00:02 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Vence: “Fagan o que fagan outros, o BNG aposta por Galiza e non por Pablo Iglesias”

Stadio Sport  |  25 de septiembre de 2015 (18:48 h.)

O BNG clarifica que seguirá traballando “ata o final” por unha candidatura galega de unidade con entidade xurídica propia, sumando ca cidadanía e cas forzas políticas que apostan por dar a Galiza voz soberana no Congreso cun grupo parlamentario propio

 

Empeño que prosigue pese a “desilusión” e “fraude” que supón o preacordo pactado entre as cúpulas de Podemos, Anova e EU, ignorando o proceso de diálogo que estaba aberto no país.

“O BNG ten claro que fagan os movementos que fagan outros, acorden o que acorden á hora de supeditarse ás estratexias estatais de Podemos, a cidadanía vai ter nas eleccións xerais unha candidatura galega de ampla base, plural, con vontade de defender os intereses de Galiza con grupo parlamentario propio, nunha lexislatura que vai ser clave”, expresou o portavoz nacional, Xavier Vence, a preguntas dos medios.

“O obxectivo da candidatura non pode ser reforzar o grupo parlamentario de Pablo Iglesias, nin convertelo en ministro nun eventual goberno de coalición, senón darlle voz soberana a Galiza e ter grupo parlamentario propio no Congreso como ferramenta para defender os nosos intereses e negociar en pé de igualdade cos outros grupos”, recalcou.

Nese sentido, a formación nacionalista non comparte a dirección tomada por outras forzas políticas “para conformar unha candidatura en clave estatal” articulada en torno a Podemos.

 

Asemblea Iniciativa pola Unión

En calquera caso, Vence subliñou que o Bloque non renuncia a seguir traballando a prol desa candidatura de país, e fixo fincapé na importancia da asemblea convocada para este domingo 27 en Santiago pola plataforma Iniciativa pola Unión, aberta a todas as forzas políticas sen exclusión algunha, e ao conxunto da cidadanía.

“A vontade do BNG é ben clara desde o momento en que decidiu renunciar as súas siglas”, salientou, “sumar con total xenerosidade e apertura de miras para esa candidatura galega, plural, de ampla base, ca cidadanía e as forzas políticas que están traballando nesa dirección. A pesar do acordo entre cúpulas negociado en Madrid entre Podemos, EU e Anova, “vai haber moitos e moitas que imos seguir traballando por contribuír esa candidatura ampla de unidade”, concluíu.

Hemeroteca