13:36 h. martes, 16 de abril de 2024

Pontón: “O PP segue alimentando os prexuízos contra o galego”

Stadio Sport  |  29 de diciembre de 2015 (17:23 h.)

A deputada acusou o Secretario xeral de Política Lingüística de presentar un Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2016-2020 que resulta un “corta e pega” do presentado no 2004 e sen ningunha partida orzamentaria

 

Tras a comparecencia do secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García para informar do estado e futuro Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020, a parlamentaria do BNG, Ana Pontón criticou “o retroceso” na aprendizaxe e uso do galego provocado polas “políticas lesivas do Partido popular” e un discurso que “alimenta os prexuízos” contra a lingua galega.

Na súa intervención Pontón afirmou que o Plan presentado polo secretario xeral é “un corta e pega” do presentado no ano 2004 co agravante, dixo, que non conta sequera “cunha memoria económica financeira”. Onde se aprobou este plan e con que contía preguntou a deputada porque acaban de ser aprobados os Orzamentos e non existe ningún incremento na Secretaría de Política Lingüística para o plan presentado hoxe.

 

O goberno segue incumprindo o Plan de Normalización Lingüística

Por outra parte, a deputada reiterou os “incumprimentos” dos mandatos establecidos por lei e dos acordos parlamentarios entre os que destacou a obriga do Goberno de remitir ao Parlamento un informe de avaliación da lei Paz Andrade que substituíu, dixo, por unha comparecencia que non aportou ningún dato nin información. O Goberno, recalcou Pontón incumpre a lei ao igual que incumpre o Plan de Normalización Lingüística aprobado no ano 2004 aprobado por unanimidade e coa obriga da Xunta a establecer “mecanismos de seguimento, control e avaliación informando con regularidade ao Parlamento”, levamos toda unha lexislatura sen cumprir con esta resolución.

A deputada dubidou do cumprimento do plan para a dinamización da lingua galega no tecido económico ante os moitos acordos incumpridos nesta materia polo Partido popular e cualificou de “burla” ao sistema democrático que o Goberno “vulnere sistematicamente os acordos e as leis”.

 

O PP segue cos mesmos prexuízos contra a lingua galega

A deputada reiterou que o Partido popular aínda non rectificou un discurso que lle fixo moito dano a lingua galega, “agresivo e que pon a vítima como verdugo” ademais de alimentar os prexuízos contra o galego argumentando que todas as medidas no ámbito da normalización lingüística “son unha imposición” e que poñen en perigo o castelán na Galiza.

A lingua galega segue nunha situación minorizada cun goberno que durante estes sete anos “lexislou contra o galego”, un goberno que prohibe que algunhas materias se dean en galego, no ensino infantil nas cidades sitúase na marxinalidade, eliminaron o requisito do galego para acceder á función pública, as axudas para a promoción do galego nos concellos, reduciron o apoio ao libro, despediron ao persoal CELGA e constatamos como nestes anos reduciuse a presenza do galego nos medios de comunicación, “algúns deles moi ben subvencionados”.

Non queremos que o galego sega “nas marxes”, queremos ter os mesmos dereitos que os demais e para iso precisase recoñecer o problema, realizar unha diagnose acertada e rectificar todos aqueles ámbitos nos que se aplicou unha política de “demolición”, concluíu.

Hemeroteca