10:28 h. jueves, 28 de marzo de 2024

O programa ‘Galicia a todo tren’ acolleu na súa terceira edición máis de 2.200 pasaxeiros incrementando a súa ocupación ata o 87%

Stadio Sport  |  27 de septiembre de 2015 (02:00 h.)

Os sete itinerarios dos trens turísticos estiveron constituídos nesta terceira edición por 57 trens que ofertaron un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado ano. A demanda da terceira edición do programa incrementouse en cinco puntos porcentuais en relación á celebrada no pasado ano. A Ruta do Viño da Ribeira Sacra foi a que rexistrou unha maior demanda ao acadar unha ocupación do 100% en todos os seus percorridos

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, a delegada de Lugo, Raquel Arias, o xerente do Inorde, Jose Manuel Rodríguez, e o xerente do Área Comercial e Servizo de Atención ao Cliente de Renfe, Javier Díaz Trisac, realizaron este sábadoo traxecto que une Monforte de Lemos e Santo Estevo do Sil na derradeira viaxe do Tren Turístico da Ruta do Viño da Ribeira Sacra.

Este percorrido forma parte dos sete trens turísticos do programa ‘Galicia a todo tren’ que un ano máis Turismo de Galicia puxo en marcha durante o verán coa colaboración de Renfe e do Inorde.

O programa dos trens turísticos, que cumpriu este ano a súa terceira edición, percorreu sete rutas temáticas diferentes que permitiron descubrir diferentes zonas de Galicia dunha maneira única incrementando a competitividade da nosa comunidade como destino turístico.

Así, os trens turísticos percorreron a Ruta dos Faros, a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos e as cinco Rutas do Viño polos distintos territorios onde se producen as denominacións vitivinícolas galegas: Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro, Monterrei e Valdeorras.

Os sete itinerarios estiveron constituídos nesta terceira edición por 57 trens que ofertaron un total de 2.524 prazas, 74 prazas máis que o pasado ano.

En declaracións aos medios, Nava Castro resaltou que para este 2015 melloráronse os itinerarios e incluíronse novos proxectos ao programa que ampliaron a oferta turística de Galicia e fomentaron o desenvolvemento sustentable do sector turístico galego. “Un programa moi completo que permitiu descubrir a nosa comunidade dun xeito distinto e que incrementou a competitividade de Galicia como destino turístico”, afirmou.

O éxito acadado nesta nova edición constátase co rexistro de mais de 2.200 pasaxeiros que incrementaron a demanda desta edición en cinco puntos porcentuais en relación á celebrada no pasado ano, ata acadar unha ocupación do 87%.

 

Ocupación por rutas

A Ruta do Viño da Ribeira Sacra foi a que rexistrou unha maior demanda ao acadar unha ocupación do 100% en todos os seus percorridos. Concretamente, esta ruta tivo oito saídas dende comezos de xuño ata hoxe na que participaron un total de 434 viaxeiros.

O tren da Ruta do Viño Valdeorras-Ribeira Sacra finalizou cun 96,4% de ocupación. En todo o verán realizou oito saídas que integraron a mais de 400 persoas.

Pola súa parte, a Ruta dos Pazos e os Xardíns Históricos finalizou a principios de setembro co 88,8% de ocupación nas cinco saídas que se produciron dende o mes de xullo.

En canto a Ruta dos Faros, cun total de vinte saídas, tivo unha ocupación do 86,8%. Foron mais de cincocentas persoas as que puideron gozar das fantásticas paisaxes que se poden descubrir con este tren costeiro polo norte de Galicia.

En relación ao resto das rutas -a dos Viño Rías Baixas, Ribeira-Rías Baixas e Monterrei- roldaron unha ocupación do 70%. En total estas tres rutas aglutinaron a máis de 600 viaxeiros e dezaseis saídas.

Hemeroteca