2011 aínda non fora publicada a Lei reguladora da política industrial de Galicia (16-12-2011), feito que nos indica  que a formulación deste proxecto foi unha maneira de probar sorte.  En canto a se o concello vai resolver por esta vía o que non puido facer anteriormente por outros cauces, esta é a súa pretensión, aínda que se lle plantexan serios inconvintes dos que falaremos máis adiante.

    No tocante a se estamos ante un novo escenario, pois eu diría que non, o escenario é sempre o mesmo, xa que se actúa sobre o mesmo espazo físico, o que realmente cambia é o guión , para escenificar a mesma obra; antes era en versión “ proxecto industrial estratéxico”, agora “ modificación puntual do PXOM”; pero non son estes os únicos intentos, xa que para este mesmo lugar no seu día elaborouse un proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para un ámbito industrial e comercial de aproximadamente un millón de metros cadrados, e tal como se fai constar no citado documento de inicio, este proxecto tampouco foi posible, debido aos cambios  normativos establecidos na Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, polos que se introduce un novo punto 7 ao artigo 23 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de Ordenación do Territorio, que di:  “  Os proxectos sectoriais que impliquen transformación  e parcelación urbanística do solo deberán conter, ademais das determinacións esixidas neste artigo, as que se indican  no artigo 66 da Lei 9/2002, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia. Ditos proxectos non poderán afectar a terreos que de conformidade  coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección”.  Elo á marxe  dunha recente sentenza do Tribunal Supremo que, en base ao xa entonces vixente art. 15 da Lei 9/2002 (LOUPMRGal.), declara a nulidade  dun proxecto sectorial promovido pola Xunta de Galicia por afectar a terreos parcialmente clasificados como protección de montes, ao considerar que ese específico réxime de protección representa un valor medioambiental prevalente, que os fai imposibles para a súa urbanización.

    Ademais da sentenza que alude dito documento e por razón da materia que nos ocupa, cómpre citar a STS de data 15-10-2010 na que se substancia a prevalencia dos montes veciñais en man común, que afectaba ás Comunidades de Montes de “ Hospital” e “Merlán” do T.M. de Palas de Rei (Lugo), sobre a actividade extractiva de seixo  (clase C) proxectada en ditos solos.

   En consideración ao establecido no antes transcrito punto 7 do artigo 23 da Lei de Ordenación do Territorio e na invocada xurisprudencia, cómpre subliñar en relación co primeiro precepto, que se está a referir a solos  que de conformidade coa lexislación urbanística, deban ser clasificados como solo rústico de especial protección.  Mandato legal que por analoxía debe ser aplicado a calquera outro instrumento de planeamento que implique a transformación  ou parcelación  deste tipo de solos, caso do obxecto da modificación puntual proposta, máxime  cando os terreos agora afectados pola M.P. non soamente reúnen tales requisitos, senon que gozan xa da condición  de solo rústico de protección forestal segundo a PXOM vixente, feito  que nos leva obrigadamente a preguntar ¿SE  NON SE PERMITE A AFECTACIÓN DESTES SOLOS PARA O USO MINEIRO, QUE ERA, EN DEFINITIVA, O OBXECTO DO PLAN SECTORIAL, VAISE PERMITIR SOBRE OS MESMOS SOLOS E OBXECTO VÍA MODIFICACIÓN PUNTUAL DO PLANEAMENTO URBANÍSTICO, CANDO UN DOS SEUS PRINCIPAIS OBXECTIVOS É, PRECISAMENTE,  A PROTECCIÓN DOS VALORES MERECENTES DE TAL CONDICIÓN?  A resposta a tales preguntas  vai ter que dala, inexcusablemente, a Consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas.

    Ademais da clasificación urbanística dos solos elexidos para a M.P., tal como se pode verificar na documentación gráfica do citado Documento Inicial,  polos que transcurre o río Anllóns, sucados, ademáis, por outros cauces menores, constituíndo todo elo unhas características definitorias de val fluvial, feito que xunto coa súa ubicación e demais motivos xa expostos, resulta totalmente inadecuada a M.P. proposta polo concello; e no caso de que a marxe do proxecto mineiro, existira unha demanda real que xustificase as necesidades e obxectivos nos que se basa dita proposta, existen outros emprazamentos dentro do termo municipal moito máis adecuados para este obxecto.

       Dito o que antecede, cómpre contextualizar a importancia dos montes en xeral, importancia como non pode ser doutro xeito dos montes dos que estamos a falar, polo que resulta oportuno incorporar o seguinte fragmento da exposición de motivos da Lei de Montes de Galicia: “…  Ademais unha parte significativa dos montes galegos, predominantemente veciñais en man común, están incluídos na Rede Galega de Espazos Naturais Protexidos, o que revela a importancia dos bosques galegos no mantemento da riqueza e biodiversidade da nosa flora e fauna, así como o papel tan importante que os montes desempeñan na protección dos solos, a paisaxe, os sistemas hidrolóxicos e todos os ecosistemas. Con este fin regulase na Lei de Montes de Galicia unha serie de actuacións tendentes a previr e reducir a degradación do monte e fomentar a restauración do mesmo, dirixidas a paliar a sobreexplotación  de determinados recursos, condicionando e preservando a masa forestal ante as actividades de índole extractiva, as urbanizacións, as áreas industriais e os trazados de grandes infraestruturas, e afondando no concepto de xestión sostible e, especialmente, manexo forestal responsable”.

