01:52 h. Sábado, 25 de Noviembre de 2017

Stadio Sport

Xa hai máis de 112.000 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura

UGT-Galicia insiste na urxencia dunha prestación de ingresos mínimos porque é de lei rescatar ás persoas e combater as desigualdades

Stadio Sport  |  03 de Noviembre de 2015 (17:37 h.)
Más acciones:

O fin da temporada estival conduce, un ano máis, ao incremento do desemprego, o que evidencia que a mellora do mercado laboral obedece a causas conxunturais, máis que á suposta mellora da situación económica que pretenden publicitar dende o Goberno. Ademais, a UGT-Galicia preocúpalle, evidentemente, ademais do mal comportamento do emprego, os baixos niveis de cobertura para os desempregados, co forte risco de exclusión social que isto conleva, e as dificultades para recuperar as cifras de afiliación á Seguridade Social previas á crise.

 

O PARO MEDRA EN GALICIA EN CASE UN TRES POR CENTO

Os datos facilitados hoxe polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social reflicten que o paro medrou no mes de outubro en Galicia nun 2,9 por cento, en 6.355 persoas, quedando o número total de persoas desempregadas nesta Comunidade en 222.092. No conxunto do Estado o desemprego tamén medrou pero menos, un 2.01 por cento.

En relación a hai un ano o desemprego baixou en Galicia nun 9 por cento e o 7,74 por cento de media no Estado.

Un mes máis, obsérvase unha forte contracción na poboación en idade de traballar pola saída da poboación cara fóra e o retorno de inmigrantes cara os seus países de orixe pola falla de expectativas. De feito, continúa a caída do desemprego entre os estranxeiros, cunha diminución interanual do 5,49 por cento.

Por sexos, o desemprego medra no mes de outubro en ambos casos. Máis entre os homes, nun 4.09 por cento, que entre as mulleres, un 2.01 por cento. Pola contra, en relación a hai un ano, a baixada do desemprego beneficia máis aos homes, un 11,81 por cento, fronte ao 6,51 por cento das mulleres. A desigualdade do mercado laboral persiste.

Provincialmente, o paro medra en todas. Na que máis, en Pontevedra, nun 3.90 por cento; o 3.09 por cento en Ourense; o 2,62 por cento en Lugo; e o 2,01 por cento en A Coruña. En termos interanuais contráese en todas.

Entre os menores de 25 anos o desemprego medra menos que no conxunto de idades, o 2,05 por cento. No ano cae o 16,56 por cento, basicamente, pola saída de efectivos cara fóra na busca dun futuro mellor e polo cambio poboacional.

O desemprego no mes de outubro, en relación a setembro, medra en todos os sectores, salvo no da construción, onde baixa un leve 0,4 por cento, e no colectivo de sen emprego anterior, un 1,75 por cento. Acúsase un forte incremento no sector primario, dun 16,2 por cento, e en servizos o aumento foi do 3,84 por cento. En relación a hai un ano o desemprego cae en todos os sectores.

 

FORTE CAÍDA DA CONTRATACIÓN E ALTOS NIVEIS DE ROTACIÓN LABORAL

No mes de outubro tamén destaca a forte caída da contratación, nun 10,92 por cento, fronte ao 1,96 por cento de baixada que se rexistra no resto do Estado. No ano tamén caen os contratos, sobre todo, a costa dos indefinidos que baixan un 5,56 por cento, fronte ao aumento do 0,26 por cento dos temporais. A porcentaxe de contratos indefinidos sobre o total no mes de outubro foi tan só do 7,97 por cento. En Galicia fixéronse 77.991 contratos en tan só un mes. O que está claro é a precariedade destes contratos que non se consolidan e os altos niveis de rotación laboral.

Un dos aspecto que arroxan as estatísticas feitas públicas hoxe e que máis lle preocupa a UGT-Galicia é o feito de que as taxas de cobertura por desemprego continúen en mínimos históricos co forte risco de exclusión social e pobreza que esta situación conleva.

Así, a cifra total de beneficiarios de prestación é en Galicia de 103.448 persoas pero é que o carácter contributivo destas prestacións tamén está en mínimos. Tan só 41.169 persoas perciben prestacións contributivas, o 39,8 por cento do total, o resto son prestacións de carácter asistencial. Esta tendencia ven marcada polo incremento progresivo do desemprego de longa duración que provoca que co paso do tempo as persoas en situación de paro vaian perdendo dereitos, ata quedar sen nada. De feito, xa hai en Galicia 112.289 persoas desempregadas sen ningún tipo de cobertura.

 

UNHA ILP POR UNHA PRESTACIÓN DE INGRESOS MÍNIMOS

É aquí onde UGT insiste na necesidade de impulsar, a través dunha ILP, a prestación de ingresos mínimos, para a cal o Sindicato xa comezou a recollida das firmas necesarias. Porque é de lei rescatar ás persoas e combater as desigualdades.

A caída da afiliación á Seguridade Social, o 0,65 por cento, evolución contraria ao que sucede no resto do Estado onde medra levemente, un 0,18 por cento, tamén amosa que non existe tal consolidación da recuperación do mercado laboral. Interanualmente dáse unha leve recuperación desta taxa en Galicia, do 1,98, aínda que afastada do crecemento que se rexistra no resto do Estado, do 3,18 por cento. No Estado supéranse os 17 millóns de afiliados á Seguridade Social e en Galicia séguese moi lonxe do millón de afiliados que se rexistraban antes da crise. A día de hoxe esta cifra non supera os 951.206 afiliados.