18:51 h. martes, 16 de abril de 2024

A Xunta invita aos concellos a que se sumen á promoción do consumo de leite de calidade galega 100%

Stadio Sport  |  02 de octubre de 2015 (18:13 h.)

A conselleira do Medio Rural e do Mar presentoulle aos municipios este selo para que, aqueles que o desexen, se unan á súa promoción. Rosa Quintana trasladou que desde que se puxo en marcha a campaña no mes de agosto numerosos concellos e outras entidades locais amosaron o seu interese en sumarse á súa difusión

 

A Consellería do Medio Rural e do Mar invita aos concellos a que se sumen á promoción do consumo de leite de calidade Galega 100%. A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presentoulle aos concellos galegos este selo de calidade para que aqueles que o desexen se unan á súa promoción.

Rosa Quintana explicou que, desde que o seu departamento puxo en marcha a campaña no mes de agosto, numerosos concellos e outras entidades locais amosaron o seu interese en sumarse á súa difusión. Trasladou que diante disto, e co obxecto de sumar esforzos na promoción do lácteo e de evitar unha multiplicidade de mensaxes e marcas diferentes, a Xunta deseñou unha ampliación da campaña adaptada ás entidades locais que desexen voluntariamente sumarse e apoiar ao sector. Así, a Xunta pon a disposición das entidades locais, totalmente de balde, o deseño do material promocional para que desde as institucións o reproduzan da maneira que consideren axeitada.

A titular de Medio Rural e Mar lembrou que as entidades locais teñen moita capacidade para promocionar esta marca entre a súa veciñanza. “Hai moitos concellos con intereses leiteiros en Galicia, quen mellor ca eles para promocionar o sector da man da Xunta de Galicia”, dixo Rosa Quintana.

A conselleira reiterou que a Xunta, na súa aposta pola promoción e o consumo dos produtos agroalimentarios galegos, puxo en marcha esta campaña para reiterar e amosar o firme compromiso da Administración galega co sector leiteiro. Neste sentido, trasladou que os produtos Galega 100% son “garantía de calidade para os consumidores”.

A responsable de Medio Rural e Mar apelou ao consumo de produtos Galega 100% porque contribúe e redunda en beneficios económicos para o sector lácteo e por conseguinte nunha mellora no nivel de vida dos nosos gandeiros.


Galega 100%

Este selo de calidade identifica o leite e os produtos lácteos feitos con materia prima galega, elaborados e envasados en Galicia. A materia prima que se emprega nos produtos amparados con esta marca procede exclusivamente de explotacións leiteiras que acadan de modo continuado parámetros de calidade superiores aos esixidos pola normativa comunitaria. Esta distinción ten como principal obxectivo facer posible a identificación, por parte dos consumidores, dos produtos lácteos galegos de calidade diferenciada con tan só ver un selo.

Esta marca e a súa xestión é propiedade do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), organismo no que están representadas as industrias lácteas e os produtores de leite.

Hemeroteca