     Tales obxectivos son acreditativos  de que este tipo de solos están vinculados aos valores ambientais prevalentes. En tal sentido, a Sentenza do Tribunal Constitucional do 3 de novembro de 1999, expresa:  “ Como queira que o solo non urbanizable está esencialmente destinado de modo exclusivo á súa explotación agrícola, pecuaria ou forestal, é obvio que a protección  de tales actividades e o mantemento destes solos nas súas orixinarias condicións naturais, constitúe un interese público non só local, senon supra local, ao afectar á transformación  da condición natural do solo  e ao medio ambiente, cuxa degradación  orixina consecuencias que exceden con moito do puro ámbito estritamente Local”.  Á vista,pois, da doutrina  precedente, ademais de constituir un mandato aplicable a tódalas Administracións públicas, incluída, por suposto, a Local, pero dado o seu alcance e transcendencia, a protección destes solos vai  moito máis aló do seu propio ámbito, sendo, polo tanto, en todo caso, a Administración autonómica a que debe controlar e tutelar a protección de ditos valores.

 

  CAMBIO DE CLASIFICACIÓN URBANÍSTICA DOS SOLOS AFECTADO POLA M.P.

     En canto ao cambio de clasificación urbanística dos terreos de referencia, obxecto da M.P. proposta polo concello de Cabana de Bergantiños, de levarse a cabo tal como expresa o Documento Inicial, consistente na Avaliación Ambiental Estratéxica, constituiría un claro acto de discrecionalidade e arbitrariedade, xa que non concurren os supostos de feito e de dereito esenciais que xustifiquen e amparen tal decisión, rompendo, ademais, o equilibrio do modelo territorial diseñado polo planificador municipal do ano 1999. Esta modificación  suporía un efecto de desaxuste, excepcional e inmotivado do modelo elexido, consecuencia dunha decisión administrativa, supostos todos eles de reiterado reproche tanto pola doutrina científica como pola xurisprudencia  de Tribunal Supremo e do T. Constitucional; aínda que non faría falla apelar a tales fontes, senon á propia realidade fáctica dos terreos e á motivación contida na documentación que conforma o PXOM, en concreto á súa Memoria como documento integrante do mesmo, documento que constitúe  a garantía esencial frente á arbitrariedade, ao exteriorizar e xustificar as razóns do modelo territorial elexido e as propias determinacións do planeamento; non existindo, pois, ningún motivo que xustifique o cambio de clasificación urbanística de ditos terreos, xa que seguen mantendo a mesma natureza inalterable existente no ano 1999, data de aprobación definitiva do PXOM. En resumo, a protección do solo rústico vén determinada polas súas características específicas e da concurrencia dos valores que reúna, e en ningún caso polo arbitrio do planificador municipal  ou por decisións alleas a tales características

      A existencia dos dereitos da concesión ou concesións antes citadas, poderán reflictirse no vixente PXOM, pero en ningún caso procedería cambiar a clasificación urbanística actual destes solos, suposto que debe resolverse en todo caso consonte ao disposto no artigo 32.3  da LOUPMRGal., o cal prescribe que “ Cando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de solo rústico, optarase entre incluílo na categoría que outorgue maior protección ou ben incluílo en varias categorías, cuxos réximes se aplicarán de forma complementaria; neste caso, se se produce contradición  entre os devanditos réximes, prevalecería o que outorgue maior protección”.

    Cómpre sinalar que para a interpretación  do planeamento urbanístico, seguiranse as regras establecidas no artigo 6 de dita Lei, que di:  “ As dúbidas na interpretación do planeamento urbanístico producidas por impresións ou por contradicións entre documentos de igual rango normativo resolveranse  tendo en conta os criterios de menor edificabilidade, de maior dotación  para os espazos públicos e de maior protección ambiental e aplicando o principio xeral de interpretación integrada nas normas”. De acordo con este precepto e en relación  co caso que nos ocupa, o outorgamento de maior protección ambiental, resulta unha obviedade.

     G.S. Para rematar, digame  que fai unha asociación cultural coma ese Ateneo enfrascada en temas tan prosaicos como o abordado  ao longo desta entrevista, cando o seu fin principal é a investigación, promoción  e difusión do pensamento galeguista, e finalmente cal é a súa conclusión sobre o futuro de proxectos coma dos que estamos a falar.

     X.E.  Pois fixese vostede, de prosaico nada, o que aquí se deixa dito é unha clara defensa do noso patrimonio natural, da súa riqueza e beleza, valores que despois das súas xentes configuran a nosa identidade como pobo ¿ Que sería de Galicia sen eles? Eu ben sei que haberá xente que opine o contrario, pero o progreso desta terra non pode pasar pola destrucción destes valores. Temos que ter claro o modelo de desenrolo económico que queremos. Galicia é rica en recursos autóctonos que debemos poñer en valor, algúns deles citados aquí, existen actividades que son pan para hoxe e fame para mañá, porque hipotecan o noso futuro, feito que sempre conleva uns custos sociais moi importantes. O desenrolo sostible é o camiño.

 

                                                CONCLUSIÓN

    As reflexións feitas ao longo desta entrevista poñen de manifesto que proxectos coma os sinalados, con importante incidencia e impacto sobre o territorio, implantados en solos que gozan dalgún réxime de protección, difícilmente pode incardinarse unha actividade manifestamente incompatible coa protección de cada categoría de solo que implique risco relevante  de deteriorización dos seus valores protexidos, pois como se puido observar, ou se cumpre a Lei ou se colle o camiño da incertidume. Non se trata, pois, de abrir unha causa xeral contra o sector da minería, senon o de acadar os maiores niveis de equilibrio e respecto entre esta actividade, o territorio e as súas xentes, só deste xeito será posible  facer empresa e tamén país.

Hemeroteca