00:01 h. jueves, 28 de marzo de 2024

O turismo de reunións de Galicia promociónase en Italia no evento especializado ‘TTG Incontri’

Stadio Sport  |  10 de octubre de 2015 (21:47 h.)

Turismo de Galicia está a promocionar a nosa comunidade como destino turístico para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo ante os operadores turísticos italianos especializados nesta modalidade turística. No pasado ano 2014 rexistráronse preto de 115.000 viaxeiros italianos aloxados nos establecementos regrados de Galicia, cifra que superou nun 29% o dato do anterior ano 2013

 

Turismo de Galicia presenta estes días a oferta turística de Galicia relacionada co turismo de reunións no evento ‘TTG Incontri’ que se celebra na cidade italiana de Rimini.

Durante a súa participación neste Salón Internacional de Turismo, que cada ano presenta as novidades do mercado aos profesionais do sector, Galicia estase a promocionar como destino turístico para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo ante os operadores turísticos italianos especializados nesta modalidade turística.

Representantes de Turismo de Galicia manteñen xuntanzas cos operadores turísticos especializados en turismo de reunións máis importantes de Italia e achegan información turística da comunidade galega no punto de información habilitado para Galicia.

 

Infraestrutura galega

O turismo de reunións en Galicia ten experimentado un notable desenvolvemento durante os últimos anos, debido, en parte, ao incremento e mellora da infraestruturas precisas para a organización de congresos, convencións e viaxes de incentivo.

O incremento das prazas hoteleiras, a creación de pazos de congresos, a apertura de instalacións especiais para celebrar eventos e a aparición de empresas especializadas, son os factores máis salientables dentro do desenvolvemento desta modalidade turística en Galicia.

 

Turismo italiano

No pasado ano 2014 rexistráronse preto de 115.000 viaxeiros italianos aloxados nos establecementos regrados de Galicia, cifra que superou nun 29% o dato do anterior ano 2013.

Este incremento traduciuse tamén nunha mellora das pernoctacións, do 22% neste caso, rexistrándose máis de 165.000 no pasado ano.

Deste xeito, o mercado italiano representou en 2014 o 9,3% do total da demanda turística internacional de Galicia consolidándose como o cuarto mercado estranxeiro da nosa comunidade, so por detrás de Portugal, Alemaña e Francia.

Hemeroteca