00:01 h. miércoles, 24 de abril de 2024

Rey: “A da Deputación de Lugo é a moción de censura da vergoña”

Stadio Sport  |  25 de septiembre de 2015 (18:55 h.)

Asegura que a campaña electoral do PPdeG para as Xerais estará baseada en dous conceptos: humildade e cercanía. “Nunca os motivos escuros, as adaptacións aos cargos ou aos intereses poden estar por riba do que opinan os cidadáns”, di

 

“É a moción da vergoña”. Así cualificaba este venres o director de campaña electoral para as eleccións xerais do PPdeG, José Manuel Rey, a moción de censura pactada entre PSdeG e BNG para arrebatar ao PP a Deputación de Lugo.

“É unha vergoña que dous partidos políticos, despois de todo o que se dixeron entre eles, sexan capaces de acadar en despachos unha moción de censura cando nin sequera teñen transcorridos 100 días dun goberno provincial”, admitiu.

Nesta liña, Rey afirmou que nunca os motivos escuros, as adaptacións aos cargos ou aos intereses poden estar por riba do que opinan os cidadáns. “A transparencia debe estar por riba destes acordos que non responden á normalidade democrática porque non permitir a un goberno gobernar durante 100 días non ten precedentes dende un punto de vista democrático”, sinalou.

 

COMITÉ DE CAMPAÑA

Por outra banda e tras presidir hoxe unha reunión co seu Comité de Campaña, José Manuel Rey apuntou que o PPdeG presentarase ás vindeiras Eleccións Xerais cunha campaña que estará baseada en dúas características: humildade e cercanía.

Segundo as súas palabras, o Partido Popular na súa xestión, puido cometer erros pero “hai que ter humildade para saber rectificar, para falar coa xente e explicar que o país está mellor que hai catro anos”.

A segunda característica será a cercanía. Con respecto a isto, Rey salientou que a Ponencia política que aprobarán en outubro establece novos canles de participación onde se implicarán moi decididamente todos os cargos do partido. “A cercanía resulta esencial nesta campaña e tamén establecer novas fórmulas para que a presenza dunha gran maquinaria como o PPdeG poida estar en cada cidade, en cada pequeno concello, en cada aldea e en cada recuncho de Galicia”, afirmou.

Xa constituído o seu Comité de Campaña para as próximas eleccións, Rey considera moi importantes estes comicios porque serven para que os cidadáns fagan balance do que se fixo e expresen preferencias para os próximos catro  anos.

“Todas as campañas son duras e é necesario explicar o que fixemos e o que imos  facer”, engadiu. Segundo Rey, iso é o que fará o PPdeG nos próximos meses “facer un balance do que fixo en España e en Galicia e tamén dicir o que queremos seguir facendo para o benestar dos galegos e dos españois”.

“En España o PP preséntase como unha opción seria, de goberno e capaz de resolver problemas. Pola contra, o PSOE preséntase despois de deixar ao país na bancarrota no ano 2011 e parécenos que catro anos son moi pouca pena para un partido socialista na oposición”, asegurou o director de campaña.

Con respecto a outras forzas políticas, Rey recoñeceu que aínda non saben exactamente como van a  concorrer  ás eleccións outras formacións pero que si considera que están facendo encaixes dende un punto de vista partidario e electoral para ver cómo poden volver. “Nos preferimos falar máis da xente, dos proxectos, do que facemos e do que imos seguir facendo”, sentenciou.

Hemeroteca