00:00 h. sábado, 20 de abril de 2024

A Xunta debe garantir o cumprimento da Lei de Morte Digna no caso da rapaza ingresada no CHUS

Stadio Sport  |  01 de octubre de 2015 (18:17 h.)

A portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Carmen Acuña, reclamoulle á conselleira de Sanidade que garanta o cumprimento da Lei de dereitos e garantías da dignidade das persoas enfermas terminais no caso da rapaza ingresada no Hospital de Santiago

 

A responsable socialista dixo que “a Lei é moi clara, non necesita interpretacións nin a un xuíz, necesita ser lida e cumprida” para atender á vontade dos pais e retirarlle á rapaza a alimentación por sonda que a mantén viva de xeito artificial. Sinalou que os doentes teñen dereito a ser informados e a decidir, e a partir de aí “os profesionais temos o deber de aceptar a decisión e aceptar o tratamento escollido”.

Engadiu que “os familiares da doente deben ser arroupados, coidados, apoiados e asistidos, e non é o que se está a facer” toda vez que se enfrontan a unha situación irreversible e contan co respaldo do Comité de ética asistencial do centro. Neste momento, dixo, “ningún responsable de pediatría, nin o persoal nin a xerencia de ningún cento pode prolongar o padecemento cando non hai posibilidade de curación”.

Carmen Acuña lembrou que a Lei galega recolle sancións e infraccións, e “a administración sanitaria ten que esixir e investigar o seu cumprimento, e aplicar as sancións que determina a Lei”.

 

Mentir

A responsable socialista advertiu que a conselleira “ou descoñece o caso ou deliberadamente minte” e puxo en cuestión a vontade da conselleira de Sanidade de cumprir a norma logo da súa intervención no Pleno do Parlamento de onte. Puntualizou que “ou non se decata ou non se quere decatar” de que “non se trata dun caso de eutanasia activa, senón de garantir a morte digna dunha paciente terminal”.

Esixiulle á conselleira que “ten que ler a Lei, escoitar aos profesionais e tamén escoitar á Valedora do Pobo, que ten que pronunciarse e axudar á familia” para apoiar á doente e aos seus pais no seu momento mais duro “por ética, xustiza e calidade na xestión sanitaria”.

Carmen Acuña lembrou que, mais alá do que dita a norma galega, os socialistas galegos “temos o compromiso de recuperar o debate sobre a eutanasia para regulala por Lei co consenso de tódalas forzas políticas.

Hemeroteca