00:00 h. viernes, 19 de abril de 2024

O BNG únese a formacións soberanistas do estado para a defensa conxunta do dereito a decidir

Stadio Sport  |  04 de diciembre de 2015 (17:29 h.)
logobng

Os pobos temos a palabra” é o título do manifesto ao que se adhiren máis de dez forzas políticas que participan dunha campaña expansiva con actos en distintos puntos o vindeiro 6 de decembro

 

Ademais do BNG, outras formacións como ERC, CUP, EH Bildu, Mes x Mallorca, IzCa, Unidad del Pueblo, Puyalon de Cuchas e Andecha súmanse ao manifesto “Os pobos temos a palabra”, un documento que se difunde nestes días previos ao 6 de decembro en que se desenvolverán en distintos puntos actos e mobilizacións promovidas por cada unha das forzas políticas que se adhiren á iniciativa. A campaña ten como obxectivo mostrar a vontade de construír espazos de colaboración e contribuír á apertura de procesos constituíntes cara unha ruptura democrática co réxime de 1978 que, segundo sinalan, só pode vir da man do dereito dos pobos a decidir.

A necesidade de sumar forzas desde os nacionalismos fronte aos ataques do centralismo é unha das mensaxes centrais da campaña que chama á sociedade á defensa da soberanía e o dereito das nacións a construír libremente o seu futuro. Consideran as forzas políticas asinantes que o marco xurídico-político saído da Constitución de 1978 está esgotado e apostan por unha ruptura democrática que responda, agora si, á vontade dos pobos e á urxencia de transformación social de cara un futuro máis xusto e igualitario.

O manifesto nega a posibilidade dun pacto cun Estado que non é quen de asumir o dereito das nacións e os pobos a se organizaren libremente e, na outra cara, proclama que corresponde aos pobos e á cidadanía “determinar, de forma democrática, o seu futuro”. A través das redes e nas plataformas de cada unha das formacións difundirase nestes días o contido do manifesto conxunto da man tamén de representantes das distintas forzas políticas nunha campaña expansiva que se desenvolverá nas distintas linguas co identificador #ospobostemosapalabra.

O 20D a mudanza só pode vir desde os nacionalismos
Alertan no documento “Os pobos temos a palabra” da “ofensiva recentralizadora do Estado e a defensa ardente da unidade de España, a que se prestan partidos de vello e novo cuño” que negan os dereitos de pobos e nacións. Neste contexto, que se acentúa na resposta ao proceso soberanista catalán, as forzas asinantes do manifesto consideran que é “totalmente ilusorio esperara a que unha eventual alternancia electoral, o próximo 20 de decembro, entre partidos que se negan a aceptar o dereito a decidir dos pobos, habilite unha auténtica mudanza política”. As forzas nacionalistas asinantes defenden, nese sentido, que “sen a presenza de procesos emancipatorios dos pobos non é posíbel a ruptura democrática” para o que manifestan a vontade de contribuír a “unha estratexia conxunta de colaboración entre as forzas políticas soberanistas”.

As formacións políticas que se adhiren ao manifesto comprométense a traballar conxuntamente na loita contra o centralismo e na apertura de novos procesos constituíntes e a impulsar procesos constituíntes populares, sociais e democráticos nas distintas nacións. Apostan pola colaboración no obxectivo de se dotaren de instrumentos e mecanismos para ser a cidadanía quen decida o seu futuro e para facer fronte conxunto aos ataques ao exercicio dese dereito fundamental.

Hemeroteca