00:15 h. viernes, 29 de marzo de 2024

Rosana exise a Ana Pastor que “atenda o clamor social de Galiza que pide unha AP-9 gratuita”

Stadio Sport  |  29 de septiembre de 2015 (16:52 h.)

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa para reclamarlle a Ana Pastor que escoite “dunha vez o clamor social cada vez maior que existe na Galiza para que se poña fin á explotación privada da AP-9 e sexa gratuita”

 

O Plan piloto na AP-9 foi unha fraude

A deputada do BNG pregunta á Ministra de Fomento cal é o balanzo que fai do Plan piloto iniciado o 1 de xullo para desviar camións e vehículos pesados a autoestradas aplicando reducións nas tarifas de peaxe. E critica o engano ao sector do transporte de Galiza porque a redución das peaxes na AP-9 non chegou ao 50% cando o Ministerio asegurara descontos desa porcentaxe.

En relación a Galiza “o Plan reduciuse aos descontos no tramo da AP-9 de Puxeiros a Porriño-fronteira portuguesa, cunha rebaixa do 35% do importe da peaxe para os vehículos que circulen pola autoestrada e realicen tamén este tramo. Se o vehículo só fai o tramo Puxeiros-Porriño que é o que está concretamente incluido no plan, xa sexa na súa totalidade ou en parte, a redución é do 43,45% do importe total da peaxe, polo tanto, non chega ao 50% de bonificación”.

De aí “a decepción que cundiu entre o sector do transporte galego”, ao que hai que sumar o seu malestar por ter que pagar por unha autoestrada que como “dixo o BNG moitas veces, está máis que amortizada”. A deputada do BNG reitera a petición que “xa é un clamor social para que a AP-9 sexa unha autoestrada libre de peaxe, gratuita e cuxa xestión corresponda a Galiza”.

 

A AP-9 debería ser xa gratis

Nese sentido, Rosana Pérez pón de manifesto as consideracións do sector do transporte que “cre discriminatorias as elevadas peaxes que soporta o noso territorio así como a duración da concesión e a falla da alternativas viais decentes. Lembran que catro autoestradas doutras CC.AA da mesma época que a AP-9 van ser gratuitas en catro anos, mentras a AP-9 vai continuar en réxime de concesión até o 2048”.

A deputada nacionalista afirma que “á luz dos feitos, a realidade é terca, co cal acaba sendo evidente para todo o mundo. Ao igual que o Goberno, tamén terco, pero nos tememos que os seus resortes sexan moi diferentes aos do ben común e que a súa terquedade e obcecación por defender unha concesión ilóxica, e masivamente cuestionada, só obedeza a dar pleitesía aos intereses económicos de determinadas empresas”.

Razón pola que critica que o sector do transporte teña que pagar por circular pola AP-9, “de verdade, cre que ao sector lle resolver en algo uns descontos de peaxes que non chegan ao 50% e que se atopan entre os mais altos do estado? Que máis necesita o Goberno para pór fin á explotación privada da AP-9? A que se debe esa obcecación cunha concesión que a este paso chega ao século?”, son algunhas das preguntas que formula a Ana Pastor.

Hemeroteca