00:02 h. jueves, 28 de marzo de 2024

Tellado acusa ao BNG de “facer demagoxia co naval de Ferrol traendo iniciativas de imposible cumprimento ao Parlamento”

Stadio Sport  |  24 de septiembre de 2015 (17:44 h.)

Lembrou que desde hai 11 anos Navantia Fene e Navantia Ferrol constitúen un complexo integral, que desde hai nove meses está libre de calquera restrición para traballar no civil ou militar

 

O portavoz de Emprego do Grupo Popular, Miguel Tellado, acusou este xoves ao BNG de “facer demagoxia utilizando a situación do sector naval da ría de Ferrol traendo iniciativas ao Parlamento galego de imposible cumprimento”. Así mesmo, Tellado lamentou que os grupos da oposición “estean en contra de impulsar a carga de traballo que supón a eólica mariña para os estaleiros ferroláns, como o demostraron votando en contra da iniciativa aprobada no pasado Pleno”.

Miguel Tellado criticou que o BNG, apoiado polos demais grupos da oposición, “traia a debate no Parlamento unha iniciativa que, en primeiro lugar, solicita articular un Complexo Integral do Naval na ría de Ferrol, aberto a todos os ámbitos de produción”.

 

COMPLEXO INTEGRAL FENE-FERROL

“Cómpre recordarlles que este complexo integral xa existe desde que hai 11 anos Navantia Fene e Navantia Ferrol se integraran baixo unha mesma dirección, ao que se sumou hai nove meses o fin do veto para que os estaleiros ferroláns poidan traballar no civil, a militar e noutros campos como a eólica mariña”, sinalou.

En segundo lugar, a proposición non de lei do BNG demanda á Xunta que concrete a carga de traballo dos estaleiros da ría de Ferrol, “algo imposible porque non é competencia do Goberno galego”. “Concretar esta carga de traballo é competencia do titular dos estaleiros: a SEPI, a través de Navantia”, apuntou.

 

GARANTIR O FUTURO

Respecto da carga de traballo, Tellado lembrou que desde o ano 2011 pasouse de “cero contratos a contar co contrato do flotel de Pemex; o buque de acción marítima  encargado pola Armada española a Navantia Ferrol; o contrato de enxeñería e  equipamento dun LHD para a Armada de Turquía; ou os contratos para a construción de catro petroleiros para a navieira vasca Ondimar; ademais do contrato con Iberdrola e Windar Renovables para a construcción de 29 jackets de eólica mariña e cinco macroestructuras flotantes para Hywind Scotland, filial de Statoil”.

“Estamos traballando para garantir o futuro dos estaleiros da ría de Ferrol, diversificando o seu ámbito de actuación e aproveitando o levantamento das restricións para a construción civil”, sinalou o portavoz popular, quen lamentou o voto contrario dos grupos da oposición á proposición non de lei do Grupo Popular aprobada no último Pleno para impulsar a fabricación de compoñentes da eólica mariña nos estaleiros da ría de Ferrol.

Hemeroteca