16:46 h. Lunes, 14 de octubre de 2019

Tellado: “Besteiro non acudiu á Deputación de Lugo porque non quixo dar a cara ante un dos episodios máis vergoñentos da política galega dos últimos anos”

O voceiro do PPdeG pide explicacións aos socialistas e ao BNG para coñecer as condicións polas que o alcalde de Becerreá cambiou o seu voto

Stadio Sport  |  10 de octubre de 2015 (00:00 h.)
Más acciones:

 

O voceiro dos populares galegos, Miguel Tellado, asegurou que o secretario do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, non acudiu á Deputación de Lugo porque non quixo dar a cara  tras perpetuarse a moción de censura nesta institución provincial, unha decisión que o portavoz do PPdeG cualifica como un dos episodios máis vergoñentos da política galega dos últimos anos.

Miguel Tellado, afirmou este venres que esta actuación, levada a cabo polo PSdeG e polo Bloque Nacionalista Galego co obxectivo de arrebatar a presidencia ao PP,  nada ten que ver coa xestión do goberno de Elena Candia desenvolvida nestes 100 días.

Segundo palabras de Tellado, sorprende a postura do BNG que, mentres que antes non estaba disposto a gobernar a Deputación cun candidato imputado –facendo referencia ao alcalde de Becerreá, Manuel Martínez-,  agora si opta por formar parte dun goberno provincial no que vai participar ese mesmo deputado e, ademais, a alcaldesa de Viveiro, imputada e preprocesada.

“Dende o PP queremos que se dean esas explicacións que PSOE e BNG non deron antes da moción. Estamos desexosos de coñecer as condicións que estes grupos acordaron co alcalde de Becerreá para que mudara o seu voto”, declarou Tellado.

Nese sentido, o portavoz recoñeceu que sería curioso que os socialistas e os nacionalistas  lle entregasen as mesmas competencias a Martínez polas que foi imputado no seu día.

Con respecto ao BNG, Tellado manifestou que é evidente que da un novo paso político no camiño da súa desaparición e da súa irrelevancia. “A súa participación na moción de censura da vergoña réstalle credibilidade absoluta, merma o seu discurso político e reduce o seu espazo electoral” sentenciou.

O voceiro tamén se referiu ao secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, afirmando que esta moción evidencia a debilidade política na que se atopa e recordando que primeiro cedeu ante Podemos na cidade de Lugo, obrigando a renunciar á Alcaldía a Orozco, e logo volveu ceder na Deputación ante o BNG retirando ao seu candidato Manuel Martínez, o mesmo ante o que cede agora.

Segundo Tellado, “o poder polo poder” é o único que move a Besteiro, que pretende tapar así as súas debilidades, “por unha parte a interna, plasmada na súa falta de liderado no día a día do seu partido, e por outra a derivada da súa complicada situación procesal como imputado por prevaricación, tráfico de influencias, cohecho  ou delitos contra a ordenación do territorio”, cargos que Tellado lembrou que non se poden considerar como menores.

 

DÍA DA HISPANIDADE

Na súa comparecencia en rolda de prensa, Tellado tamén se referiu aos actos institucionais polo Día da Hispanidade que se levarán a cabo o vindeiro luns en Madrid.

“É especialmente positivo que o presidente do PPdeG asista a estes actos para conmemorar a festa nacional” manifestou ao tempo que salientaba a importancia de que Feijóo represente alí a todos os galegos e a Galicia como Nacionalidade Histórica “que contribúe e forma parte desde proxecto común chamado España”.

Nese sentido quixo destacar que somos a única Nacionalidade Histórica onde o sentimento nacionalista e separatista é minoritario, algo que provocou a labor desenvolvida nas ultimas décadas por parte do PPdeG, “que foi quen de desenvolver un proxecto galeguista que permite á inmensa maioría dos galegos e galegas sentirse parte do actual  marco estatutario fronte aos que defenden actitudes  secesionistas”, engadiu.

Segundo as súas palabras, en Galicia non hai espazo político para os aliados da CUP, de Esquerra Republicana de Cataluña ou de Bildu porque “a nosa forma de ser españois é ser galegos, sen ningún tipo de conflito de identidade fronte aos que buscan a confrontación e o enfrontamento”.

Por todo isto, Tellado considera importante que Galicia estea representada como mostra inequívoca de que queremos contribuír no marco plural de convivencia que é España.